• A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, interveu hoxe na inauguración dun webinario organizado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) no marco da súa programación formativa para este ano

  • Incidiuse en que non é o mesmo unha situación do risco que un embarazo de risco, polo que é preciso adaptar, no casos que sexan precisos, os postos de traballo

    Trátase da primeira das 16 xornadas formativas que organizará o Instituto ao longo deste ano e que se centrarán nos riscos psicosociais desde unha perspectiva de xénero

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na inauguración do webinario da xornada técnica Xestión do risco durante o embarazo e a lactación, organizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), no marco da súa programación formativa para este ano. En colaboración con Ibermutua, a iniciativa tivo como obxectivo analizar a xestión do risco durante o embarazo e a lactación, desde o marco normativo que o regula, o procedemento que se debe seguir na súa tramitación, así como os riscos clínicos e laborais e os diferentes axentes que interveñen.

Para a Xunta de Galicia é importante a promoción da seguridade e a saúde no traballo en colectivos específicos ofrecendo, neste caso, información ás mulleres embarazadas ou en período de lactación e asesorando ás empresas en materia de cumprimento das obrigas relacionadas cos postos de traballo durante estes períodos. A situación de risco durante o embarazo non é o mesmo que un embarazo de risco, destacou Mancha. Polo tanto, a xornada incidiu en que a situación protexida é a relacionada con axentes, procedementos ou condicións do posto de traballo.

A Lei de Prevención de Riscos Laborais (Lei 31/1995, do 8 de novembro) regula, no artigo 26, a protección da maternidade a través dunha especial atención ao período de embarazo e de lactación natural, co obxecto de garantir que non se produzan danos para a muller, o feto ou o fillo. En palabras da directora xeral, esta obriga afecta a todo tipo de empresas, calquera que sexa o seu tamaño.

Este artigo resúmese en catro aspectos principais: avaliar os riscos do posto de traballo tomando en consideración a situación de embarazo ou lactación natural; prever, se fose preciso, a adopción de medidas preventivas complementarias para que a traballadora poida seguir desempeñando o seu labor profesional; en caso de non poder adaptarse o posto de traballo, deberase proceder a un cambio temporal de posto , que se rexerá polas normas da mobilidade funcional e terá efectos ata o momento en que o estado de saúde da traballadora permita a súa reincorporación ao anterior posto; en caso de non existir postos de traballo compatibles co estado de saúde da traballadora, procederíase á suspensión de contrato por risco durante o embarazo ou durante a lactación natural, polo período necesario para a protección da súa saúde e mentres persista a imposibilidade de reincorporarse ao seu posto anterior ou a outro posto compatible co seu estado.

Estas prestacións, en resumo, teñen como fundamento protexer á traballadora embarazada e ao feto, en caso de embarazo, ou fillo, en caso de lactación natural, cando non existan na empresa postos de traballo compatibles con estas situacións.

Durante a xornada describiuse, polo tanto, o procedemento de recoñecemento, denegación, anulación ou suspensión deste dereito, ao tempo que se detallaron os riscos laborais durante o embarazo como son, entre outros: radiacións ionizantes e non ionizantes, vibracións, temperaturas extremas ou ruído; manipulación de cargas, flexión de tronco, bipedestación, sedestación ou actividades deportivas; exposición a axentes químicos, citostáticos, axentes anestésicos inhalatorios ou carburantes; brucella ou toxoplasma; ou axentes estresores, así como o tempo de traballo.

A iniciativa, destinada a técnicos de prevención de riscos laborais, delegados de prevención, axentes sociais, empresarios, persoal traballador e persoas con interese nesta materia, rematou cunha mesa redonda na que os axentes sociais deron a súa visión desde un punto de técnico a través de profesionais dos seus gabinetes de seguridade e saúde no traballo. Participaron, entre outros, persoal técnico das organizacións sindicais e empresarial que forman parte do Consello Reitor e da comisión para a integración da igualdade do Issga.

Trátase da primeira xornada formativa que imparte este ano o Issga, nesta ocasión en formato webinario, das 16 que se organizarán ao longo do 2022. O teletraballo, a saúde mental ou o estres serán outros dos temas que se abordarán neste ciclo formativo, aspectos que, segundo indicou Mancha, afectan “de modo importante” ao colectivo feminino “incrementando o risco psicosocial, polo que require toda a atención necesaria das administracións que deben velar pola seguridade das mulleres e aplicar ese necesario enfoque de xénero”, engadiu. Así, e, segundo apuntou a directora xeral, a prevención dos riscos psicosociais será un aspecto no que incidirá o Issga ao longo deste ano para que as empresas poidan mellorar e alcanzar “unha madurez” na protección fronte aos mesmos, ao igual que está a ocorrer cos riscos de seguridade, hixiénicos e ergonómicos.

Categorías

Actualidade

Novas

Toda a actualidade e información de interese no ámbito da igualdade laboral.
A Xunta apoia a flexibilización horaria nas empresas a través da liña de axudas dirixida a pemes e autónomos, á que destina este ano 1,4 M€
23 Maio 2022
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha,...
SEGUIR LENDO >
Un total de 3.765 contratos temporais de mulleres transformáronse a indefinidos no último ano en Galicia grazas as actuacións da inspección laboral
20 Maio 2022
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha,...
SEGUIR LENDO >
A Xunta destaca a importancia de promover nos centros de traballo accións para facer fronte ao estrés e previr os riscos psicosociais
19 Maio 2022
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha,...
SEGUIR LENDO >
Que é o currículo cego?
19 Maio 2022
A igualdade de trato entre mulleres e homes aplicable...
SEGUIR LENDO >

Subscríbete ao noso boletín

E recibe todas as nosas novidades no teu correo electrónico.