Que son as accións positivas? Exemplos e situacións

Hoxe queremos compartir con todas as persoas que len o noso blog de igualdade laboral o que son as accións positivas, xa que son unha das medidas máis importantes para combater as desigualdades por razón de sexo. As accións positivas non son algo novo, creado de xeito específico para afrontar as diferenzas entre mulleres e homes. Este tipo de iniciativas xa se empregaron, por exemplo, nos anos sesenta en Estados Unidos para erradicar as discriminacións sufridas pola poboación de raza negra no país (Raquel  Osborne, 1997).

Accións positivas. Definición

O Comité para a Igualdade entre mulleres e homes do Consello de Europa define as accións positivas como “estratexias destinadas a establecer a igualdade de oportunidades por medio de medidas que permitan contrarrestar ou corrixir aquelas discriminacións que son o resultado de prácticas ou sistemas sociais”.

 Dentro das accións positivas pódese diferenciar entre:

  • Accións positivas que favorecen que as mulleres poidan acceder aos recursos nas mesmas condicións que o fan os homes e, para iso, deséñanse medidas temporais que faciliten o seu acceso a recursos como, por exemplo, as accións formativas dirixidas especificamente ás mulleres. Isto sucede no caso de accións formativas deseñadas para mulleres que promoven a súa incorporación e mantemento no mercado laboral. Este tipo de actuacións inciden no punto de partida e no percorrido laboral pero non no resultado.
  • Accións positivas que teñan unha función correctora e actúen no punto de chegada, garantindo os resultados. Teñen como obxectivo igualar a situación e posición de mulleres e homes. Por exemplo, dentro dos plans de igualdade negociados entre a parte social e empresarial pódese incluír que nos procesos de selección fronte igualdade de condicións e méritos, acceda o sexo menos representados nese grupo profesional.

En España, a Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, inclúe por primeira vez no ordenamento xurídico a definición de accións positivas, en concreto, no seu artigo 11:

  • Co fin de facer efectivo o dereito constitucional da igualdade, os Poderes Públicos adoptarán medidas específicas en favor das mulleres para corrixir situacións patentes de desigualdade respecto dos homes. Tales medidas, que serán aplicables en tanto subsistan ditas situacións, haberán de ser razoables e proporcionadas en relación co obxectivo perseguido en cada caso.
  • Tamén as persoas físicas e xurídicas privadas poderán adoptar este tipo de medidas nos termos establecidos na presente Lei.

Introdúcese, por primeira vez, a obrigación das empresas de implantar medidas de acción positiva para corrixir as desigualdades que existan no ámbito das súas relacións laborais.

Ademais, o Estatuto das Persoas Traballadoras no seu artigo 17.4, tamén fala de que a negociación colectiva poderá establecer medidas de acción positiva para favorecer o acceso das mulleres a todas as profesións.

A controversia das accións positivas

A realidade é que as accións positivas a día de hoxe seguen xerando moita controversia, xa que supoñen unha “excepción” ao principio de igualdade xeral. Nas negociacións dos plans de igualdade estas medidas non sempre son entendidas nin pola parte empresarial nin pola parte social. Con todo, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea deixa sentada xurisprudencia respecto ao principio de igualdade de trato baseándose nas seguintes premisas:

  1. O principio xeral é o de igualdade de trato pero este, pola súa propia natureza, non pode ter carácter absoluto. Sempre pode haber excepcións cando estean motivadas por criterios de obxectividade e proporcionalidade.
  2. As excepcións ao principio de igualdade non poden aplicarse extensivamente senón en sentido restritivo.
  3. Supoñen por definición unha acción temporal destinada a eliminar situacións, prexuízos, comportamentos, prácticas culturais e sociais que impiden a un grupo social  infravalorado (sexo, raza, discapacidade…) alcanzar unha situación real de igualdade de oportunidades.

Algúns exemplos de accións positivas

Para coñecer detalladamente as accións positivas, compartimos unha serie de exemplos:

  • Para grupos profesionais masculinizados dentro das empresas:
    • Creación dunha bolsa de traballo soamente de mulleres.
    • Creación dun curso de formación específico para mulleres con posterior compromiso de contratación.
    • Asinar acordos con entidades docentes (universidades, centros de formación profesional…) para favorecer a captación preferente de candidatas con talento e potencial para posicións ou niveis con  infrarrepresentación feminina
  • Para a redución da temporalidade e o reforzo da estabilidade no emprego das mulleres:
    • Dinamizar e xeneralizar o proceso de transformación da contratación temporal en fixa.
    • Promover a contratación indefinida de mulleres.

Desta forma se deixa atrás o sesgo existente no acceso ao emprego.

  • Para o incremento da formación das mulleres para o seu desenvolvemento profesional:
    • Programar accións formativas específicas para mulleres que tiveran deixado  de traballar un tempo (permiso, excedencia) debido a responsabilidades familiares.

As accións positivas son unha forma moi útil para lograr a equidade nas organizacións. Débense integrar dentro dos plans de igualdade ou dentro das súas políticas de promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Desde a Dirección Xeral de  Relacións Laborais da Xunta de Galicia animámosvos a profundar neste concepto e traballalo dentro das organizacións.