A Xunta promove a incorporación da perspectiva de xénero nos ámbitos da prevención e a saúde laboral

  • A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou hoxe o webinario ‘Muller e saúde laboral: diversidade, equidade e igualdade’ organizado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) con cerca de 300 participantes

  • A Xunta defende que se deixen de estandarizar os postos de traballo e os riscos aos que están expostas as persoas, tendo en conta o principio de diversidade

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou hoxe a xornada webinario do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) Muller e saúde laboral: diversidade, equidade e igualdade ante case 300 participantes -sobre todo técnicos de prevención de riscos laborais, delegados de prevención, axentes sociais e empresarios- onde afondou na necesaria integración da perspectiva de xénero no ámbito preventivo.
Mancha lamentou que a adopción dun enfoque neutral nas estratexias, políticas e lexislación en materia de prevención levou a reducir a atención nos riscos para os sectores máis feminizados e para os postos de traballo realizados por mulleres, polo que demandou métodos de avaliación de riscos axeitadas nas organizacións, que inclúan esa necesaria perspectiva de xénero.
“É fundamental unha efectiva integración da perspectiva de xénero no ámbito preventivo, utilizando as ferramentas que xa posuímos tendo en conta a diversidade, deixando de estandarizar os traballos e os riscos”, enfatizou a directora xeral.

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugura o webinario Muller e saúde laboral: diversidade, equidade e igualdade do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia.

Entre outras medidas a acometer, a directora xeral propuxo revisar as políticas de seguridade para que incorporen perspectiva de xénero; garantir o acceso á información e formación a homes e mulleres en prevención para as tarefas que realizan e os seus efectos na saúde; conseguir unha representación adecuada das mulleres na toma de decisións en prevención de riscos laborais; adaptar os postos de traballo ás persoas, tendo en conta as diferenzas antropométricas de xénero; facer que os servizos de saúde laboral internos e externos adopten un enfoque de xénero nos seus protocolos e aplicar un enfoque de xénero á investigación e intervencións, ademais da avaliación de riscos.
“As empresas teñen unha oportunidade única para reinventar o lugar de traballo, crear novas normas culturais e formas de traballar, así como entrar no mundo post covid-19 cunha maior resiliencia”, sentenciou Elena Mancha.
A directora xeral reivindicou a diversidade, a equidade e a inclusión como valores estratéxicos que deben ter en conta as organizacións.
“Se na construción da súa diversidade a empresa detecta que falta representación dalgún perfil determinado (mulleres, maiores de 45 anos ou persoas con discapacidade), ten a oportunidade de acelerar as súas políticas de equidade e inclusión como parte do seu compromiso social, pero tamén como vector de competitividade”, dixo Mancha.

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugura o webinario Muller e saúde laboral: diversidade, equidade e igualdade do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia.

A representante de Relacións Laborais puxo en valor ademais, na xornada organizada polo Issga en colaboración con Fraternidad-Muprespa, que “nun lugar de traballo diverso, existen diferenzas e as persoas necesitan apoio de diferentes maneiras. A equidade pídenos que recoñezamos que todos teñen necesidades, experiencias e oportunidades diferentes” e valorizou, en último termo, os lugares de traballo inclusivos que atenden a todos os empregados “polas súas fortalezas”. “A verdadeira inclusión consiste en aceptar a diferenza, elimina as barreiras, as discriminacións e a intolerancia para garantir que todos os empregados sentan incluídos e apoiados”, recalcou.

Traballo no Issga

Favorecer a integración da igualdade entre mulleres e homes nas políticas de prevención de riscos laborais, non resulta alleo ao Issga que leva de longo traballando no asesoramento técnico ás empresas e aos traballadores e traballadoras e creou unha comisión para a integración da igualdade na prevención de riscos laborais coa presenza dos axentes sociais e carácter técnico e permanente.
O Instituto, entre outras medidas, promove programas e estudos de saúde e ergonomía en sectores feminizados e realiza as súas publicacións técnicas con perspectiva de xénero. Ademais existe no Issga unha unidade específica de protección das situacións de reprodución, embarazo, postparto e lactación e o tratamento estatístico ten sempre en conta o uso de datos desagregados por sexo.