A Xunta pon en valor o labor da inspección laboral en Galicia que incrementou as súas actuacións no primeiro trimestre de 2022 nun 25%

  • A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, reuniuse hoxe co director territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social en Galicia, Demetrio Fernández

  • Entre xaneiro e marzo este órgano realizou un total de 7.695 actuacións o que a xuízo de Mancha responde á fase actual do contexto pandémico

  • Desde o inicio da guerra o 24 de febreiro a Xunta recibiu 72 solicitudes de ERTE na provincia de Pontevedra, case a metade do total das rexistradas en Galicia

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, mantivo hoxe un encontro en Vigo co director territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS) de Galicia, Demetrio Fernández, onde puxo en valor a actividade inspectora en Galicia no primeiro trimestre deste ano, no que experimentou un crecemento do 25%; e cuantificou en 156 as solicitudes recibidas pola Xunta de Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) desde que se iniciou a guerra de Ucraína, o 24 de febreiro.

Elena Mancha destacou o traballo que exerce a inspección laboral na comunidade, que se viu incrementado entre xaneiro e marzo de 2022, período no que se realizaron 7.695 actuacións. En paralelo tamén aumentaron os requirimentos de corrección emitidos por esta entidade, cuxo incremento acadou o 22% nas catro provincias.

A representante da Consellería de Emprego e Igualdade especificou que estas cifras responden ao “incremento de visitas debido á recuperación da normalidade sanitaria e a comparativa da situación de empresas en ERTE entre os primeiros trimestres do ano 21 e o do ano 22 con una redución moi significativa”. O resto das actuacións en materia de seguridade social e estranxeiría tamén se incrementou, aseverou.

Mancha expuxo, por outra banda, que a provincia de Pontevedra está a acaparar a metade das solicitudes de ERTE que a Consellería de Emprego e Igualdade, como autoridade laboral, está a recibir desde que se iniciara o conflito.

Tal e como relatou a directora xeral, o 90% das 72 solicitudes recibidas da provincia de Pontevedra corresponden con expedientes ETOP (motivados por causas económicas, técnicas organizativas e produtivas). Por sectores, o 30% proceden da industria. “Máis da metade das solicitudes dos ERTEs do sector industrial de toda Galicia corresponden á provincia de Pontevedra, o que pon de manifesto o peso desta actividade no conxunto”, especificou.

Plan de choque

O Plan de choque contra a fraude na contratación, levado a cabo en Galicia no ano 2021, permitiu, pola súa banda, a transformación de 8.081 contratos temporais en indefinidos, dos cales 3.078 corresponderon á provincia de Pontevedra.

A Xunta está a reforzar as súas actuacións na área de igualdade laboral que, tal e como adiantou Elena Mancha, se incrementarán en 2022 nun 40%, principalmente focalizadas no control de plans de igualdade, na loita contra a discriminación por razón de xénero e do acoso sexual.

No encontro entregouse á Inspección unha Guía de acoso Sexual e por razón de sexo e a publicación de Plans de igualdade Preguntas e respostas, ambas as dúas elaboradas pola a Xunta de Galicia cunha versión electrónica a disposición da cidadanía a través da páxina web: http://www.agualdadelaboral.gal

Esta reunión, na que tamén tomaron parte a xefa territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, Marta Mariño; o xefe da ITSS de Pontevedra José Maria Casas de Ron; e as dúas xefas de unidade da Inspección provincial; enmárcase na serie de contactos que a Dirección Xeral de Relacións Laborais está a desenvolver coas catro inspeccións laborais de traballo co obxectivo de “intensificar a comunicación entre a representación da Consellería na provincia e a Inspección provincial, e desta maneira coordinar os asuntos comúns e estreitar aínda máis o xa habitual e continuo trato entre ambas as administracións”, indicou Elena Mancha.