Cando quedan menos de dúas semanas para que finalice o 2024, desde a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, queremos compartir unha reflexión sobre os avances destes últimos doce meses en materia de igualdade laboral. No ámbito normativo, houbo tres fitos importantes a nivel autonómico e nacional cuxo desenvolvemento supuxo un paso adiante ao longo deste ano. Por unha banda, a Nova Lei de Igualdade de Galicia aprobada a finais de 2023, cuxo Título III está dedicado en exclusiva á igualdade de mulleres e homes no emprego e nas relacións laborais. Por outra banda, a entrada en vigor da Lei 4/2023, do 28 de febreiro, para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI, que constitúe o principal texto lexislativo relativo ás medidas e obrigacións das empresas con respecto a este colectivo, e da Lei Orgánica 2/2024, do 1 de agosto, de representación paritaria e presenza equilibrada de mulleres e homes, que garante a representación efectiva das mulleres nos ámbitos decisorios da vida política e económica.
Ademais, o Goberno galego promoveu diversas medidas e iniciativas para alcanzar a igualdade de oportunidades no mercado de traballo. Estas materializáronse, por exemplo, na concesión de axudas destinadas a impulsar a contratación feminina en ocupacións masculinizadas ou a adaptar os espazos ou os postos de traballo nas empresas. Tamén na posta en marcha de programas como Lideramos, centrado en impulsar o talento e liderado femininos, ou a continuación de campañas de sensibilización como Ti elixes, para promover nos centros de secundaria a elección de profesións sen atender a prexuízos de xénero. De igual maneira, mantívose unha actividade intensa no noso Campus en liña de igualdade laboral, con máis de 6.000 persoas usuarias, que participaron nas accións gratuítas de formación e sensibilización organizadas para fomentar a igualdade no ámbito do traballo.
Con todo, é necesario seguir a traballar para acelerar as reformas políticas e implementar as actuacións necesarias para eliminar os numerosos obstáculos que aínda sosteñen as desigualdades aínda presentes no mercado laboral e que recollemos a continuación.
Pechar as fendas de xénero no emprego

De acordo co último informe do Banco Mundial, a fenda de xénero global no lugar de traballo é moito maior do que se pensaba. Ao ampliar a análise con dous novos indicadores (a seguridade fronte á violencia e o acceso a servizos de coidados infantil), este estudo puxo de manifesto que as mulleres gozan só do 64% das proteccións legais que teñen os homes e que ningún país ofrece igualdade de oportunidades para as mulleres, nin sequera as economías máis ricas. De feito, detectouse un desfasamento entre as reformas legais efectuadas e os resultados reais para as mulleres debido a unha implementación deficiente da normativa. En xeral, establecéronse menos do 40% dos sistemas necesarios para un desenvolvemento completo das medidas. Por exemplo, 98 economías promulgaron lexislación que estipula a igualdade salarial por traballo de igual valor. Con todo, só 35 economías adoptaron medidas de transparencia salarial ou mecanismos de cumprimento para abordar a fenda salarial.
Por tanto, é necesario traballar para lograr a implementación efectiva das leis de igualdade de oportunidades, co desenvolvemento dun marco de apoio adecuado, que inclúa mecanismos de cumprimento sólidos, un sistema para rastrexar disparidades salariais relacionadas co xénero e a dispoñibilidade de servizos para as mulleres que mitiguen os efectos dos roles que desempeñan no seu ámbito familiar.
Representación e liderado
Os datos do World Economic Forum sinalan que as mulleres representan o 42% da man de obra mundial e ocupan o 31,7% dos altos cargos, por detrás dos homes en case todas as industrias e economías. Ademais, seguen tendo dificultades para acceder a postos de alta dirección e son as maiores damnificadas polo contexto de desaceleración económica actual.

A pesar de que a representación feminina nos ámbitos científico e tecnolóxico aumentou notablemente na última década e as mulleres están a lograr importantes avances formando parte do talento de sectores como o da IA, seguen estando pouco representadas en comparación cos homes. É importante mellorar a capacitación das mulleres nestes campos para que poidan desempeñar un papel activo na transición tecnolóxica e garantir a súa igualdade de oportunidades no futuro mercado de traballo.
O impacto económico da desigualdade laboral
O Índice ClosinGap cuantifica o impacto da desigualdade laboral coas súas distintas fendas de xénero sobre o PIB español. Na súa última edición, determinou que, se se eliminasen as desigualdades de xénero no ámbito laboral (en canto a participación, xornada e produtividade), a economía española podería experimentar un crecemento de 213.013 millóns de euros, o que equivalería ao 15,8% do PIB de 2022. Estes datos poñen de manifesto a necesidade de abordar a desigualdade de xénero desde unha óptica non só social, senón tamén económica.
É imprescindible seguir sumando esforzos para reverter as fendas do mercado laboral e reducir o tempo para alcanzar a igualdade efectiva de oportunidades.