A elaboración dun plan de igualdade está regulado polo Real Decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real Decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo. Esta norma determina o proceso e fases que debe seguir un plan de igualdade, que son as que se detallan a continuación: a fase de posta en marcha (primeira comunicación e creación da comisión negociadora), a fase de elaboración do diagnóstico (fundamental para poder elaborar correctamente o resto de pasos), a propia elaboración do plan de igualdade (na que se deben establecer os mecanismos de avaliación e revisión), a fase de implantación (na que se desenvolven as accións) e, por último, a fase de seguimento e avaliación do plan de igualdade. Por tanto, a obrigatoriedade de facer o seguimento do plan de igualdade está recollida na lexislación española e ao longo da seguinte entrada debullamos o correcto seguimento.
Que ter en conta na fase de implantación e seguimento do plan de igualdade
Despois de que o plan de igualdade se aprobe pola comisión negociadora comeza a contar o denominado período de vixencia, un espazo de tempo no que se deben desenvolver todas as accións previstas no plan, á vez que se deben de levar un control das actuacións e resultados. Nesta fase de implantación e seguimento os obxectivos son os de verificar os obxectivos do plan, obter información sobre o proceso de execución das medidas, detectar dificultades á hora da implantación e realizar os axustes que sexan necesarios.
Aínda que a normativa non establece unha metodoloxía concreta sobre como facer o correcto seguimento da implantación do plan de igualdade, si que realiza unhas consideracións que deben ser tidas en conta:
- As empresas teñen que conformar unha “comisión ou órgano concreto de vixilancia e seguimento do plan, coa composición e atribucións que se decidan naquel, no que deberán participar de forma paritaria a representación da empresa e das persoas traballadoras, e que, na medida do posible, terá unha composición equilibrada entre mulleres e homes”. Normalmente, a Comisión Negociadora asume o papel do seguimento do plan, unha vez alcanzado o acordo. A súa composición pode variar por cambios nas persoas da empresa ou da representación legal das persoas traballadoras se, por exemplo, se producen cambios tras eleccións sindicais no período de vixencia do plan.
- A frecuencia do “seguimento e avaliación das medidas previstas no plan de igualdade deberá realizarse de forma periódica conforme se estipule no calendario de actuacións do plan de igualdade ou no regulamento que regule a composición e funcións da comisión encargada do seguimento do plan de igualdade”. Ademais indícase que, como mínimo, “unha avaliación intermedia e outra final, así como cando sexa acordado pola comisión de seguimento”. Adoita ser moi habitual realizar unha reunión de seguimento anual.
Actuacións para o correcto seguimento do plan de igualdade
Unha vez nos atopamos na fase de seguimento do plan de igualdade deberanse seguir tres cuestións: facer o desenvolvemento das actuacións, revisar o plan de igualdade e redactar o informe de seguimento. A continuación detallamos cada un destes asuntos:
- Desenvolvemento das actuacións. Como vimos, o seguimento do plan non é algo que deba realizarse sen organización nin planificación, xa que está incluído como un apartado dentro do plan e é unha fase determinante, a realizar en paralelo á execución. No desenvolvemento das actuacións deberíanse ter en conta cuestións como a supervisión da implementación das medidas do plan para realizar por cada área ou a revisión dos indicadores de seguimento, resultado, proceso e impacto, xa que deben ser capaces de achegar información sobre todos os aspectos relacionados co devir do plan. Unha medida que pode axudar a conseguir toda a información necesaria é a elaboración dunha ficha de seguimento de medidas, onde se recolla un resumo da actuación, o momento de execución, os responsables da medida, os medios e recursos empregados para a súa execución e os indicadores de seguimento, todo iso concordando co deseñado no plan de igualdade.
- Revisión do plan de igualdade. Realizar unha revisión do plan de igualdade axuda a engadir, reorientar, mellorar, corrixir, atenuar ou deixar de aplicar algunha das medidas expostas se ao analizalas non se están alcanzando os obxectivos propostos. A normativa obriga a realizar unha revisión do plan de igualdade cando:
– Cando deba facerse como consecuencia dos resultados do seguimento e avaliación.
– Cando se poña de manifesto a súa falta de adecuación aos requisitos legais e regulamentarios ou a súa insuficiencia como resultado da actuación da Inspección de Traballo e Seguridade Social.
– Nos supostos de fusión, absorción, transmisión ou modificación do status xurídico da empresa.
– Ante calquera incidencia que modifique de maneira substancial o persoal da empresa, os seus métodos de traballo, organización ou sistemas retributivos, incluídas as aplicacións de convenio e as modificacións substanciais de condicións de traballo ou as situacións analizadas no diagnóstico de situación que servise de base para a súa elaboración.
– Cando unha resolución xudicial condene á empresa por discriminación directa ou indirecta por razón de sexo ou cando determine a falta de adecuación do plan de igualdade aos requisitos legais ou regulamentarios.
- Redacción dun informe de seguimento, que ademais serve como avaliación do plan de igualdade. Deberase redactar un informe de seguimento cada vez que exista unha reunión da Comisión de Seguimento e resumirá toda a información relativa ás accións que se están desenvolvendo (tomando como base as fichas de seguimento) e achegará evidencias da súa execución.
A avaliación e seguimento dun plan de igualdade son totalmente necesarios para comprobar a idoneidade das medidas que se propuxeron no plan e para facer unha supervisión da súa implantación. Do seu correcto seguimento dependerá que as medidas se estean implementando de forma eficiente, a conveniencia dos futuros plans de igualdade e, o que é máis importante, que a entidade estea a mellorar nos seus cocientes de igualdade de oportunidades para todas as persoas traballadoras.
Para un correcto seguimento do plan de igualdade pódese consultar a lexislación en vigor, a web de recursos de igualdade laboral que a Xunta de Galicia pon ao dispor das empresas galegas ou materiais adicionais, como a Guía Fase 4. Implantación e seguimento do plan de igualdade do apartado de Igualdade na empresa do Instituto das Mulleres do Ministerio de Igualdade.