Claves para o rexistro dun plan de igualdade

Coa actual normativa sobre igualdade laboral, o rexistro dos plans de igualdade é obrigatorio e debe realizarse no Rexistro de Convenios Colectivos, Acordos Colectivos de traballo e Plans de Igualdade (REGCON), segundo se recolle expresamente no Real Decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real Decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo. Así pois, todos os plans de igualdade, obrigatorios ou voluntarios, deben aparecer no REGCON, con independencia de se hai (ou non) acordo entre as partes (a empresarial e a social).

O REGCON conta cunha plataforma en liña que permite facer todos os trámites de forma telemática. Desta forma, as organizacións poden rexistrar, xestionar e facer un seguimento dos seus plans de igualdade de forma máis eficiente. Neste artigo recóllense as claves para rexistrar o plan de igualdade no REGCON, pero hai que indicar que todas as organizacións poden depositar voluntariamente nel as medidas, acordadas ou non:

  • Dirixidas a evitar calquera tipo de discriminación laboral entre mulleres e homes.
  • Dirixidas a promover condicións de traballo que eviten a comisión de delitos e outras condutas contra a liberdade sexual e a integridade moral no traballo, incidindo especialmente no acoso sexual e o acoso por razón de sexo, incluídos os labores no ámbito dixital.

Puntos importantes á hora de rexistrar un plan de igualdade

En primeiro lugar, e aínda que poida parecer obvio, os plans de igualdade rexistrados teñen que contemplar o recollido no Real Decreto 901/2020. Así pois non poderá ser rexistrado un plan elaborado unilateralmente pola empresa. O que si pode rexistrarse son plans negociados e aprobados sen acordo. A principal diferenza radica en que nos primeiros non participa a representación legal das persoas traballadoras no proceso, mentres que nos segundos si que existe a negociación, aínda que esta termine sen acordo entre as partes.

A este respecto débese ter en conta a sentenza 04703/2023 da Sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de data 2/11/2023 que indica que “para a válida aprobación dun plan de igualdade requírese que a empresa comunicase aos sindicatos máis representativos a súa intención de proceder á negociación dun plan de igualdade, pero se os mesmos non responden ao devandito requirimento no prazo de dez días a que se refire o devandito precepto regulamentario temos que entender que a empresa pode proceder á aprobación do devandito plan de igualdade, pois o que se esixe é dar aos sindicatos a posibilidade de participar na negociación do plan, pero obviamente a empresa non pode impoñer aos mesmos dita participación”.

Se o plan de igualdade está listo para rexistrar, un segundo punto importante a ter en conta é o prazo do que dispoñen as empresas para facelo. A solicitude para rexistrar un plan de igualdade debe realizarse dentro dos quince días seguintes á aprobación do mesmo.

Antes de empezar co rexistro, é importante facer unha revisión do proceso e da documentación que se vai a necesitar. Para iso, hai que ter en conta:

  1. Equipamento informático. Debe realizarse desde equipos que:
    1. Teñan instalada a aplicación Autofirma. AutoFirma é unha ferramenta de escritorio con interface gráfica que permite a execución de operacións de firma de ficheiros locais en todas as contornas de escritorio. Ofrece a posibilidade de realizar firmas de calquera tipo de documento de forma sinxela. Ademais, serve para presentar de maneira telemática documentos asinados electronicamente con algún dos certificados electrónicos que teñas instalado no computador. Se non tes Autofirma podes descargala aquí.
    2. Teñan instalado o certificado dixital da persoa nomeada pola Comisión Negociadora do Plan de Igualdade como a responsable de realizar os trámites ante o REGCON.
  2. Revisión da firma da documentación. As negociacións dos plans de igualdade levan asociada gran cantidade de documentación con firma de todas as persoas participantes nelas. Na actualidade está permitida:
    1. Firma manuscrita. Isto implica que todas as persoas teñen que asinar, unha a unha, todas as follas da documentación sobre a que haxa acordo, así como as actas das reunións.
    2. Firma dixital. Existen aplicacións (por exemplo, DocuSign, SignNow, Signaturit, entre outras) que permiten inserir a firma dixital en todas as páxinas do arquivo en cuestión.
    3. Firma electrónica. Realízase a través do certificado dixital e neste caso é válido con inserila nun único lugar do documento. Pódese realizar co Autofirma ou co Acrobat Reader.

Sexa cal for o método de firma acordado pola Comisión Negociadora, ten que ser o mesmo para todas as persoas. Non é posible que unhas fagan a firma por un método e outras por outro.

       3. Contestar as preguntas da Folla Estatística, conforme ao Anexo 2.V do Real Decreto 901/2020, cos datos da propia organización e do seu Plan de Igualdade. Para iso a plataforma conta cun formulario habilitado que se pode cubrir por partes.

4. Ter arquivada toda a documentación lista para subir ao REGCON. Esta documentación é a seguinte:

    1. Acta de constitución da Comisión Negociadora do Plan de Igualdade.
    2. Acta de aprobación do plan de igualdade.
    3. Acta de nomeamento da persoa responsable de rexistrar o plan no REGCON. Aínda que en moitas ocasións este acordo se toma no mesmo momento da aprobación do plan e se reflicte na mesma acta, tense que depositar dúas veces, con distinta nomenclatura.
    4. Plan de igualdade acordado, coas firmas, que conte co Protocolo de acoso sexual e por razón de sexo.
    5. Plan de igualdade acordado, sen as firmas, que conte co Protocolo de acoso sexual e por razón de sexo, en versión Word ou similar e cumprir as condicións detalladas en “Formato dos documentos para o seu envío ao BOE” (pódese consultar na páxina principal do REGCON).
    6. Outros. Neste punto, é necesario engadir:
  • Invitación á participación nas negociacións á RLPT, xa sexa interna da empresa ou externa a través dos sindicatos máis representativos.
  • Actas de resultados das eleccións sindicais na empresa, que recoñezan ás persoas da RLPT. En caso de ser o caso.
  • Nomeamentos das persoas participantes dos diferentes sindicatos.
  • Diagnóstico de igualdade, que inclúa o rexistro retributivo do ano anterior e a auditoría retributiva. Non é obrigatorio subir o diagnóstico completo, pero si que o plan de igualdade conteña un resumo do mesmo.
  • Auditoría retributiva.
  • Documentación adicional da Comisión: regulamento, actas de resto de reunións…

Se a documentación ten asociada firma manuscrita, en primeiro lugar debe escanearse para dixitalizala. Aquí é moi importante realizar os correspondentes axustes no escáner xa que a plataforma non soporta arquivos de máis de 15MB.

Como se observa, o rexistro dos plans de igualdade é un proceso sinxelo pero conleva un certo tempo. É necesario telo en conta e non esquecerse de que sempre poden suceder imprevistos, como un fallo na sede electrónica. Así que desde a Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia animamos ás entidades a que planifiquen o depósito do plan de igualdade no REGCON como parte do propio proceso, para garantir que se optimizan ao máximo o tempo e os recursos dispoñibles.