-
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ofrece 30 horas de formación en liña nas que se abordarán as fendas de xénero que afectan ás mulleres con discapacidade e se afondará no exercicio da corresponsabilidade e a inserción laboral destas persoas
Mancha puxo en valor esta nova iniciativa de formación enfocada ao sector da discapacidade, deseñada en colaboración coa patronal galega da discapacidade intelectual (Aedigal), a asociación galega da discapacidade In-Red, e a Asociación de Centros Especiais de Emprego de Galicia (Aspais).
Nas diferentes sesións, incluída a de hoxe ata un total de 30 horas, abordaranse cuestións relacionadas coa discriminación por razón de xénero, a situación laboral das mulleres con discapacidade desde o punto de vista da fenda retributiva, do exercicio da corresponsabilidade, da violencia ou cuestións relacionadas coa intervención e a inserción laboral do colectivo.
“Ser muller e sufrir unha discapacidade, supón unha dobre discriminación”, especificou Elena Mancha na apertura, quen lembrou que as traballadoras con discapacidade non só presentan maiores dificultades para o emprego respecto dos homes, “senón tamén respecto a as persoas sen discapacidade en idade laboral”.
A directora xeral avogou polo “papel activo” das administracións para o “impulso continuado das políticas de igualdade a nivel transversal, e por suposto da igualdade laboral”. “Para iso é fundamental a formación nestes conceptos”, dixo. “A nosa sociedade está chea de estereotipos, e de prexuízos, é fundamental poñernos as lentes de xénero para conseguir avanzar”, engadiu.
Coa nova oferta formativa hoxe estreada en modalidade telemática, e que se impartirá ata o segundo trimestre de 2023, a Xunta de Galicia busca chegar ás empresas para que adopten medidas de igualdade no seo das súas organizacións e atendan as necesidades de das persoas traballadoras con discapacidade, para evitar que padezan, tamén no eido laboral, una discriminación múltiple.