A Xunta impulsa os gabinetes técnicos de sindicatos e organizacións empresariais para promover a igualdade laboral

  • As axudas, hoxe publicadas no DOG por valor de 400.000 euros, cubrirán os gastos de creación e/ou funcionamento ordinario destes órganos entre o 1 de novembro de 2021 e o 31 de outubro de 2022

  • O obxectivo consiste en facilitar a promoción dos valores da igualdade de xénero e a loita contra a fenda salarial dentro dos lugares de traballo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da Consellería de Emprego e Igualdade de axudas para a creación ou mantemento de gabinetes técnicos especializados en igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial.

A convocatoria, dotada con 400.000 euros, diríxese a organizacións empresariais e sindicais, para apoiar a creación e/ou funcionamento destes gabinetes, que desenvolvan accións directas con empresas e persoas traballadoras na eliminación das desigualdades entre mulleres e homes no ámbito do traballo. As entidades beneficiarias verán cubertos os gastos tanto da fundación como da consolidación destes órganos entre o 1 de novembro do 2021 e o 31 de outubro de 2022.

A través destes gabinetes, promóvese a igualdade laboral en eidos como o da negociación colectiva, os procesos de selección e contratación, a clasificación profesional, a formación, a promoción profesional, as condicións de traballo e o exercicio corresponsable da vida persoal, familiar e laboral. Tamén se loita contra a infrarrepresentación feminina en determinados sectores, a fenda salarial e o acoso en todas as súas manifestacións.

Con esta liña de apoios a Xunta pretende ademais apoiar ás empresas na definición e desenvolvemento dos plans de igualdade e dun traballo de diagnose permanente, que inclúe actividades informativas e identificación de boas prácticas.

O obxectivo último destes impulsos é o fornecemento da igualdade de xénero como eixo ao redor do cal construír unha contorna de traballo máis xusta e cunha progresiva redución da fenda salarial, con grupos especializados que poderán promover accións directas de traballo dentro das entidades para acadar a igualdade de oportunidades e salarial, sen diferencias de xénero.

O 50% do orzamento, 200.000 euros, destinarase a asociacións empresariais, e a outro metade, outros 200.000 euros, ás organizacións sindicais intersectoriais.

O prazo de solicitude destas axudas iníciase mañá e permanecerá aberto ata o próximo 10 de xuño.

O ano pasado resultados beneficiarias desta liña de axudas un total de cinco entidades: CCOO en Galicia, UGT, CIG, CSIF e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).