-
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, abriu hoxe o terceiro obradoiro no campus virtual da Xunta
-
A participación nestes webinarios brinda aos alumnos participantes a posibilidade de obter un certificado de aproveitamento ao remate da xornada
O espazo de teleformación da Xunta en materia de igualdade laboral ofrece hoxe un novo obradoiro gratuíto en liña, nesta ocasión, centrado na elaboración dos plans de igualdade baixo o título A aplicación da perspectiva de xénero na análise da información cuantitativa e cualitativa dos datos necesarios para a realización do informe diagnóstico que conta con cerca de 350 inscricións. A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, presentou hoxe o obradoiro co que se pretende afondar nos indicadores principais para elaborar a diagnose previa ao desenvolvemento dun plan de igualdade.
O de hoxe é o terceiro taller en liña que a Administración galega ofrece a través da plataforma na que se espera este ano ofertar un total de 20 obradoiros con máis de 5.000 prazas de formación aberta á cidadanía.
A directora xeral cualificou os plans de igualdade como “ferramentas fundamentais” para coñecer o estado de situación da igualdade nas empresas” e, por iso, explicou que teñen que incorporar as medidas necesarias que vaian rompendo as discriminacións que poidan existir. Para iso, afirmou que para a súa elaboración é fundamental contar con todos os datos necesarios que ofrezan unha imaxe real da situación das mulleres na compañía. Incidiu tamén na importancia de erradicar calquera tipo de discriminación e fenda salarial, non só porque explicou que é “unha cuestión de xustiza social”, senón porque asegurou que supón “unha mellora do clima laboral, unha redución do absentismo e a retención do talento feminino”.
A sesión de hoxe distribuíuse en 4 horas docentes e conta coa participación de Lucia Rial Pampín, diplomada en Relacións Laborais e licenciada en Ciencias do Traballo, e de Esther Mariño Costais, experta universitaria en avaliación de impacto de xénero e formación de axentes de igualdade, entre outros.
Mancha aproveitou para anunciar un próximo taller que se celebrará o 24 de febreiro sobre o proceso de selección e contratación baixo o principio da igualdade. Terá continuidade, tal e como detallou, con máis actividades formativas nas que se abordará a análise de cada unha das materias que integran os plans e as medidas a activar polas empresas.
As persoas participantes nestas actividades poden obter o correspondente certificado de aproveitamento do taller sempre que asistan á sesión en liña e respondan satisfactoriamente a polo menos o 70 % das cuestións expostas no test de avaliación que se facilita ao seu remate con varios días para poder cumprimentalo.
5.000 prazas de formación gratuíta
En 2022 o Goberno galego ofertará 5.000 prazas a través do seu espazo virtual de teleformación en igualdade laboral (https://igualdade-laboral.gal/) con cursos que afondarán, entre outras cuestións, na prevención da violencia de xénero nos plans de igualdade, a igualdade de trato no emprego público e a linguaxe e a comunicación interna e externa inclusiva.
Trátase de concienciar da importancia da igualdade no traballo e da necesidade de que mulleres e homes poidan desenvolver a súa profesión baixo as mesmas condicións.
En 2021 máis de 3.000 persoas recibiron o seu certificado de aproveitamento, sendo ademais Galicia a primeira e única comunidade autónoma en impartir este tipo de cualificación en modalidade virtual por medio da plataforma estreada no mes de outubro.
A páxina web do campus virtual conta, ademais, cunha sección que inclúe un repertorio xurisprudencial, no que se inclúen as sentenzas máis novas relacionadas coa igualdade laboral, acompañadas dunha pílula audiovisual e un pequeno resumo. Está ao dispor das persoas interesadas na ligazón https://igualdade-laboral.gal/informacion-tematica/.
A directora xeral, para rematar, sinalou que na actualidade está aberto o prazo de solicitude das axudas para a implantación de plans de igualdade e medidas de conciliación, dirixidas principalmente a pemes e microempresas. Este programa da Xunta permitiu o pasado ano que 101 empresas galegas de menos de 100 traballadores elaboraran o seu plan de igualdade e que 90 acordaran medidas de flexibilización de xornada e de teletraballo.