A Xunta xa acreditou no que vai de ano a formación de 750 persoas que participaron nos obradoiros virtuais de igualdade laboral

  • A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, abriu hoxe o cuarto obradoiro no campus virtual da Xunta sobre igualdade laboral, que puxo o foco na selección e contratación con perspectiva de xénero

  • Incidiu na necesidade de que estes procesos sexan neutros e transparentes

  • A participación nestes webinarios brinda ás persoas participantes a posibilidade de obter un certificado de aproveitamento ao remate da xornada

 

O espazo de teleformación da Xunta en materia de igualdade laboral ofreceu hoxe o obradoiro gratuíto en liña co título O proceso de selección e a contratación que contou con cerca de 400 inscricións. Con esta nova actividade, que hoxe inaugurou a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, pretendeuse afondar na aplicación da presenza equilibrada de mulleres e homes nos procesos de selección e contratación. A de hoxe foi a cuarta formación en liña que a Administración galega ofrece a través da plataforma que no que vai de ano xa acreditou a formación de 750 persoas e conta con rematar 2022 con máis de 5.000 prazas ofertadas.

A directora xeral lembrou que a actividade de hoxe entrou a analizar de cheo materias como a selección e a contratación que integran os plans de igualdade que desde o próximo 7 de marzo serán obrigatorios para todas as empresas con máis de 50 empregados.

“As desigualdades e discriminacións aparecen desde o mesmo momento da contratación, e acompañan ás mulleres ata o final da súa vida laboral, pois tras esta, coa xubilación, a fenda das pensións fíxase nun 34%”, especificou Mancha, quen citou outros indicadores como a fenda salarial galega que se sitúa no 19,25%; lixeiramente por debaixo da media estatal (19,50%).

“Por iso é fundamental a análise no plan de igualdade das condicións de acceso ao emprego e que os procesos de selección e contratación se efectúen de modo neutro e transparente”, especificou a directora xeral.

A sesión de hoxe distribuíuse en 4 horas docentes nas que se puido afondar na incorporación da igualdade nas ofertas de emprego, nos procesos de selección e de contratación. Entre outros aspectos, tratouse a importancia de seleccionar canles de difusión de candidaturas axeitados, a participación equilibrada de mulleres e homes nos procesos, o acceso a postos de dirección e responsabilidade das mulleres. Analizáronse ademais supostos prácticos de discriminación en probas e na incorporación de persoas.

Impartiron a formación de hoxe a profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, Marta Fernández Prieto, e María Ángeles García Pérez, consultora especializada en igualdade laboral. Tamén participou como empresa invitada Benteler Automotive de Vigo, que explicou os seus procedementos de selección.

Mancha aproveitou para anunciar un próximo taller que se celebrará o 17 de marzo e que seguirá a tratar os contidos dos plans de igualdade, concretamente no que fai referencia á clasificación profesional tratada desde unha perspectiva de xénero.

As persoas participantes nestas actividades poden obter o correspondente certificado de aproveitamento do taller sempre que asistan á sesión en liña e respondan satisfactoriamente a polo menos o 70 % das cuestións expostas no test de avaliación que se facilita ao seu remate con varios días para poder cumprimentalo.

En 2022 o Goberno galego ofertará 5.000 prazas a través do seu espazo virtual de teleformación en igualdade laboral (https://igualdade-laboral.gal/) con cursos que afondarán, entre outras cuestións, na fenda salarial, a desconexión dixital, os teitos de cristal ou o teletraballo.