A corresponsabilidade é “a responsabilidade compartida dunha situación ou actuación determinada entre dúas ou máis persoas. As persoas corresponsables posúen os mesmos deberes e dereitos na súa capacidade de responder polas súas actuacións nas situacións ao seu cargo” tal e como se indica no apartado de conceptos básicos da nosa web. De forma habitual enténdese a corresponsabilidade como a distribución equilibrada, equitativa e funcional da planificación, organización e realización dos labores domésticos, do coidado de menores e de persoas dependentes, dos espazos de educación e do traballo remunerado. Tradicionalmente os espazos de coidados e as súas tarefas foron ocupados polas mulleres, pero a corresponsabilidade fainos reflexionar sobre a necesidade de repartir todas as tarefas e o seu peso entre todas as persoas dos fogares.
O papel da conciliación da empresa na corresponsabilidade
Parece que o termo da corresponsabilidade queda relegado ao espazo persoal, pero as empresas e entidades teñen un gran papel para que a corresponsabilidade se estenda cada vez máis, aplicando medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por exemplo. As medidas de conciliación nas empresas poden seguir dúas vías. Por unha banda, seguir o ronsel das condicións que se establecen por lei e melloralas. Doutra banda, poden deseñar medidas completamente novas que non estean recollidas en ningunha lei ou norma de obrigado cumprimento. A implantación de medidas de conciliación pode axudar á corresponsabilidade das tarefas, que só será efectiva, se ademais se establece un verdadeiro cambio a nivel social, xa que a desigualdade é un problema estrutural da sociedade.
Na Guía de corresponsabilidade do Instituto das Mulleres identifícanse catro axentes responsables de impulsar a corresponsabilidade e como estes deben traballar para impulsar e conseguir unha corresponsabilidade real e efectiva. A continuación desagregamos os axentes e as súas funcións:
- As administracións públicas teñen a obrigación de promocionar a conciencia cidadá, establecer unha rede pública de apoio ou impulsar a adaptación de horarios de servizos públicos e privados.
- As organizacións sindicais traballarán sensibilizando a empresas e persoas, por exemplo, a través da formación.
- As organizacións cidadás e empresas deben concienciarse e mellorar a normativa en relación á conciliación e detectar as necesidades da poboación e reivindicar a súa cobertura.
- Homes e mulleres deben educar en igualdade, facer unha repartición equilibrada das tarefas e do uso do tempo que se dedica ás mesmas, prestando especial interese naquelas tarefas invisibilizadas.
Unha reflexión fundamental que debemos extrapolar é que os ámbitos públicos e privados están relacionados e conectados, ningún é privativo de mulleres ou homes. Por todo iso, establecer medidas de conciliación na empresa é fundamental para lograr a igualdade.
Corresponsabilidade impulsada dende a empresa
A corresponsabilidade permite que as persoas traballadoras concilien o traballo na empresa coa súa vida familiar e persoal, permitindo que adapten os seus horarios e tarefas de forma equilibrada. Esta forma de desenvolvemento permite que as persoas teñan máis tempo de calidade tanto a nivel persoal como no profesional, permitindo que sexan máis produtivas e se sintan máis motivadas no traballo, favorecendo un mellor clima laboral. A mellora do ambiente de traballo é unha cuestión relevante dentro da cultura corporativa e a implantación de medidas de conciliación e corresponsabilidade poden axudar á súa consecución.
Para o desenvolvemento da corresponsabilidade desde a empresa pódense realizar unha serie de medidas concretas como as detalladas a continuación:
- Establecer mecanismos de conciliación centrados na flexibilización da xornada e/ou no horario de traballo. Por exemplo, facilitar a entrada ou saída a diferentes horarios para que os traballadores poidan levar ou recoller aos e as menores dos centros educativos.
- Crear servizos de apoio á conciliación. Facilitarlles ás persoas que traballan na empresa unha escola infantil para as e os menores baixo a súa responsabilidade ou unha escola infantil propia da empresa.
- Crear un plan de beneficios sociais centrado na conciliación e corresponsabilidade.
- Facer un seguimento e avaliación continua, para comprobar que aos beneficios ofertados se acollen mulleres e homes por igual.
En calquera caso, cando se fala de corresponsabilidade téndese a pensar no coidado de menores, pero non se debe perder o foco que implica máis aspectos, como o coidado de familiares, de persoas maiores ou persoas dependentes, tarefas e responsabilidades do fogar, etc.
Axudas da Xunta de Galicia á conciliación
Desde a Xunta de Galicia apóiase activamente que as empresas de Galicia aposten por unha conciliación que consiga a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e que acabe cos estereotipos de xénero a todos os niveis. É por iso, que anualmente se publican axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE). Neste ano, a publicación de axudas efectuouse o 10 de febreiro no DOGA a través da ORDE do 31 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e procédese á súa convocatoria para o ano 2023 (códigos de procedemento TR357B, TR357C e TR357D), e a segunda liña está dedicada en exclusiva á implantación de medidas de conciliación na empresa, con tres aspectos subvencionables:
- Sublínea 1. Incentivos económicos para o fomento do teletraballo
- Sublínea 2. Incentivos económicos para o fomento da flexibilidade horaria
- Sublínea 3. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo
Apostar pola corresponsabilidade no ámbito laboral, a través de medidas de conciliación, é apostar pola igualdade entre mulleres e homes.