A Xunta destaca a importancia de difundir os aspectos da reforma laboral para que as novas normas poidan aplicarse con “seguridade e claridade”

  • A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na inauguración do webinario Os contratos temporais: por circunstancias da produción, por substitución de persoas traballadoras con dereito a reserva de posto e o contrato de fixo discontinuo

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na inauguración do webinario informativo e técnico Os contratos temporais: por circunstancias da produción, por substitución de persoas traballadoras con dereito a reserva de posto e o contrato de fixo discontinuo, organizada polo Consello Galego de Relacións Laborais (CGRRLL), a Facultade de Ciencias do Traballo da Universidade da Coruña e o Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense.

A iniciativa, na que participaron preto de 100 persoas,  tivo como obxectivo informar sobre a nova reforma laboral e, en concreto, sobre a regulación referida á contratación temporal. Mancha destacou a importancia de organizar este tipo de xornadas para difundir os novos aspectos da normativa laboral co propósito de que empresas, traballadores e persoal xurídico, entre outros, poidan aplicar “con claridade e seguridade” as novas normas.

A xornada tivo entre as súas relatoras a Raquel Aguilera, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade Complutense; a Lucía Dans, profesora axudante e doutora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade da Laguna; Isabel Olmos, maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG); e Teresa Díaz, inspectora de Traballo e Seguridade Social da Coruña, así como representantes da patronal e sindicatos.

As diferentes mesas redondas estiveron coordinadas por Susana Soneira, presidenta do Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense; Asunción López, profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Facultade de Ciencias do Traballo da Coruña; e pola secretaria do Consello Galego de Relacións Laborais, Cristina Fabeiro.