Incluír medidas de corresponsabilidade nos plans de igualdade é actualmente unha esixencia normativa que aplica a todas as empresas con máis de 50 persoas traballadoras que teñan a obriga de elaborar un plan de igualdade. A Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes xa recolle o fomento da corresponsabilidade entre mulleres e homes como unha medida correctora da desigualdade entre ambos xéneros no ámbito laboral e o Real Decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e modifícase o Real Decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo presenta o exercicio corresponsable dos dereitos da vida persoal, familiar e laboral como materia de análise e negociación obrigatoria, que se debe traducir en medidas de aplicación específica recollidas no plan de igualdade da empresa.
Así, a nivel lexislativo garántese que as empresas apliquen uns compromisos mínimos en materia de corresponsabilidade e deixa á negociación colectiva a posibilidade de ampliar e reforzar este marco con medidas adaptadas á realidade de cada organización.

A corresponsabilidade nas empresas
Como xa analizamos nunha publicación desta mesma web, as responsabilidades en materia de corresponsabilidade na empresa non se reducen unicamente á entidade en si mesma, senón que as administracións públicas, as organizacións sindicais e os homes e as mulleres traballadoras a nivel individual tamén xogan un papel clave neste proceso de reducir as desigualdades no ámbito laboral.
Aplicar medidas de corresponsabilidade nas empresas máis aló de garantir o cumprimento legal da normativa e convenios laborais, contribúe a aumentar a produtividade do persoal, reduce o absentismo e a rotación, mellora o ambiente de traballo e o clima laboral, xera espazos de traballo seguros que favorecen o desenvolvemento persoal e laboral de todas as persoas, aumenta a implicación e o compromiso do persoal, mellora a imaxe e a reputación da compañía e, sen dúbida, favorece a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e contribúe a reducir as desigualdades laborais entre ambos os sexos.
Medidas de corresponsabilidade efectivas para o plan de igualdade
Baixo este marco, cada empresa ten unha elección: limitarse ao cumprimento normativo ou asumir un compromiso real coa corresponsabilidade. A diferenza non está no que se escribe no plan, senón en se as medidas cambian algo na práctica. Incluír a corresponsabilidade como un apartado do noso plan de igualdade é correcto, con todo, deseñar un plan de igualdade onde a corresponsabilidade sexa un eixo transversal na negociación pode ser o factor panca que contribúa a transformar a cultura da organización e a conseguir unha igualdade laboral real.

A continuación, recollemos algunhas medidas para incluír nos plans de igualdade das empresas que fortalecen o compromiso empresarial coa corresponsabilidade:
- Abordar de xeito explícito e específico a corresponsabilidade masculina con medidas concretas de uso da conciliación por parte dos traballadores varóns. Deseño e implementación de medidas que fomenten o uso dos tempos dedicados a responsabilidades persoais e familiares por parte dos homes, normalizando a súa aplicación e demostrando que isto non terá consecuencias na avaliación do desempeño nin na promoción.
- Medidas de sensibilización e formación interna en materia de igualdade e corresponsabilidade. Con formacións para todo o persoal e cursos de formación específicos para mandos intermedios varóns en materia de xestión de equipos, nesgos de xénero, corresponsabilidade e igualdade de oportunidades.
- Melloras dos permisos legais de conciliación familiar (permisos por nacemento e adopción, por garda legal de menores ou coidado de persoas dependentes). Poñendo especial atención na mellora dos permisos remunerados de paternidade e maternidade, lactación, permisos retribuídos por coidados e melloras nas excedencias ou permisos non remunerados.
- Beneficios sociais. Deseño de axudas extrasalariais e medidas á marxe do emprego que contribúan á conciliación da vida persoal e laboral, ao desenvolvemento da carreira profesional e á estabilidade laboral. Por exemplo axudas económicas por nacemento de menores e escolaridade ou ticket gardería, seguro médico ou ticket ou servizo de restaurante subvencionado.
- Medidas de organización da xornada laboral e distribución de tarefas:
- Flexibilidade horaria e espacial. Sempre que a posición o permita, flexibilidade nos horarios de entrada e saída, así como na localización da persoa traballadora. Ofrecer traballo en remoto cando sexa posible.
- Xornada intensiva en datas sinaladas (venres, verán, nadal, semana santa…).
- Realizar un seguimento e medir o impacto das medidas implementadas desagregado por sexo. Para coñecer a efectividade real dunha medida específica é necesario implementar unha metodoloxía de medición e unha serie de indicadores que permitan coñecer se a medida está a cumprir co seu obxectivo con datos desagregados por sexo. Neste caso, é importante analizar os datos por sexo para entender que porcentaxe de mulleres e que porcentaxe de homes está a acollerse a cada unha das medidas para detectar fendas e actuar sobre elas (no caso de que as houbese).
Desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia impulsamos accións que favorecen a implementación de medidas para garantir a conciliación e a corresponsabilidade no ámbito empresarial. Así, anualmente convocamos a liña de apoio á conciliación da vida persoal, familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da xornada de traballo co obxectivo de impulsar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes en Galicia, a través de incentivos á conciliación da vida familiar e laboral, como medida de fomento da corresponsabilidade para os homes traballadores.
Animamos ás organizacións a implementar medidas de corresponsabilidade nos seus plans de igualdade que vaian máis aló do cumprimento legal para favorecer a igualdade real no tecido empresarial galego como comunidade pioneira en materia de igualdade.