A igualdade entre mulleres e homes no traballo avanzou de forma notable nas últimas décadas, pero ese progreso non sempre se traduciu nunha igualdade real nin se repartiu de xeito uniforme no mundo.
Os cambios no emprego non poden entenderse na marxe da evolución socioeconómica de cada territorio. Os cambios demográficos, os conflitos xeopolíticos, o cambio climático ou a dixitalización non afectan a todos os mercados laborais por igual, e os seus efectos adoitan ser distintos para mulleres e para homes. Situar a igualdade no centro dos procesos sociais e laborais contribúe considerablemente ao crecemento económico e ao benestar das persoas.
Nesta publicación repasamos as principais tendencias e datos sobre igualdade laboral entre mulleres e homes a escala global, estatal e autonómica.
Tendencias globais
O informe da OIT para a Conferencia Internacional do Traballo de 2026 mostra que as mulleres teñen hoxe o nivel educativo máis alto rexistrado ata a data. Aínda así, a participación feminina na forza de traballo mundial é do 48%, fronte ao 73% dos homes. Estes resultados tradúcense nunha fenda de xénero de 25 puntos en 2025, que é máis ampla na franxa de idade de entre os 25 e os 39 anos, idade na que as mulleres habitualmente comezan co seu proxecto familiar.
A segregación por xénero tamén persiste en determinados sectores e ocupacións; as mulleres concéntranse en educación, saúde e traballo social, e os homes dominan sectores como a construción, a enerxía ou o transporte.
Estímase que a fenda salarial mundial rolda o 20%, e aproximadamente un terzo atribúese á discriminación. Detrás de moitas destas desigualdades atópanse os coidados familiares, xa que as mulleres dedican 3,2 veces máis tempo que os homes ao traballo non remunerado.

O contexto estatal
Do mesmo xeito que no contexto internacional, os Principais Indicadores Estatísticos de Igualdade do Instituto das Mulleres de febreiro de 2026, mostran que as mulleres son o 57,1% do alumnado universitario en España mentres que a taxa de actividade feminina en 2025 era do 54,29%, fronte ao 63,84% de taxa de actividade masculina, o que supón unha fenda de 9,55 puntos. Esta diferenza aumenta coa idade e chega ao 12,23% entre os 55 e os 59 anos. Ademais, entre os 30 e os 54 anos a taxa de actividade masculina supera o 90%, mentres que a feminina só alcanza o 85% no tramo de 40 a 44 anos.
En España as mulleres son maioría nas actividades do fogar como persoal doméstico (87,8%), nas actividades sanitarias e de servizos sociais (78,4%) e na educación (70,5%), mentres que apenas representan o 10,3% do emprego na construción e o 9,2% nas industrias extractivas.
Á súa vez, o salario medio anual das mulleres (25.591 €) equivale ao 84,3% do dos homes (30.372 €). É a distancia máis curta dos últimos dez anos pero as desigualdades continúan sendo evidentes nas pensións, a pensión media das mulleres é o 68,9% da dos homes.
Detrás de moitas destas desigualdades tamén se atopan os coidados familiares: as mulleres son o 72,8% das persoas ocupadas a tempo parcial (o 92,4% cando o motivo é o coidado de menores ou persoas dependentes) e o 87% de quen solicita excedencias por coidado de fillas e fillos.

A situación galega
O informe “As mulleres no mercado de traballo 2025”, da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, mostra que as mulleres son o 56,5% do alumnado universitario galego e o 57,4% da poboación activa con estudos superiores. Neste contexto, a taxa de actividade das mulleres de 16 a 64 anos alcanzou en 2025 o 74,57%, fronte ao 77,05% dos homes. A fenda é de 2,48 puntos, moi inferior aos 7,78 do conxunto de España. Ademais, Galicia pechou o ano con 590.000 mulleres ocupadas, a cifra máis alta da súa serie histórica, e as mulleres explican o 95% do crecemento neto do emprego do último ano.
A segregación por xénero, con todo, tamén persiste. O 85,3% do emprego feminino concéntrase no sector servizos, onde as mulleres son maioría na administración pública, a educación e a sanidade (ao redor do 70%), mentres que na industria representan algo menos do 30% das persoas ocupadas.
Segundo os datos da Axencia Tributaria recollidos no informe, a fenda salarial entre mulleres e homes sitúase no 17,74%. É a menor da serie histórica desde 1999 e é menor que a española (18,81%).
Á súa vez, o 21,3% das mulleres inactivas estao polo coidado de menores, persoas maiores ou outras responsabilidades familiares, fronte ao 5,4% dos homes (porcentaxe que se reduciu case un 40% desde 2010). Ademais, o tempo parcial supón o 43,67% dos contratos a mulleres, fronte ao 24,37% dos contratos a homes.
Desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia impulsamos programas, subvencións e recursos (formativos, de asesoramento…) que contribúen a conseguir a igualdade laboral e que facilitan a conciliación da vida familiar, persoal e laboral. Ademais, seguindo as recomendacións da OIT, incorporamos a perspectiva de xénero nas nosas políticas públicas para fortalecer a posición das mulleres no mercado laboral galego.
Nota técnica:
- A taxa de participación na forza de traballo calcúlase expresando a cantidade de persoas na forza de traballo como porcentaxe da poboación en idade de traballar. A taxa de participación feminina na forza de traballo calcúlase sobre a poboación feminina mulleres mentres que a taxa de participación masculina sobre a poboación masculina.
- A taxa de actividade defínese como o cociente entre o total de persoas activas e a poboación de 16 e máis anos. A taxa de actividade feminina mide o total de mulleres activas entre as mulleres de 16 e máis anos, mentres que a taxa de actividade masculina mide o total de homes activos entre os homes de 16 e máis anos