Como constituír a Comisión Negociadora de Igualdade?

Unha das dúbidas máis comúns nas empresas á hora de comezar a elaboración dos seus plans de igualdade, é como constituír a Comisión Negociadora de Igualdade. Ata a publicación do Real Decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e modifícase o Real Decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, non existían unhas normas comúns máis aló de saber que debía ser paritaria e contar coa representación legal das persoas traballadoras. Pero para empresas onde non había RLPT non existía norma algunha, polo que o habitual era a constitución dunha comisión ad hoc.

Isto xa non é posible hoxe en día. Coa norma na man, e atendendo ao recollido no seu artigo 5, non se permite suplir o cumprimento das esixencias de negociación coa constitución dunha comisión ad hoc. Entón, como se pode constituír a Comisión Negociadora de Igualdade nas empresas? Neste artigo iremos analizando os diferentes supostos recollidos na normativa.

Quen forma parte da Comisión?

A Comisión Negociadora de Igualdade debe estar constituída polas persoas lexitimamente validadas para negociar. Para iso, xérase unha comisión paritaria co mesmo número de persoas por parte da empresa e por parte da representación social da organización. Por parte da representación legal do persoal soamente poderán negociar:

  • Os delegados e as delegadas de persoal.
  • O Comité de Empresa.
  • As seccións sindicais.

Pero a realidade é que existen moitas organizacións que non contan con representantes legais das persoas traballadoras, nestes casos deberase solicitar a participación dos sindicatos que cumpran con dúas condicións:

  1. Ser os máis representativos sector ao que pertenza a empresa
  2. Ter lexitimación para formar parte da comisión negociadora do convenio colectivo de aplicación.

Tendo en conta isto, a representación sindical conformarase en proporción á representatividade no sector e garantindo a participación de todos os sindicatos lexitimados. Pero é importante ter en conta que esta comisión sindical estará validamente integrada por aquela organización ou organizacións que respondan á convocatoria da empresa no prazo de dez días.

Outra opción que se está realizando en moitas empresas é promover un proceso de elección de representantes legais das persoas traballadoras cuxa síntese se pode consultar na  seguinte ligazón proceso establecido polo Ministerio de Traballo e Economía Social e no Servizo Público de Emprego de Galicia.

A parte empresarial

Ningunha da normativa vixente na actualidade en materia de igualdade especifica como se debe conformar a parte empresarial das Comisións Negociadoras de Igualdade. Con todo, é recomendable que:

  • Sexan persoas con coñecemento do funcionamento global da empresa; por exemplo, a xerencia.
  • Teñan responsabilidades directas sobre a xestión laboral na entidade: por exemplo, a dirección de Recursos Humanos.
  • Teñan coñecemento en materia de dereito laboral; por exemplo, a dirección Xurídica.
  • Participen de forma directa na definición sobre as condicións laborais da organización; por exemplo, mandos intermedios.
  • Teñan coñecementos en materia de igualdade.

Ademais, naqueles casos onde a organización forme parte dun grupo de empresas, é habitual que estas persoas pertenzan á empresa matriz do grupo que xestiona todas as entidades dunha forma común.

É importante sinalar que a parte empresarial pode levar, con voz pero sen voto, persoas asesoras en materia de igualdade na empresa.

A parte social

Aquí empezan un pouco as dificultades porque, dependendo de como sexa a nosa empresa, a composición desta parte difire bastante. O máis habitual, é atoparnos con organizacións cun único centro de traballo. Nestes casos, se existe representación legal das persoas traballadoras, son as que están lexitimadas para negociar, tendo en conta que debe ser proporcional á súa representatividade. Se a empresa conta con varios centros de traballo, será o comité intercentros o que ten establecidas competencias para a negociación.

Para estas dúas casuísticas, se o que sucede é que non existe representación legal das persoas traballadoras, a parte social estará conformada polos sindicatos máis representativos e polos sindicatos representativos do sector ao que pertenza a empresa e con lexitimación para formar parte da comisión negociadora do convenio colectivo de aplicación. Hai que ter en conta que a comisión negociadora contará cun máximo de seis membros por cada parte.

Pero aínda temos unha terceira posibilidade. Son as empresas que contan con centros de traballo onde si hai RLPT e centros de traballo onde non. Se isto é o caso da túa empresa, ten en consideración que a parte social estará integrada, por unha banda, polos representantes legais das persoas traballadoras dos centros onde existe (delegación de persoal, comité de empresa e/ou comité intercentros) e, doutra banda, polos sindicatos máis representativos. Nestes casos a comisión negociadora compoñerase dun máximo de trece membros por cada unha das partes.

Se non sabes que sindicatos son os máis representativos para negociar o plan de igualdade na túa entidade, lembra que se o convenio colectivo de aplicación é de ámbito autonómico, a fonte oficial de consulta é o Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e se a túa empresa ten convenios colectivos de ámbito nacional, a Dirección Xeral de Traballo do Ministerio de Traballo e Economía Social.

Outras recomendacións

Para terminar esta publicación é importante saber que o Real Decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e modifícase o Real Decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, recomenda (que non esixe) que a composición sexa equilibrada entre mulleres e homes en cada unha de ambas as partes da comisión negociadora, así como que os seus integrantes teñan formación ou experiencia en materia de igualdade no ámbito laboral.

Máis información na Guía Plans de Igualdade. Preguntas e respostas, da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.