• A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe nunha xornada sobre plans de igualdade organizada pola Asociación de Industrial do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime)

  • Destacou a importancia dos plans de igualdade nas empresas para que exista un equilibrio entre mulleres e homes nos diferentes grupos profesionais e sinalou que son clave para que nas compañías se poidan detectar situacións de discriminación

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, destacou hoxe en Vigo que a Xunta aposta por políticas de conciliación e corresponsabilidade que promovan a flexibilidade horaria e un bo uso dos tempos nas empresas. Participou nunha xornada sobre plans de igualdade que organizou a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), onde explicou, aos 80 asistentes, que as políticas de conciliación deben ir máis aló das compensacións económicas e basearse tamén en promover unha corresponsabilidade real no fogar e unha redistribución de roles no ámbito familiar. Para iso, indicou que é preciso a concienciación e a educación desde idades temperás e terminar cos estereotipos que aínda están presentes na sociedade.

Segundo Mancha, é necesario que os poderes públicos promovan estas medidas e cambios sociais, pero tamén as empresas a través das actuacións previstas nos seus plans de igualdade, uns instrumentos que definiu como “cruciais” para que exista un equilibrio entre mulleres e homes nos diferentes grupos profesionais. Explicou que a través destes plans poderán detectarse as situacións de desigualdade e discriminación e adoptar, deste xeito, as medidas necesarias para a súa erradicación.

A directora avanzou, ademais, que a Xunta traballa nunha nova regulación da Certificación galega de excelencia en igualdade, un novo selo co que se distinguirá ás empresas galegas comprometidas coa igualdade entre mulleres e homes e que fomenten o benestar laboral entre os seus traballadores. Trátase dun recoñecemento público ás compañías que sexan exemplo de boas prácticas neste eido.

Incidiu que este novo selo é unha medida máis da aposta da Xunta pola conciliación e a corresponsabilidade, un eido ao que o departamento autonómico destina este ano 16 millóns de euros, máis do triplo que en 2021. O orzamento materialízase, entre outras actuacións, en apoios para promover a flexibilidade horaria e o teletraballo, no programa Emega de apoio ao emprendemento feminino ou en axudas ás entidades locais para fomentar a conciliación e aos autónomos para cubrir a baixa por maternidade ou paternidade ou ben para o coidado dos menores, maiores ou persoas dependentes.

A nova Lei galega de igualdade de mulleres e homes, ademais, dedica un capítulo enteiro ao benestar laboral nas organizacións para acadar a integración da perspectiva de xénero no teletraballo e o fomento da calidade no emprego feminino. A nova normativa porá o foco en concienciar respecto da necesaria redistribución dos tempos de traballo, ofrecendo modalidades máis flexibles para desempeñar un posto de traballo e poder compatibilizar este exercicio coa atención das responsabilidades familiares e o desfrute da vida persoal.

Categorías

Actualidade Conciliación igualdade laboral Plan de igualdade

Novas

Toda a actualidade e información de interese no ámbito da igualdade laboral.
Novidades en materia de igualdade laboral
29 Decembro 2022
Como cada mes, recapitulamos as novidades máis reseñables...
SEGUIR LENDO >
As achegas á igualdade laboral no ano 2022
22 Decembro 2022
O ano 2022 foi un período no que desde a Xunta de Galicia...
SEGUIR LENDO >
A Xunta avoga por unha ciencia en igualdade que cree máis oportunidades e aposte polo talento galego na entrega do premio Wonenburger 2022
20 Decembro 2022
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,...
SEGUIR LENDO >
Lorenzana presenta o espazo de conciliación promovido no porto da Coruña pola Xunta de Galicia para axudar ás familias este Nadal
20 Decembro 2022
As instalacións, situadas no peirao do Parrote, abrirán...
SEGUIR LENDO >

Subscríbete ao noso boletín

E recibe todas as nosas novidades no teu correo electrónico.