A Xunta apela ao compromiso das empresas con máis de 50 traballadores para que incorporen a persoas con discapacidade aos seus cadros de persoal

  • A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, clausurou hoxe unha xornada sobre emprego inclusivo en Pontevedra, onde lembrou a obriga legal de reserva do 2% de postos de traballo a persoas con discapacidade que cumpre 2 de cada 3 firmas

  • Puxo en valor o traballo da Inspección laboral de Galicia para controlar o acatamento desta previsión legal con máis dun cento de actuacións no primeiro trimestre de 2022

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, clausurou hoxe a xornada O reto de converterse nunha empresa inclusiva da Asociación de empresarios da mediana e pequena empresa da provincia de Pontevedra (Aempe) onde chamou ao tecido produtivo galego a reforzar o seu compromiso coa incorporación aos seus cadros de persoal de empregadas e empregados con discapacidade.

Mancha lembrou a obriga legal que teñen todas as firmas con máis de 50 traballadores de reservar o 2% dos postos a persoas con discapacidade. Tal e como informou, a Inspección de Traballo en Galicia está a detectar que esta previsión soamente se cumpre en dúas de cada tres empresas co deber de facelo.

A Inspección de Traballo, que coordina e colabora coa Xunta de xeito permanente, está a reforzar as súas actuacións neste eido. Tal e como relatou Mancha, entre 2018 e 2019 realizou controis en 357 empresas, nas que se detectaron incumprimentos en 105 casos. Aínda que nos anos da pandemia se reduciu a actividade de control, “neste 2022 está a recuperar o pulso e no primeiro trimestre do ano no que a Inspección leva planificadas 111 actuacións”, aseverou a directora xeral.

“As análises destas cifras determinan que de todas as empresas obrigadas á reserva de posto, dous terzos son cumpridoras; para o outro terzo facemos un chamamento xeral para que adopten medidas que non só demostren o cumprimento da lei, senón a súa preocupación e compromiso co colectivo discapacitado”, remarcou Mancha.

A representante de Relacións Laborais incidiu en que estas contratacións poden ser substituídas por alternativas como pode ser a contratación de bens e servizos a centros especiais de emprego.

A Xunta, pola súa banda, ten en marcha este ano o Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social ao que se destinan 40M€.

No marco do mesmo, ofrecerase ás persoas con discapacidade, a través das entidades que as representan, un servizo de intermediación avanzado dotado con 5,5 millóns de euros e que beneficiará a 1.310 persoas. Inclúese tamén aquí a liña específica do programa Galicia Emprega Discapacidade – Exclusión Social, que como lembrou Mancha, está dotada con 2,9 millóns de euros, para impulsar a contratación de 250 persoas do colectivo.

Estas actuacións estanse a completar con apoios á creación e mantemento de postos de traballo en centros especiais de emprego, chegando a un investimento de 20,8 millóns de euros, un 3,8% máis que no ano anterior; ou co incremento do 25% nas axudas á creación e mantemento de emprego en empresas de inserción laboral, cun investimento de 1 millón de euros coas que a Xunta prevé chegar a 11 empresas e dar orixe a 120 contratos.