Comezamos un novo ano e desde a Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia queremos compartir con todas as persoas que len o noso blogue, que o noso principal desexo para este ano que comeza é lograr o progreso da igualdade de xénero, principalmente vinculada á área laboral. E iso, que quere dicir? Explicámoscho máis detidamente ao longo deste texto.
Máis mulleres liderando empresas
Segundo o informe Women in Business 2021, elaborado por Grant Thornton que analiza a empresas de 50 a 500 empregados, cotizadas e non cotizadas, a cifra de mulleres directivas en España sitúase no 34% por segundo ano consecutivo. Así pois, son moitos os obstáculos para vencer para lograr o liderado e a participación das mulleres na toma de decisións sobre estratexia empresarial. Esta realidade contrasta coa súa indubidable capacidade como líderes e axentes de cambio.
Este documento tamén fala de que os cambios nas tendencias laborais derivadas da pandemia é probable que teñan un efecto positivo no futuro das mulleres líderes. Pero para logralo alúdese á necesidade de considerar todo o que se fai para fomentar a diversidade e a inclusión non como unha moda ou un proxecto ad hoc destinado a cumprir o expediente, senón dun compromiso real co cambio a longo prazo. Isto indica que todo o que se faga ao longo de 2022 é posible que non teña un impacto notable ata dentro de cinco anos. Non é posible cambiar estruturas organizativas complexas nas empresas da noite para a mañá, pero o compromiso da cúpula directiva é vital para conseguir este obxectivo.
Máis apoderamento económico
O poder e a independencia económica das mulleres contribúe directamente á igualdade de xénero, a erradicación da pobreza e o crecemento económico inclusivo. As mulleres contribúen de maneira moi significativa ás economías, xa sexa en empresas, nas granxas, como emprendedoras ou empregadas ou traballando como coidadoras domésticas non remuneradas.
En 2020, en toda España, a poboación activa era de 23 millóns de persoas (datos da Enquisa de Poboación Activa que elabora o Instituto Nacional de Estatística). De todas elas, ao redor de 19 millóns tiñan emprego e máis de 8,7 millóns eran mulleres. Traducindo estes valores a porcentaxes, a participación feminina no mercado laboral é de case o 46% en 2020.
Estes valores pódennos facer pensar que a posición da muller é igualitaria á do home no mercado laboral. Nada máis lonxe da realidade. Analizando máis valores que nos ofrece o INE no seu estudo Mujeres e Homes en España, con datos máis actuais de 2018, o salario anual máis frecuente nas mulleres (15.484,4 euros) representou o 83,8% do salario máis frecuente nos homes (18.470,8 euros).
Aquí temos unha ecuación moi complexa onde entran en xogo como variables non só o salario percibido, senón o tipo de contrato, o tipo de xornada, as reducións por conciliación… Para iso, os plans de igualdade nas empresas, o rexistro e a auditoría salarial son ferramentas que despegarán en 2022 e axudarán a crear condicións laborais máis igualitarias.
Poñer fin á violencia contra as mulleres
A violencia contra mulleres e nenas é unha violación grave dos dereitos humanos. O seu impacto pode ser inmediato como de longo alcance, e inclúe múltiples consecuencias físicas, sexuais, psicolóxicas, e mesmo mortais, para mulleres e nenas.
No ámbito laboral tamén ten lugar a violencia contra as mulleres en forma de acoso sexual e por razón de sexo. Así o recolle o Convenio de Istambul, ao que España está adherida. Sería desexable que se realizase unha revisión da Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero para incluír o acoso sexual ou por razón de sexo como unha das formas máis habituais de violencia contra as mulleres.
Aquí, en Galicia, contamos coa Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que xa inclúe no artigo 3, formas de violencia de xénero, o acoso sexual no traballo como violencia contra a muller.
Máis xuventude, máis mulleres con discapacidade
Outro dos nosos desexos é ver a máis mulleres novas e máis mulleres con discapacidade traballando día a día nas entidades galegas. A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible conta co ODS 10 de Redución das desigualdades e impulsa o logro de beneficios igualitarios para a mocidade e as persoas con discapacidade.
Estes son parte dos nosos desexos de progreso para as mulleres en 2022. Esperamos que compartas connosco esta visión e nos axudes a contribuír formando parte das actividades que temos previstas desenvolver desde a Consellería de Emprego e Igualdade ou impulsando a igualdade na túa organización.