Igualdade de xénero nas cooperativas. Novidades da Lei 1/2026 de impulso da economía social

O pasado abril aprobouse a Lei 1/2026, do 8 de abril, integral de impulso da economía social, co fin de actualizar o marco normativo da economía social, axustando un modelo eficaz ás novas circunstancias económicas e sociais. Así, esta lei, que non ten contido propio, modifica de xeito amplo a Lei 27/1999, do 16 de xullo, de Cooperativas e a Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción, e efectúa cambios na Lei 5/2011, do 29 de marzo, de Economía Social e na Lei 20/1990, do 19 de decembro, sobre Réxime Fiscal das Cooperativas.

Esta norma introduce, ademais, novidades importantes en materia de igualdade de xénero, enfocándose principalmente no ámbito das cooperativas. Para tratar de corrixir as fendas de xénero na participación e na estrutura dos órganos de goberno, na conciliación e no acceso a determinados sectores, a lei articula unha serie de medidas crave, sendo unha das súas principais achegas o recoñecemento explícito da necesidade de integrar os plans de igualdade nas cooperativas de traballo asociado. A continuación, abordaremos algúns dos factores máis salientables desta normativa en materia de igualdade laboral e o papel das cooperativas como axentes de cambio.

Principais novidades da Lei 1/2026 en materia de igualdade

Entre os aspectos máis significativos da lei, atópase a introdución da igualdade de xénero no núcleo do réxime cooperativo. A igualdade deixa de ser unha referencia dispersa para converterse nunha peza orgánica. Estas son as principais novidades ao respecto:

  • A igualdade de xénero intégrase de xeito directo na gobernanza, a distribución de postos de representación e nos procesos de participación interna.
  • Obrigación. As cooperativas teñen que garantir a igualdade de trato e de oportunidades entre as persoas socias (Artigo 12 bis).
  • Presenza equilibrada. Establécese unha proporción de 40/60 para asegurar unha presenza equilibrada de mulleres e homes nos órganos e estruturas das cooperativas (Artigo 19).
  • Comisión de igualdade. Permítese crear mediante os estatutos sociais a Comisión de Igualdade, un órgano especializado para impulsar a participación equilibrada, a conciliación corresponsable, a prevención da violencia e do acoso, e a mellora da contorna de traballo (Artigo 44 bis).
  • Plans de igualdade. Incorpórase un marco específico para os plans de igualdade adaptados ás socias e os socios das cooperativas, con diagnóstico, contido mínimo, seguimento e inscrición pública, conectando a norma coa lexislación laboral xeneral (Artigo 83 bis). Por tanto, a lei integra ás socias e socios traballadores sen anular as normas establecidas polo Real Decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e modifícase o Real Decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, no que quedaban excluídos da cuantificación do número de persoas traballadoras da empresa, convivindo o plan de índole societario e o plan de carácter laboral se hai persoas traballadoras por conta allea.

As cooperativas como axentes de cambio

A Lei 1/2026 deixa en mans das cooperativas a posta en práctica e o desenvolvemento destas medidas, concedendo maior flexibilidade para a adaptación dos plans de igualdade ás diversas realidades cooperativas. A incorporación destes plans vai incidir nas condicións de traballo, nos procesos de participación, na distribución do poder interno e na configuración dos órganos de goberno destas sociedades. Por tanto, as cooperativas terán que revisar as súas dinámicas internas para integrar de xeito efectivo a igualdade no seu funcionamento e nas súas estruturas organizativas.

Neste sentido, parten con vantaxe para converterse en axentes de cambio pola súa propia natureza baseada en valores de equidade. A súa estrutura horizontal facilita que a implementación destas medidas de igualdade non se perciba como unha imposición, senón como unha extensión lóxica dos principios cooperativos. Desta forma, as actuacións para garantir a paridade nos órganos de representación, a conciliación corresponsable ou a eliminación de fendas salariais alíñanse cos seus obxectivos.

Por outra banda, a esencia equitativa do modelo cooperativo permite abordar a igualdade de xénero desde unha perspectiva transformadora. Ao enfocarse nas persoas e non no capital, as cooperativas teñen maior predisposición para cuestionar estereotipos e roles tradicionais, fomentando a participación feminina en todos os niveis e ámbitos da organización. A propiedade colectiva e a xestión democrática tamén reducen a resistencia ao cambio, porque as decisións se toman de xeito participativo para favorecer ao colectivo.

A Lei 1/2026 representa un punto de inflexión na configuración do réxime cooperativo, ao converter a igualdade de xénero nun eixo estrutural do seu funcionamento. A incorporación de mecanismos concretos para alcanzar a igualdade real e efectiva pode converter ao modelo cooperativo nun motor de cambio. Con todo, a flexibilidade da norma esixe un compromiso real das organizacións para desenvolver accións concretas e garantir que transformen as dinámicas internas de participación e funcionamento.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración conta con programas específicos que fomentan a igualdade laboral e a conciliación dos que poden beneficiarse as cooperativas para comezar a implementar estas medidas. Por exemplo, para implantar plans de igualdade ou de para fomentar a flexibilidade laboral como medida de conciliación da vida laboral e familiar. Así mesmo, existen outros programas que ofrecen incentivos adicionais a cooperativas cando hai unha participación maioritaria de mulleres ou en sectores onde están subrepresentadas ou cando se incorporan socias maiores de 45 anos. Ademais, desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais ponse ao dispor das cooperativas e outros axentes interesados material de divulgación e recursos —como a análise do papel cooperativo— que destacan a inclusión da muller na economía social e as contornas seguras que fomentan a súa participación activa.