Que tipo de formacións en materia de igualdade podo incluír no plan de formación da miña empresa?

A igualdade laboral non só representa un compromiso ético e social, senón que tamén se consolidou como un elemento estratéxico para o éxito empresarial. A diversidade e a inclusión fomentan a creación de ambientes laborais máis innovadores, produtivos e sostibles. Por iso, é fundamental que as empresas incorporen nos seus plans de formación accións específicas en materia de igualdade, co obxectivo de sensibilizar, formar e promover boas prácticas entre as súas persoas traballadoras e cargos directivos.

O plan de formación das empresas pode contemplar diferentes temáticas para ofrecer un abanico de cursos no ámbito da igualdade, nos que varían o seu obxectivos, contidos e beneficios en función tamén das persoas destinatarias. A continuación presentamos algunhas ideas que poden incluír as empresas nos seus programas.

É importante lembrar que o Estatuto dos Traballadores recolle no seu artigo 64.5, que o comité de empresa ten dereito a emitir informe, con carácter previo á execución por parte da empresa do plan de formación, entre outros.

Formación en materia de igualdade

A capacitación en materia de igualdade contribúe a promover contornas de traballo xustas, inclusivas e libres de discriminación. Así, as empresas non só cumpren coa lei, senón que tamén fomentan unha cultura organizacional máis equitativa e respectuosa. Estes programas formativos permiten que tanto as persoas traballadoras como os cargos directivos comprendan os mecanismos para previr condutas discriminatorias, favorecer a diversidade e fortalecer a cohesión interna. Entre os distintos tipos de formación, pódense incluír cursos de sensibilización, de especialización por departamentos, ou de capacitación para desenvolver as actuacións do plan de igualdade, entre outros. Estes son algúns exemplos:

  • Formación en conceptos básicos de igualdade e non discriminación, dirixida a todo o persoal da empresa, especialmente ás persoas responsables de recursos humanos e a mandos intermedios. A súa finalidade é proporcionar un marco conceptual claro sobre a igualdade de oportunidades, a non discriminación e os principios fundamentais que rexen o marco legal e ético en materia laboral.
  • Formación en igualdade de xénero no ámbito laboral, dirixida a todo o persoal da empresa e orientada especificamente a promover a igualdade entre mulleres e homes, abordando as desigualdades existentes (brechas de xénero, estereotipos e nesgos etc.) e propoñendo estratexias para superalas en todos os niveis da organización.
  • Formación en diversidade e inclusión para ampliar o foco cara a outras dimensións da diversidade, como idade, discapacidade, orientación sexual e identidade sexual, orixe étnica, relixión, entre outras. O seu obxectivo é crear conciencia sobre o valor da diversidade e como aproveitala para o crecemento da organización.
  • Formación en prevención do acoso sexual e por razón de sexo, que adoita estar contemplada nos plans de igualdade e é crucial para sensibilizar, previr e dotar de ferramentas que permitan actuar ante estas condutas a todo o persoal da empresa.
  • Formación en liderado inclusivo, dirixida a responsables e cargos directivos para potenciar habilidades de liderado que favorezan a igualdade e a inclusión en todos os niveis.
  • Formación en comunicación e sensibilización en igualdade, que desempeña un papel fundamental na implementación efectiva dos plans de igualdade, xa que permite promover unha cultura organizacional sensibilizada e comprometida coa igualdade de oportunidades. A través desta formación, facilítanse coñecementos e habilidades que contribúen a identificar e eliminar nesgos, estereotipos e prácticas discriminatorias na contorna laboral, e a promover unha linguaxe respectuosa e inclusiva, fomentando un clima respectuoso. Ademais, a sensibilización permite que todos os axentes implicados comprendan a importancia dos obxectivos establecidos nos plans de igualdade, facilitando a súa integración na cultura corporativa e asegurando a sustentabilidade das accións destinadas a promover a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.

Desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais continuamos  apostando pola formación en igualdade e polo noso Campus de Igualdade, onde ofrecemos a todo tipo de organizacións, talleres e cursos formativos, de diferentes temáticas, carga horaria e modalidade de impartición. Ademais, para a Xunta de Galicia é moi importante que as entidades invistan en formación en igualdade de oportunidades ao seu persoal, por iso é un dos criterios que se valorarán para a obtención da Certificación Galega de Excelencia en Igualdade. Así, por exemplo, para poder optar ao distintivo requírese a concorrencia dunha serie de condicións, tales como a esixencia dunha formación mínima de oito horas en igualdade laboral para as persoas que representan á organización na Comisión Negociadora e na Comisión de Seguimento do Plan de igualdade ou que se executen accións de sensibilización e formación a todo o persoal da entidade e ás persoas que as representen, en materia de violencia no traballo, acoso sexual e por razón de sexo.