Un total de 3.765 contratos temporais de mulleres transformáronse a indefinidos no último ano en Galicia grazas as actuacións da inspección laboral

  • A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, destacou hoxe en comisión parlamentaria as accións que está a facer a Xunta para impulsar a igualdade laboral

  • Un total de 757 traballadoras foron dadas de alta na Seguridade Social, abandonando deste xeito unha situación de precariedade provocada polo emprego irregular

  • A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina este ano 16 millóns de euros ao fomento da conciliación e a corresponsabilidade, máis do triplo que en 2021

  • O Plan Emprega Muller inclúe preto de 36 millóns de euros para poñer en marcha oito programas específicos dirixidos exclusivamente ás mulleres, para mellorar a súa formación e oportunidades laborais

  • O Goberno galego desenvolve campañas de sensibilización e concienciación para eliminar os estereotipos e avanzar na igualdade de oportunidades e está a impulsar entre o tecido empresarial a formación para a elaboración dos plans de igualdade

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, destacou hoxe en comisión parlamentaria que as actuacións da Inspección Laboral permitiron no último ano que en Galicia se transformaran de temporais a indefinidos os contratos de 3.765 mulleres. Ademais, 757 traballadoras foron dadas de alta na Seguridade Social, abandonando deste xeito unha situación de precariedade provocada polo emprego irregular.

A Inspección Laboral, así mesmo, desenvolveu nos últimos doce meses 164 actuacións de control de medidas e plans de igualdade; 120 accións para vixiar a discriminación por razón de sexo en materia laboral, incluíndo o control de posibles desigualdades laborais; 57 actuacións de control de medidas de conciliación; 55 sobre discriminación no acceso ao emprego; e 33 de control contra o acoso sexual no traballo.

A directora xeral sinalou o impulso que está a dar o Goberno galego en materia de igualdade laboral, ao tempo que lembrou que ademais do desenvolvemento de medidas e de apoios económicos é preciso un cambio de actitude, unha reflexión e unha concienciación desde idades temperás para acabar cos estereotipos e avanzar cara a unha igualdade real e efectiva de oportunidades entre mulleres e homes.

Entre as actuacións que se están a levar a cabo, Mancha destacou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade conta na actualidade con 16 millóns de euros, máis do triplo que en 2021, para apoiar a elaboración de plans de igualdade nas empresas, activar axudas para fomentar a conciliación e o teletraballo e impulsar o emprendemento feminino.

Así mesmo, conta con axudas directas para a contratación de mulleres nas compañías galegas e apoios para mellorar a formación, as capacidades dixitais e as oportunidades laborais a través do Plan Emprega Muller, dotado en 2022 con 35,8 millóns de euros que inclúe oito programas específicos dirixidos exclusivamente a mulleres.

Campus virtual

A Xunta, ademais, está a desenvolver campañas de sensibilización para eliminar os estereotipos e está a levar a cabo cursos de formación a través do campus virtual para axudar ás empresas na elaboración de plans de igualdade, unha ferramenta coa que, segundo Mancha, se diagnostican as fendas salariais, axudando ás empresas a adoptar medidas para eliminalas.

Tamén púxose en marcha no campus virtual da Administración autonómica un programa de formación específico sobre desigualdade laboral, as súas causas e mecanismos, que incluíu cualificación específica sobre a realización do rexistro retributivo na que participaron máis de 600 persoas, principalmente graduados sociais, xestores e asesores en materia laboral.

Sobre negociación de plans de igualdade leváronse  a cabo sesións formativas ás que asistiron desde febreiro do ano pasado a maio de 2022 máis de 1.800 persoas. Ademais, o campus virtual incluíu cualificación e asesoramento sobre como actuar en caso de detectar acoso sexual nas empresas e formación sobre conciliación e teletraballo.

A responsable de Relacións Laborais do Goberno autonómico destacou que entre 2021 e 2022 investíronse 400.000 euros para accións e constitución de gabinetes de igualdade nas organizacións sindicais e patronais, unha medida pioneira en España.

Mancha, por último, referiuse ás guías que puxo a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a disposición do tecido produtivo sobre realización de plans de igualdade e acoso sexual e avanzou que se están a deseñar folletos sobre diferentes temas que afectan á igualdade laboral.