A Xunta insta a que se inclúan nas negociacións dos novos convenios colectivos materias como o teletraballo, a conciliación e a igualdade laboral

  • A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou hoxe por videoconferencia unha xornada sobre desafíos no novo contexto do traballo, organizada polo Consello Galego de Relacións Laborais

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, avogou hoxe por que os novos convenios colectivos melloren o actual marco de regulación laboral e inclúan materias que permitan adaptar a realidade das empresas ou sectores de actividade a materias como os plans de igualdade, a conciliación ou o teletraballo. Mancha instou á apertura das mesas de negociación inda paralizadas -tras a entrada en vigor da recente normativa para o traballo- na inauguración, hoxe, por videoconferencia, da xornada A Ultractividade indefinida: novidades e desafíos tras a reforma laboral, organizada polo Consello Galego de Relacións Laborais.

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugura, por videoconferencia, a xornada A Ultractividade indefinida: novidades e desafíos tras a reforma laboral, organizada polo Consello Galego de Relacións Laborais.

Para Mancha os convenios colectivos deben mellorar as condicións laborais das persoas traballadoras conseguindo un equilibro que teña en conta “o delicado momento histórico no que nos atopamos”. Neste sentido instou a que se activen xa as mesas de negociación porque hai “marxe para mellorar, innovar e dotar de calidade aos convenios”, o que, ao seu criterio, redundaría en maior paz social, na maior protección dos dereitos das persoas traballadoras e na optimización do funcionamento das empresas.

“A negociación colectiva ten por diante a batalla da calidade, non soamente da cantidade”, engadiu a directora xeral, quen defendeu que un convenio colectivo “é moito máis que subir salarios ou reducir xornada; é a definición de dereitos de traballadores, necesidades reais das empresas, é contratación, é estabilidade e calidade no emprego, é flexiseguranza”, indicou.

A Xunta defende unha negociación colectiva rica, imaxinativa, visionaria e leal, que permita o avance da economía galega. “É un alicerce para a mellora dos dereitos das persoas traballadoras e para o desenvolvemento dunha sociedade ca xustiza, a equidade e a igualdade como motor de impulso”, concluíu a titular de Relacións Laborais.