• A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou convenios coa patronal galega da discapacidade intelectual (Aedigal), a asociación galega da discapacidade In-Red, e a de Centros Especiais de Emprego (Aspais)

  • A colaboración estenderase durante catro anos e permitirá impartir formación en modalidade telemática especialidade para o sector

  • A Xunta quere contribuír a que as empresas adopten medidas de igualdade que atendan as necesidades das persoas traballadoras con discapacidade

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2022 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou convenios con tres entidades do sector da discapacidade -Aspais, In-Red e Aedigal- para formar, no eido da igualdade laboral, o persoal das entidades que traballan na atención ás persoas con discapacidade.

Os convenios nacen do compromiso da Xunta de promover unha visión social de xénero desde a perspectiva da discapacidade no eido laboral, polo que se propón unha oferta formativa que atende á vulnerabilidade do colectivo e que avoga pola preparación do persoal do sector desde o principio de igualdade, a responsabilidade individual, a orientación en igualdade e a perspectiva de xénero.

Á sinatura dun primeiro convenio con Aedigal, formalizada o pasado 5 de outubro de 2022 e que agora prorroga a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2025, engádense outras dous entidades: In-Red (Asociación profesional e empresarial galega de centros especiais de emprego e entidades do ámbito da discapacidade intelectual e/ou afíns) e Aspais (Asociación para a promoción de actividades de integración sociolaboral en centros especiais de emprego).

No marco da colaboración ofreceranse cursos en modalidade telemática a través da plataforma da Xunta, que disporá os medios técnicos e persoais necesarios para a súa impartición. As entidades, pola súa banda, colaborarán no deseño dos contidos e a captación de traballadoras e traballadores para que tomen parte nas accións.

Os novos convenios asinados con In-Red e Aspais terán unha vixencia de catro anos e, ao igual que no caso de Aedigal, non contan con asignación orzamentaria nin transferencia de fondos algunha.

A Xunta está a impulsar de xeito continuado as políticas de igualdade a nivel transversal. Coa nova oferta formativa tamén busca chegar ás empresas para que adopten medidas de igualdade no seo das súas organizacións e atendan as necesidades das persoas traballadoras con discapacidade, para evitar que padezan, no eido laboral, a discriminación múltiple e poidan avanzar na súa participación plena na sociedade.

Categorías

Actualidade igualdade laboral

Novas

Toda a actualidade e información de interese no ámbito da igualdade laboral.
Novidades en materia de igualdade laboral
29 Decembro 2022
Como cada mes, recapitulamos as novidades máis reseñables...
SEGUIR LENDO >
As achegas á igualdade laboral no ano 2022
22 Decembro 2022
O ano 2022 foi un período no que desde a Xunta de Galicia...
SEGUIR LENDO >
A Xunta avoga por unha ciencia en igualdade que cree máis oportunidades e aposte polo talento galego na entrega do premio Wonenburger 2022
20 Decembro 2022
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,...
SEGUIR LENDO >
Lorenzana presenta o espazo de conciliación promovido no porto da Coruña pola Xunta de Galicia para axudar ás familias este Nadal
20 Decembro 2022
As instalacións, situadas no peirao do Parrote, abrirán...
SEGUIR LENDO >

Subscríbete ao noso boletín

E recibe todas as nosas novidades no teu correo electrónico.