Feminización e masculinización da economía: causas e consecuencias

A pesar dos avances das últimas décadas, mulleres e homes seguen distribuíndo o seu tempo de xeito diferente entre o traballo remunerado, as tarefas do fogar e os coidados, evidenciando a división de xénero do traballo, tanto no uso do tempo como nos salarios percibidos e a súa participación dentro da forza laboral. En España, a porcentaxe de mulleres que forman parte da poboación activa está a achegarse ao dos homes, cun 47,15% fronte ao 52,85% segundo os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa do INE. Con todo, continúan a desempeñar un menor número de ocupacións e enfrontando distintos obstáculos para acceder a determinados postos de traballo e seguir avanzando na súa carreira profesional.

Neste contexto, os conceptos de “feminización” e “masculinización” da economía cobran especial importancia e reflicten a estrutura da participación de xénero nos diferentes sectores do mercado laboral. Unha participación que está condicionada por aspectos sociais, culturais e políticos que afectan o desenvolvemento sostible e á igualdade de oportunidades.

Que é a feminización e a masculinización da economía?

A feminización da economía fai referencia á interrelación entre xénero e economía, poñendo o foco en que, pese ao aumento progresivo da participación das mulleres en actividades económicas, esta concéntrase en áreas asociadas aos roles  considerados tradicionalmente femininos, como a educación, a saúde, o comercio e certos sectores de servizos. Isto leva consigo, a miúdo, salarios máis baixos e condicións laborais máis precarias.

Pola súa banda, a masculinización da economía refírese á predominancia ou concentración de homes en determinados sectores económicos, especialmente naqueles vinculados a industrias pesadas, tecnoloxía, finanzas e cargos directivos de alto nivel. Aínda que nalgúns contextos tamén pode incluír unha segmentación baseada no xénero, en xeral, relaciónase coa persistencia de estruturas masculinas en certos ámbitos económicos.

Este fenómeno de concentración de man de obra feminina e masculina en diferentes sectores económicos coñécese co nome de segregación do mercado de traballo.

Causas

As causas que explican estes fenómenos son varias e moitas veces están interrelacionadas. No caso do incremento da presenza das mulleres no mercado laboral, estas son algunhas das máis salientables:

  • Transformacións sociais e culturais. A loita polos dereitos reprodutivos, a igualdade de xénero e a incorporación das mulleres á educación superior, así como a expansión de políticas de igualdade e a sensibilización social contribuíron a aumentar as súas oportunidades laborais, aínda que xeralmente condicionadas pola necesidade de conciliar co traballo doméstico e os coidados.
  • Políticas públicas e marco legal. A implementación de normativa que promove a igualdade laboral, a protección contra a discriminación e a conciliación entre a vida privada, familiar e laboral foi fundamental para facilitar a incorporación das mulleres en diferentes ámbitos económicos.
  • Factores económicos. A diversificación das fontes de ingresos e a necesidade de dar resposta a cambios demográficos, como o envellecemento da poboación, son factores que fomentaron a integración do potencial feminino, aumentando así a súa participación no mercado de traballo.

En canto á segregación do mercado de traballo, estas son as súas principais causas:

  • A persistencia de estereotipos de xénero que asocian aos homes con determinados traballos.
  • A equiparación de funcións entre o traballo remunerado e o doméstico. A saída das mulleres do espazo doméstico para integrarse no mercado laboral resultou, en moitos casos, na súa incorporación en sectores nos que se desempeñan funcións de coidados.
  • A percepción de roles tradicionais que asignan aos homes o liderado e a autoridade na economía.
  • A discriminación, directa ou indirecta, que limita o acceso e permanencia en certos postos de traballo ás mulleres.

Consecuencias

As transformacións da composición de xénero na economía teñen efectos positivos e negativos que impactan na estrutura social e no desenvolvemento económico. Entre as máis notables da feminización, atópanse:

  • Maior igualdade de xénero. O aumento na participación feminina pode contribuír a reducir as fendas salariais e desafiar estereotipos tradicionais, promovendo sociedades máis xustas e equitativas.
  • Crecemento económico. A participación plena das mulleres na economía pode incrementar o Produto Interior Bruto (PIB).
  • Desafíos ao benestar laboral. A segregación do mercado de traballo conleva, en certos escenarios, situacións de desigualdade para as mulleres coa precarización laboral, a redución salarial, o aumento da carga de traballo e as barreiras para acceder a postos directivos. Esta realidade maniféstase no fenómeno da “feminización da pobreza”, que evidencia a posición de vulnerabilidade de moitas mulleres no ámbito laboral e á que é necesario dar resposta.

Pola súa banda, a masculinización da economía ten estas consecuencias:

  • Persistencia de desigualdades. A concentración de homes en certos sectores pode perpetuar desigualdades estruturais, limitando a diversidade e a inclusión.
  • Segmentación e segregación laboral. A separación de xéneros no mercado laboral pode limitar as oportunidades de crecemento en ambos os grupos.
  • Resistencia a cambios culturais. A masculinización pode reflectir e reforzar estereotipos de xénero que dificultan a igualdade e a incorporación de novas perspectivas.

A feminización e masculinización da economía son fenómenos que reflicten e afectan á estrutura social e produtiva, e presentan desafíos que requiren dun enfoque integral e comprometido. Para abordar estes retos, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais impulsa accións para fomentar, sensibilizar e formar á sociedade, que buscan contribuír a superar a segregación laboral e garantir os dereitos laborais, fomentar a corresponsabilidade, e lograr unha transformación social que desmantele os estereotipos de xénero e facilite a participación plena das mulleres no mercado laboral.