Corresponsabilidade: máis aló do ámbito persoal

Nos últimos anos fálase moito do termo corresponsabilidade que se adoita atribuír ao ámbito familiar, pero a descrición do propio termo non o vincula exclusivamente a este ámbito. En xeral, a corresponsabilidade pódese definir como “a responsabilidade compartida dunha situación ou actuación concreta entre dúas ou máis persoas. As persoas corresponsables posúen os mesmos deberes e dereitos na súa capacidade de responder polas súas actuacións nas situacións ao seu cargo” segundo o noso glosario de termos.  En base a isto, a corresponsabilidade pode e debe darse máis aló do ámbito familiar, débese exercer tamén no ámbito persoal e no laboral coas persoas coas que nos relacionamos. O avance en materia de igualdade nas contornas laborais e na sociedade na última década é notable, pero aínda quedan grandes diferenzas en termos de corresponsabilidade, conciliación e fenda de xénero que se deben seguir recortando. A continuación, desagregamos algunhas das cifras actuais en termos de corresponsabilidade e medidas que se poden aplicar desde as empresas e as persoas traballadoras para que as responsabilidade sexan máis compartidas.

Os estereotipos e roles de xénero, un lastre para a corresponsabilidade

A corresponsabilidade no ámbito familiar e das tarefas domésticas é unha realidade que aínda non é palpable en moitos dos fogares españois. Unha das principais causas de que isto suceda son os estereotipos e roles de xénero que hai asociados a homes e mulleres. Os estereotipos de xénero son unha serie de características que unha sociedade asigna a homes e mulleres, e responden a modelos, valores, comportamentos e actitudes definidos polo sexo das persoas. Estas ideas do imaxinario colectivo debuxan modelos que reflicten como son e deben comportarse os homes e as mulleres, impoñendo unha visión irreal e perpetuando os tópicos. Entre os factores para ter en conta tamén se atopan os roles de xénero, aquelas tarefas que se derivan dos estereotipos. En base a isto deféndese que os homes e as mulleres teñen comportamentos propios da súa condición sexual e os roles son as pautas de comportamento e expectativas que se lle asignan ao xénero masculino ou feminino. Por exemplo, os estereotipos de xénero retratan ás mulleres como máis sensibles e detallistas que os homes e o rol de xénero que se lles atribúe é o de coidadoras, o que levou a que as mulleres asuman unha maior carga de coidados e tarefas do fogar de maneira histórica e así o demostran os datos:

  • Segundo o Instituto Nacional de Estatística de España (INE) en 2021, un 24,4% de mulleres (de 25 a 54 anos) empregadas con 1 fillo traballa a tempo parcial fronte ao 4,1% de homes. No caso de 3 ou máis fillos as porcentaxes son 25,5% de mulleres e 5,0% de homes.
  • No 2021, o 88% das persoas que obtiñan unha excedencia por coidado de fillos e fillas en Galicia eran mulleres.
  • Segundo a Enquisa Nacional de Condicións de Traballo 2015 o 33,9% de mulleres traballadoras dedican catro horas diarias ao coidado e educación de fillos ou netos. O 36,7% de homes que traballan dedican dúas horas diarias a esta actividade.
  • A porcentaxe máis alta de mulleres traballadoras (43,3%) que realizan tarefas domésticas e de cociña dedican dúas horas diarias a estas tarefas. A porcentaxe máis alta de homes traballadores (42,5%) dedican unha hora diaria a estas mesmas tarefas.

O principal escollo para alcanzar a corresponsabilidade é romper cos estereotipos e roles de xénero e ser plenamente conscientes de que tanto homes como mulleres poden desempeñar as mesmas funcións e tarefas. É interesante reflexionar sobre a corresponsabilidade das tarefas do fogar e de vida persoal, que van máis aló da limpeza ou a comida. Quen se encarga dos agasallos familiares, da compra dos libros de texto ou dos exames dos menores, de levar ás mascotas ao centro veterinario, de organizar as quedadas ou as vacacións, de chamar ao restaurante para reservar… Pero non esquezamos o papel das empresas e das persoas traballadoras dentro da sociedade.

Medidas de corresponsabilidade nas empresas

As entidades empregadoras teñen un compromiso coa igualdade laboral adquirido polas normas regulatorias respecto diso, que esixen certos compromisos. En paralelo aos compromisos legais para fomentar o cambio cultural cara á igualdade e corresponsabilidade na empresa pódense ter en conta os seguintes aspectos da Guía sobre corresponsabilidade para homes da Asociación de Entidades de Iniciativa e Intervención Social de Bizkaia, Gizardatz:

  1. Estratexia corporativa con perspectiva de xénero e en igualdade. Para iso será fundamental establecer un Plan de Igualdade que contemple os seguintes puntos, entre os que se destacan as medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral para alcanzar unha maior igualdade dentro da empresa.
  2. Aplicación e fomento da comunicación e comportamentos non sexistas. “Unha empresa igualitaria debe asegurarse de que os seus medios de comunicación non sexan sexistas (…) isto esixe unha atención permanente pois o sexismo pode ser tan sutil e estar tan profundamente arraigado na nosa cultura que sexa difícil de percibir.
  3. Educación interna e concienciación. É fundamental que a empresa, como axente social fundamental, fomente a corresponsabilidade a través da educación, concienciación e sensibilización.
  4. Medidas de conciliación: flexibilidade horaria, teletraballo, ampliación dos permisos regulados para  coidado de menores, servizos para as persoas traballadoras.

No ámbito das persoas traballadoras tamén hai moito que se pode facer para a corresponsabilidade das tarefas laborais. Un primeiro punto será analizar a carga en relación ás e os compañeiros e determinar se existen cargas dispares por mor dos roles de xénero. Tras un primeiro paso de concienciación, será determinante cambiar actitudes e actuacións. Quizais as mulleres da oficina sexan as que se encargan sempre dos agasallos nas xubilacións ou de organizar as ceas de nadal.

Repensar e cambiar as nosas formas de actuar con perspectiva de xénero axuda a construír contornas máis corresponsables no ámbito persoal, familiar e laboral.