A Xunta lanza a campaña ‘Casualidade ou Desigualdade?’ para avanzar cara a equidade salarial e a mellora da conciliación

  • A iniciativa, dirixida especialmente ao tecido empresarial, incide en tres aspectos: a importancia de fomentar unha redistribución de roles, a igualdade salarial e a promoción de postos de responsabilidade entre as mulleres para corrixir as discriminacións por xénero

  • Para o Goberno galego é fundamental poñer en marcha iniciativas que axuden a loitar contra o teito de cristal e evitar que as mulleres teñan que traballar máis para gañar o mesmo que os homes

  • A igualdade laboral é un eixo que marca a axenda de traballo da Xunta, xa que seguen a ser as mulleres as que concentran máis xornadas parciais, os empregos en actividades peor valoradas e son vítimas da inequidade cos complementos nos soldos

A Xunta vén de poñer en marcha en redes sociais a campaña Casualidade ou desigualdade laboral para promover entre o tecido empresarial galego os valores e principios da igualdade laboral. Baixo este lema, a Consellería de Emprego e Igualdade pretende concienciar sobre a importancia de fomentar unha redistribución de roles, avanzar na equidade salarial e mellorar a conciliación para corrixir as discriminacións por razón de xénero que seguen a existir no mundo laboral.

Deste xeito, a campaña céntrase en tres aspectos fundamentais: na importancia da conciliación da vida familiar e laboral e da redistribución de roles, xa que no 83% dos casos é a muller a que utiliza excedencias para o coidado dos fillos; no fomento da equidade salarial, xa que as mulleres perciben un 19,55% menos que os homes polas mesmas responsabilidades; e na promoción dos postos de responsabilidade entre as mulleres, xa que o 53,79% das persoas graduadas son mulleres, pero tan só ocupan o 31% dos postos directivos nas empresas do IBEX.

A campaña quere incidir na importancia de loitar contra o teito de cristal e evitar que as mulleres teñan que traballar máis para gañar o mesmo que os seus compañeiros homes. A perspectiva de xénero no ámbito laboral é imprescindible e constitúe un eixo que marca a axenda de traballo da Xunta, xa que seguen a ser as mulleres as que concentran máis xornadas parciais, os empregos en actividades laborais peor remuneradas e son prexudicadas pola inequidade cos complementos nos soldos. A fenda agrándase, ademais, ao ser maioritariamente as traballadoras as que asumen os coidados e as tarefas no fogar.
O compromiso da Xunta de Galicia ven consolidado polo feito de que entre 2021 e 2022 está a destinar 3,7 millóns de euros á consolidación da igualdade laboral na comunidade. Con estes fondos ponse ao dispor de axentes sociais e interlocutores empresariais axudas para que desenvolvan plans de formación sobre o diálogo social e a negociación colectiva e para dotar de gabinetes técnicos ás empresas en materia de igualdade laboral e loitar contra a fenda de xénero. A Consellería de Emprego e Igualdade tamén conta este ano con axudas por importe de mais de 16 M€ para fomentar a igualdade, a conciliación e a responsabilidade social empresarial, que está dirixido a empresas e persoas traballadoras autónomas.

A estas medidas únese o portal web e un campus virtual de formación en igualdade laboral, un espazo dixital de teleformación dirixido a informar, formar, sensibilizar e dotar de recursos á sociedade galega e ao tecido empresarial no eido da igualdade laboral entre homes e mulleres. A través do mesmo ofreceranse este ano 5.000 prazas gratuítas en obradoiros sobre conciliación e corresponsabilidade, teletraballo, fenda salarial e rexistro retributivo, teitos de cristal ou o acoso laboral.