A Xunta investiu 2,6M€ en 2021 para apoiar a 300 pemes e autónomos na promoción da igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial

  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución deste programa de axudas coas que o Goberno galego financia, entre outros, a elaboración e contratación de asesores para a implantación de plans de igualdade, o fomento do teletraballo e a aplicación de medidas para a flexibilidade horaria, así como a promoción da RSE

  • Emprego e Igualdade aposta pola conciliación e a corresponsabilidade real no fogar con 16 millóns de euros este ano, máis do triplo que en 2021

A Xunta apoiou o pasado ano a preto de 300 pemes e autónomos (273) cun investimento de 2,6 millóns de euros destinado a promover a igualdade laboral, favorecer a conciliación e fomentar a Responsabilidade Social Empresarial (RSE). O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución de 2021 deste programa autonómico que inclúe tres liñas de apoios.

A Consellería de Emprego e Igualdade incentiva, dun lado, a elaboración de diagnoses en materia de igualdade, a elaboración de plans de igualdade e a implantación das súas primeiras accións, así como a contratación dunha persoa experta para asesorar á empresa en todo este proceso. En concreto, finánciase ata o 80% os custes derivados do proceso de diagnose cun máximo de 3.000 euros nas empresas de ata 20 traballadores e traballadoras; e ata 5.000 euros nos demais casos. Desta liña beneficiáronse o pasado ano 101 pemes e autónomos.

Tamén apóiase ata o 80%, os custes destinados á elaboración dun plan de igualdade -cun máximo de 1.500 euros nas firmas de ata 20 empregados e ata 3.000 euros nas restantes-; e os gastos para a implantación das medidas prioritarias previstas na primeira fase do plan de igualdade, cun máximo de 1.000 euros nas compañías de ata 20 persoas traballadoras e ata 2.000 euros nos demais supostos. Así mesmo, concédense 12.000 euros pola contratación dunha persoa experta en igualdade.

Doutra parte, o Goberno galego apoia a conciliación da vida laboral, familiar e persoal con incentivos para o fomento do teletraballo (2.000 euros por traballador ou traballadora, cun máximo de 8.000 euros por empresa) e a flexibilidade horaria (8.000 euros por firma). Estes apoios increméntanse en 1.000 euros para aqueles autónomos ou empresas nas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

Para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten a implantación efectiva do traballo a distancia, coa finalidade tamén de promover o uso das tecnoloxías da información e comunicación (TIC), finánciase o 80% do investimento, co tope de 1.500 euros por traballador beneficiado e cun límite máximo de 20.000 euros por empresa. Esta axuda aumenta nun 10% naquelas empresas que a taxa de ocupación feminina sexa polo menos igual á masculina.

As empresas que opten ás axudas para fomentar o teletraballo ou para adquirir elementos tecnolóxicos que posibiliten a súa implantación efectiva deberán contar cun mínimo dunha persoa traballadora; si se solicitan os apoios para favorecer a flexibilidade horaria, deberán contar cun mínimo de cinco traballadores. Desta liña de apoios á conciliación beneficiáronse o pasado ano 122 pemes e autónomos.

Responsabilidade Social Empresarial

En terceiro lugar, este programa de Emprego e Igualdade tamén apoia ás empresas e autónomos na obtención de normas ou estándares en Responsabilidade Social Empresarial (RSE) financiando o 80% dos custes do proceso de certificación e/ou verificación ata un máximo de 2.000 euros por empresa. Neste caso, as empresas deben contar cun mínimo de cinco traballadoras para optar a este financiamento. O pasado ano concedéronse a través deste programa 50 solicitudes.

Esta iniciativa é unha medida máis da aposta da Xunta pola conciliación e a corresponsabilidade, un eido ao que o departamento autonómico destina este ano 16 millóns de euros, máis do triplo que en 2021. O orzamento materialízase, entre outras actuacións, no programa Emega de apoio ao emprendemento feminino; en axudas para compensar a redución da xornada laboral e fomentar a corresponsabilidade; en apoios ás entidades locais para fomentar a conciliación; e aos autónomos para cubrir a baixa por maternidade ou paternidade ou ben para o coidado dos menores, maiores ou persoas dependentes.