• A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe no 1º curso superior de máquinas que desenvolven a Xunta e Fundamar

  • O Goberno galego traballa para sensibilizar acerca da igualdade laboral a bordo dos buques, un sector ao que comeza a incorporarse a muller

Ribeira (A Coruña), 4 de outubro de 2022 A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, visitou hoxe a escola marítimo-pesqueira de Ribeira, onde se celebrou o 1º Curso Superior de Máquinas, un acto no que estivo acompañada por representantes da Fundación para a pesca e o marsiqueo (Fundamar) co propósito de sensibilizar acerca da prevención de riscos nos buques pesqueiros con enfoque de xénero.

A actividade insírese no conxunto de accións que a Xunta en colaboración con Fundamar está a realizar entre o alumnado de primeiro curso dos ciclos medio e superior das escolas marítimo-pesqueiras de Galicia (Culleredo, Ferrol, Vigo, Ribeira, Bueu) co obxecto de promover a promoción da igualdade nas medidas de prevención e seguridade do sector,  ante a crecente incorporación de mulleres.

“Resulta fundamental que as administracións e as empresas, da man, traballen para protexer e sobre todo para conseguir unha igualdade real e esa necesaria sensibilización e concienciación en igualdade e perspectiva de xénero no sector pesqueiro en xeral e nos centros de formación, tanto para alumnado como para profesorado, coa finalidade de integrar na información e formación en materia de prevención de riscos o enfoque de xénero”, destacou a directora xeral.

Mancha puxo énfase en que aínda que os homes son maioritarios no desempeño de traballos a bordo, “a incorporación das mulleres aos buques de pesca é unha realidade e hai que tela en conta á hora de previr os riscos e accidentes laborais no desenvolvemento das tarefas”.

A titular de Relacións Laborais incidiu en que non debe haber barreiras para as mulleres en ningún sector nin en ningún posto de traballo. Neste sentido indicou que “a diferente constitución física entre homes e mulleres é xa un factor de risco ergonómico que esixe establecer valores distintos por sexo”.

A Xunta colaborou con Fundamar na realización do Estudo integral con enfoque de xénero, na prevención de riscos laborais e necesidades preventivas nos buques pesqueiros, un traballo “pioneiro en España, no que quedou constatado que a perspectiva de xénero non se aplica na xestión dos riscos laborais nos buques de pesca, sendo a insuficiente cultura preventiva con enfoque de xénero a principal limitación para conseguir a súa integración”, subliñou a directora xeral.

Tras as conclusións acadadas, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade promoveu este ano  15 accións de sensibilización aos alumnos de primeiro curso dos ciclos medio e superior das especialidades de ponte e máquinas, coa finalidade de poder atallar algunhas das carencias e crear conciencia igualitaria neste sector desde idades temperás.

 

Categorías

Actualidade igualdade laboral

Novas

Toda a actualidade e información de interese no ámbito da igualdade laboral.
Novidades en materia de igualdade laboral
30 Novembro 2022
Como cada mes, recapitulamos as novidades máis reseñables...
SEGUIR LENDO >
A nova Lei de igualdade situará o benestar laboral como panca para o crecemento económico de Galicia e a mellora das condicións da poboación traballadora
28 Novembro 2022
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha,...
SEGUIR LENDO >
Violencia de xénero no traballo
24 Novembro 2022
A violencia de xénero é o culmen da desigualdade estrutural...
SEGUIR LENDO >
Taller formativo "A Corresponsabilidade: o eixe central da igualdade laboral"
21 Novembro 2022
Formación en liña de 4 horas en materia de Igualdade...
SEGUIR LENDO >

Subscríbete ao noso boletín

E recibe todas as nosas novidades no teu correo electrónico.