Cinco razóns polas que repensar a organización dos tempos de traballo na túa empresa

O verán, ademais de supoñer un reto para as nais e pais en canto á conciliación do seu horario laboral co período vacacional das seus fillos e fillas, é un momento idóneo para repensar a organización en asuntos de igualdade laboral, conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Cada vez achegámonos máis a entidades laborais que reflexionan sobre os beneficios dunha organización flexible e unha distribución do tempo de traballo máis meditado. Isto fai que as empresas poidan aproveitar o talento das persoas traballadoras e equilibrar as necesidades de ambas, o cal é fundamental para atopar a harmonía e a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres a nivel laboral. 

Promover medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral é un dos obxectivos da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia e, a través, dos diferentes medios de divulgación e sensibilización dos que dispoñemos promovémola dunha maneira activa. Por unha banda, nesta mesma web atoparás unha ampla listaxe de medidas de conciliación  e na sección de noticias está, entre outras, a entrada, Medidas para conciliar a vida familiar e laboral no verán. 

As empresas actuais baséanse en estruturas temporais que viran ao redor da centralidade do tempo de traballo e premian a dispoñibilidade laboral. O tempo convértese nun elemento crucial para facer visible a relación entre as persoas e o traballo. Pero a sociedade e moitas entidades están a darse conta de que é fundamental que o tempo de traballo permita a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras en equilibrio cos intereses das organizacións.

Atopar ese equilibrio é fundamental e hoxe recompilamos cinco razóns polas que repensar a organización en tempos de traballo. Estes motivos atópanse explicados máis polo miúdo no documento “10 porques para a mellora da organización do tempo de traballo” da Generalitat de Catalunya

Cinco razóns polas que repensar a organización

Poderiamos atopar decenas de razóns para repensar a organización en tempos de traballo para equilibrar o balance entre persoas traballadoras e entidades, pero hoxe ímosche a falar de cinco motivos fundamentais que contribuirán a conseguir un espazo de traballo san. Imos alá!

  1. Mellora o salario emocional

Segundo Adecco o salario emocional defínese como “toda retribución non económica que a empresa presta ao traballador para incentivalo, aumentar a súa produtividade e mellorar o ambiente laboral. Ademais, o salario emocional permite ao empregado satisfacer as súas necesidades persoais ou profesionais, mellorar a súa calidade de vida e fomentar a retención do talento na empresa.” Por tanto, o salario emocional é toda aquela variable destinada a satisfacer as necesidades persoais, familiares e laborais da persoa traballadora para mellorar a súa calidade de vida e a da súa contorna. Chámase emocional porque busca achegar satisfacción a algún dos motivos que acompañan a relación laboral, quizais sexa a autonomía ou a oportunidade de desenvolvemento da persoa traballadora. Sen dúbida que se cre un bo clima laboral e se potencie o salario emocional non exime á entidade de que o salario económico sexa acorde ao posto de cada persoa traballadora. 

      2. Mellora do clima laboral e a satisfacción laboral 

Factores clave para fomentar a satisfacción laboral son, por exemplo, o sentimento de pertenza a unha organización, a sensación de que o traballo está ben recompensado, unha maior autonomía e control sobre o propio traballo, as posibilidades de desenvolvemento profesional e, sen dúbida, a posibilidade de equilibrar a vida persoal, familiar e laboral. No lado oposto da balanza, e que se corresponden con niveis baixos de satisfacción laboral está a duración da xornada laboral, a xornada laboral non flexible e a imposibilidade de modificar o horario laboral.

       3. Diminúe o absentismo laboral 

O absentismo laboral é o incumprimento por parte da persoa traballadora da súa xornada laboral. A falta de cumprimento pode ser por non asistir ao posto de traballo durante un ou varios días ou pola entrada máis tardía ou a saída máis temperá. O absentismo son todas as faltas ao traballo que non están dentro dos convenios laborais nin na relación contractual, nin están xustificadas legalmente. Un informe de Adecco sinala que a taxa de absentismo laboral pasou do 5,5% en 2019 ata o 8,9% no segundo trimestre de 2020, especialmente polas baixas de incapacidade temporal debidas ao COVID-19. Isto supón un alto prexuízo para as entidades en cuestións económicas e  organizacionales. As medidas de conciliación de flexibilidade temporal poderán axudar a reducir este asunto. 

       4. Incrementa a produtividade

É innegable que cando unha persoa traballadora se atopa cómoda e reconfortada no seu posto de traballo, desempeña dunha mellor forma o seu desenvolvemento habitual laboral. Pódese afirmar, por tanto, que se se facilitan horarios e tempos de traballo acordes á vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, estas sentiranse máis aliñadas cos quefaceres laborais e mellorarase a produtividade. Se isto o levamos ao conxunto dunha organización atoparémonos cunha mellora da produtividade global. Ademais, aplicar medidas de igualdade laboral dentro das empresas é un factor de competitividade porque axuda a entender e deseñar unha organización máis eficaz e máis eficiente e porque minimiza riscos de competitividade.

      5. Mellora a calidade de vida das persoas

Que unha persoa traballadora teña flexibilidade de horario de entrada e saída porque ten persoas dependentes ao seu cargo, é sen dúbida, unha mellora da calidade de vida desa persoa traballadora. Se pola contra non se lle dese a posibilidade de facelo tería que buscar ferramentas para solucionalo, o que conleva unha maior tensión e, moi probablemente, perda de poder adquisitivo da persoa traballadora. Apostar por medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral é sen dúbida apostar por mellorar a calidade de vida das persoas.