A Xunta destaca na Coruña que a nova certificación en igualdade recoñecerá ás empresas comprometidas en Galicia co benestar laboral

  • A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na xornada Muller e traballo autónomo cara á igualdade, organizada pola Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE-Galicia)

  • Destacou o compromiso da Xunta coa igualdade a través da nova Lei que dedicará un capítulo enteiro ao benestar laboral nas empresas

  • Sinalou que a Xunta ten en marcha o Plan Emprega Muller, dotado con 34,3 millóns de euros, para impulsar a igualdade de oportunidades en Galicia

  • Mancha salientou a aposta da Xunta pola conciliación e a corresponsabilidade real no fogar, un eido ao que a Consellería destina este ano 16 millóns de euros, máis do triplo que en 2021

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, destacou hoxe na Coruña, na xornada Muller e traballo autónomo cara á igualdade, organizada pola Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE-Galicia), que a igualdade é unha prioridade transversal para a Xunta, polo que explicou que están en marcha, entre outras, medidas dirixidas a incrementar as oportunidades laborais das mulleres; a apoiar a conciliación e a corresponsabilidade; e a ofrecer formación en igualdade de oportunidades.

A Administración autonómica neste último eido conta cun campus virtual de formación en igualdade laboral que, segundo a directora xeral, sitúa a Galicia como a primeira comunidade autónoma en impartir formación específica en igualdade laboral en modalidade virtual.

Salientou, ademais, que a Xunta porá en marcha unha nova certificación que distinguirá ás empresas galegas comprometidas coa igualdade e que fomenten o benestar laboral entre as persoas traballadoras. Lembrou, así mesmo, que a nova Lei galega de igualdade de mulleres e homes dedicará un capítulo enteiro ao benestar laboral nas organizacións para acadar a integración da perspectiva de xénero no teletraballo e o fomento da calidade no emprego feminino; e apuntou que a Xunta está a executar o Plan Emprega Muller, dotado con 34,3 millóns de euros para 2022, co obxectivo de impulsar en Galicia a igualdade de oportunidades. A iniciativa inclúe ata oito programas, cinco de nova creación, para incrementar as oportunidades laborais entre as mulleres galegas.

As cinco novas actuacións inclúen accións para a mellora das capacidades dixitais para mulleres residentes no medio rural destinado ao reforzo das competencias dixitais e a cualificación profesional; programas integrados de emprego exclusivos para mulleres, que se desenvolverán en colaboración coas entidades locais e coas entidades sen ánimo de lucro, para a mellora da ocupabilidade e da inserción laboral; unidades formativas en empresas en sectores con subrrepresentación feminina para financiar o 100% da formación que se imparte, apoiando ao mesmo tempo ás empresas nas contratacións; o programa Muller 22 para facilitar e apoiar ao longo do 2022 a incorporación de 1.000 mulleres no mercado laboral, contando para iso cun incentivo de 6.000 euros por contratación; e a iniciativa Relevo Xeracional Empresa Muller que ten por finalidade favorecer a substitución nos cadros de persoal das empresas, das persoas traballadoras próximas a xubilación, por mulleres.

Así mesmo, continúanse impulsando o programa Son Executiva, de promoción do liderado feminino; Galicia Emprega coa súa liña específica de axudas a mulleres para a súa contratación nas empresas galegas; e Emega co que a Xunta impulsa o emprendemento feminino contribuíndo á creación de novos postos de traballo femininos.

Mancha sinalou que as mulleres son un colectivo prioritario para o Goberno galego polo que, ademais, teñen acceso preferente e “un apoio máis intenso” en numerosas convocatorias de renovación anual. A directora xeral para rematar puxo ademais en valor os apoios da Consellería de Emprego e Igualdade para a conciliación que este ano acadan máis de 16 millóns de euros, máis do triplo que en 2021, co fin de minimizar as dificultades das mulleres galegas para manterse ou reintegrarse ao mercado laboral.