A Axencia dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea (FRA) e o Instituto Europeo da Igualdade de Xénero (EIGE) publicaron o informe Enquisa da UE sobre violencia de xénero: evidencia para a formulación de políticas e a práctica, a segunda enquisa a gran escala sobre violencia de xénero na Unión Europea, baseada en datos recompilados conxuntamente por Eurostat, FRA e EIGE, que inclúe 114.023 entrevistas a mulleres en 27 Estados membros. O obxectivo deste informe é o de revelar a magnitude do problema e proporcionar evidencia sólida para orientar as políticas públicas na UE, especialmente para contribuír na transposición da Directiva da UE sobre a loita contra a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica nos Estados membros, cuxa implementación deberá realizarse antes de xuño de 2027.
O estudo revela a persistencia da desigualdade estrutural de xénero en toda a UE e o carácter sistémico da violencia contra as mulleres, e conclúe que non se produciu ningunha diminución significativa das taxas de violencia na última década. Entre os datos clave do estudo, afírmase que unha de cada tres mulleres experimenta violencia física e/ou sexual, que case unha de cada cinco sofre violencia a mans da súa parella ou exparella e que unha de cada tres é vítima de acoso sexual no traballo.
O informe conta cun enfoque integral e multidimensional que aborda a realidade das mulleres nos países membros da UE en diferentes ámbitos da vida, con especial atención á vida privada e ás diferentes formas de violencia que se exercen contra as mulleres. Tamén hai apartados que referencian de forma directa as violencias que enfrontan nos contextos laborais, con achega de datos específicos e recomendacións para a implementación de sistemas de protección e medidas de prevención para as organizacións, seccións nas que se centra esta publicación.

Evidencia para a formulación de políticas e práctica
Un dos primeiros apartados do estudo revela os resultados principais e un total de 17 opinións que representan as recomendacións para a formulación de políticas públicas que a FRA e o EIGE expoñen a partir dos datos empíricos e as evidencias da enquisa. A continuación recollemos as principais indicacións que referencian medidas que afectan ao marco laboral:
A loita contra a violencia de xénero dentro da parella debe ser unha prioridade na aplicación da Directiva sobre violencia contra as mulleres e a Directiva sobre os dereitos das vítimas.
- Os Estados membros deben garantir que as súas normas e prácticas estean en consonancia coas disposicións pertinentes da UE en materia de protección e apoio ás vítimas de violencia de xénero dentro da parella. O estudo revela que un número considerable de mulleres (17,6%) necesita ausentarse do traballo debido á violencia de xénero dentro da parella e ten dificultades para facer fronte ás tarefas domésticas (30,8%), o que urxe aos Estados membros a establecer mecanismos de apoio económico e instrumentos complementarios de carácter integral, entre os que se inclúen a aplicación de medidas de protección do emprego, programas de asistencia financeira e cobertura sanitaria.
As organizacións teñen a obriga de garantir un lugar de traballo libre de acoso sexual, incluídas as contornas de traballo dixitais.
- Para garantir a eficacia nas medidas para combater o acoso sexual no traballo, os Estados membros deben centrar os seus esforzos na transposición e aplicación das disposicións pertinentes da Directiva sobre a violencia contra as mulleres, así como as disposicións doutras leis secundarias da UE que promoven a participación das mulleres no mercado laboral e os lugares de traballo libres de violencia. Para que as disposicións legais se apliquen de xeito efectivo na práctica, os Estados membros poderán considerar o establecemento de sistemas de seguimento para avaliar a eficacia das políticas contra o acoso no lugar de traballo, incluídas auditorías periódicas do cumprimento por parte das persoas que contratan e o establecemento de consecuencias para aqueles que non proporcionen sistemas de apoio axeitados.
- A Directiva sobre a violencia contra as mulleres inclúe medidas para combater o acoso sexual no traballo nos casos que constitúan un delito penal no dereito nacional:
- No seu artigo 7 especifícase a tipificación como delito de determinadas formas de conduta intencional mediante o uso das TIC, como o ciberacoso.
- No seu artigo 28 esixe aos Estados membros garantir a dispoñibilidade de servizos de asesoramento para as vítimas de acoso sexual no traballo e para persoas que contratan.
- O artigo 34(9), obriga aos Estados membros a incluír nas políticas nacionais medidas para abordar o acoso sexual no traballo.
- No 36(6), recóllese que as persoas con funcións de supervisión nos lugares de traballo do sector público e privado deben recibir formación para recoñecer, previr e abordar o acoso sexual no traballo.
- Os Estados membros deben obrigar ás persoas que contratan, en particular nos sectores nos que as traballadoras están máis expostas ao acoso sexual, a impartir programas de formación periódicos e campañas de sensibilización sobre os procedementos contra o acoso sexual, tendo en conta as evidencias que indican que a maioría dos incidentes son perpetrados por homes.
- Débese instar ás persoas que contratan a designar persoas de referencia ou departamentos para os casos de acoso sexual e a crear mecanismos de denuncia accesibles sen temor a represalias profesionais, garantindo que as políticas e medidas contra o acoso cubran as contornas de traballo dixitais e que apelen a todas as idades (o estudo revela que as mulleres máis novas, de entre 18 e 29 anos e de entre 30 e 44 anos, tenden a denunciar con menor frecuencia os incidentes de acoso sexual no traballo a pesar de ser as que experimentan taxas máis elevadas de acoso laboral).
- Segundo o artigo 45(3) da Directiva sobre a violencia contra as mulleres, a Comisión Europea debe considerar accións, dentro da súa competencia xurídica, que vaian máis aló da avaliación legal das normas aplicables neste ámbito, en particular mediante a recompilación de datos para comprender como funcionan estas normas na práctica e cales son as prácticas máis eficaces, tendo en conta os datos de seguimento existentes dos Estados membros que avalían as políticas contra o acoso no lugar de traballo.

Polo tanto, o estudo achega evidencias sólidas a partir das cales formular liñas de actuación para abordar e combater a violencia contra as mulleres a escala da UE e de cada Estado membro, en consonancia coas obrigas derivadas do dereito da UE e do dereito internacional. Dado que as taxas xerais de prevalencia da violencia rexistradas pola enquisa mantéñense, resulta evidente a necesidade e a urxencia de aumentar os esforzos para garantir que as mulleres da UE perciban os beneficios das proteccións que lles recoñece a lei e que poidan progresar na súa traxectoria profesional de forma segura, libre de nesgos, discriminacións e violencias.
Desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia continuamos traballando na formulación de políticas que contribúan a previr as situacións de violencia contra as mulleres nas contornas laborais, atendendo aos marcos lexislativos tanto estatais como da UE, e indo máis aló no noso compromiso coa igualdade laboral.