Conciliación: servizos de atención ás persoas

A conciliación da vida familiar e laboral implica a “introdución de sistemas de permiso por razóns familiares e de permiso  parental, de atención á infancia e a persoas de idade avanzada, e creación dunha estrutura e organización da contorna laboral que facilite a homes e a mulleres a combinación do traballo e das responsabilidades familiares e do fogar”. Esta é a definición recollida en 100 palabras para a igualdade. Glosario de termos relativos á igualdade entre mulleres e homes (Unión Europea, 1998). 

Na actualidade tamén é necesario falar de contar con dispoñibilidade de tempo para o desenvolvemento persoal de cada individuo, polo que é mellor falar de conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Por tanto, a conciliación persoal, familiar e laboral facilita que calquera persoa traballadora poida manter ao mesmo tempo unha carreira profesional plena e á vez exercer o seu dereito ao coidado da súa familia, o desenvolvemento da súa personalidade, a súa formación ou o goce do seu lecer e tempo libre.

Axentes participantes na conciliación da vida persoal, familiar e laboral

Se pensamos en quen debe impulsar a conciliación, non se debe pensar soamente nas empresas ou nos diferentes gobernos con competencias na materia. Existe todo un ecosistema de persoas que deben mostrar o seu compromiso coa conciliación:

  • As familias: homes e mulleres compartindo equitativamente a repartición das responsabilidades domésticas e familiares, rompendo desta maneira os roles de xénero existentes. Isto implica, por tanto, a corresponsabilidade sobre a distribución do tempo.
  • As empresas: deseñando políticas de igualdade e aplicando medidas de conciliación laboral, persoal e familiar entre os seus persoais, no marco dos seus plans de igualdade obrigatorios ou voluntarios.
  • As Administracións Públicas: impulsando a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e implantando políticas públicas familiares. 
  • Os sindicatos: propoñendo a inserción de medidas de conciliación persoal, familiar e laboral na negociación colectiva.
  • Os traballadores e traballadoras, exercitando o seu dereito á conciliación dunha forma responsable.

Nesta publicación imos centrar en proporcionar ideas ás empresas para implementar actuacións de conciliación no marco das súas políticas de igualdade laboral, sen perder de vista o papel que cada un destes axentes debe desempeñar para que realmente sexan accións eficaces e efectivas.

 

Medidas efectivas de conciliación: os servizos de atención ás persoas

Os servizos de atención ás persoas son actuacións que facilitan o acceso a servizos de atención a persoas dependentes maiores, menores ou afectadas por diversidade funcional. Neste grupo de actuacións enmárcanse as axudas  extrasalariales e as medidas á marxe do salario que aumentan a calidade no emprego. Por exemplo, as medidas que ofrecen unha retribución flexible, que permiten aforrar aos traballadores e traballadoras en produtos ou servizos como gardería, transporte…

A continuación deixámosvos unha serie de exemplos de servizos que poden poñerse en marcha desde as empresas para fomentar a conciliación. Podedes atopar máis información detallada na nosa web de Igualdade Laboral, no correspondente apartado de conciliación.

 

  1. Servizo de escola infantil externo á empresa. Facilitarlles ás persoas que traballan na empresa unha escola infantil para as e os menores baixo a súa responsabilidade. Esta medida pode executarse de dúas formas diferentes: que a empresa asuma o custo da praza na escola infantil (a modo de beneficio social) ou que sexan as empregadas e empregados quen o asuma, pero que se beneficien de descontos e dereitos preferentes de acceso ao centro.
  2. Servizo de escola infantil interno á empresa. Proporcionar este servizo nas propias instalacións ou crealo de maneira mancomunada entre varias empresas que compartan esta necesidade, no suposto de localización en polígonos industriais ou outros recintos de concentración de empresas. 
  3. Servizo de atención infantil ou canguros durante as viaxes. Ás persoas traballadoras que teñan que viaxar por motivos profesionais a empresa facilitaralles a cobertura das necesidades de atención das e dos menores que teñan baixo a súa responsabilidade.
  4. Centros de día. Facilitar ao persoal o coidado das persoas maiores dependentes que teñen ao seu cargo. Pódese facer de varias maneiras: centro propio da empresa (de maneira similar aos servizos de escola infantil); concertos con centros para que as persoas que traballan na empresa se beneficien dos dereitos preferentes de inscrición e descontos negociados ou subvención total ou parcial dos custos do centro.
  5. Servizo de atención individual de persoas dependentes. A empresa pon ao dispor das empregadas e empregados un servizo para atender os problemas puntuais que poidan xurdirlles no coidado de persoas dependentes baixo a súa responsabilidade. Adoitan ser servizos subcontratados dos que só se fai uso cando xorde a necesidade (por exemplo, acompañar a unha consulta médica a persoas dependentes, compañía no domicilio, servizo de comidas a domicilio para persoas dependentes…). 
  6. Sala de lactación na empresa. As traballadoras en período de lactación natural e os traballadores e traballadoras con menores lactantes, teñen á súa disposición nas instalacións da empresa unha sala acondicionada para a realización de tal función, xa sexa de forma natural ou artificial.
  7. Sala de repouso para traballadoras embarazadas. As traballadoras embarazadas requiren de tempos de descanso e repouso durante a xornada laboral para o que poden dispoñer dun espazo adecuado nas instalacións da empresa.
  8. Comedor de uso individual. A empresa pon ao dispor do persoal que elixa traer ao traballo os seus alimentos un espazo habilitado como comedor para evitar a perda de tempos nos desprazamentos para xantar e o cansazo derivado deles. Complementario a esta medida poden ser os  tickets restaurantes para poder comer nun establecemento próximo ao centro de traballo.

Que che parecen estas medidas? Existe algunha na túa empresa? Coñeces algunha organización en Galicia que as teña implantadas? Podes enviarnos os teus comentarios a través das nosas redes sociais. Queremos escoitarte!