Teletraballo, unha medida de conciliación

O teletraballo é unha medida de conciliación da vida persoal, familiar e laboral moi coñecida e que tivo o seu boom durante o confinamento de 2020 a causa do COVID-19. Debido a este especial avatar da historia as persoas que teletraballaron ao longo dos últimos meses víronse incrementadas de forma considerable e o teletraballo regulouse coa súa propia lexislación. 

Á marxe do que ocorreu nos últimos meses, o teletraballo non é unha medida nova e xa moitas entidades a implementan para mellorar a conciliación das persoas traballadoras. Por definición o teletraballo é “o desempeño da actividade profesional sen presenza física na empresa durante todo ou gran parte do horario laboral, botando man das tecnoloxías da información e das comunicacións. A principal diferenza entre o traballo a domicilio e o teletraballo é o uso frecuente de métodos de procesamento electrónico de información e o uso permanente dalgún medio de telecomunicación (acceso a internet, computador portátil, conexión ADSL, teléfono)” tal e como se recolle nesta web de Igualdade Laboral. Ademais, o teletraballo está recollido como unha medida de flexibilidade espacial de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, xa que afecta o lugar onde a persoa profesional desenvolve o seu traballo e a adaptación desta ás súas necesidades. 

Son múltiples os beneficios que presenta o teletraballo, pero para iso débense cumprir unha serie de requisitos e normas que se consideran fundamentais para o bo funcionamento desta medida de conciliación. Ao longo desta noticia imos repasar as características básicas do teletraballo, recollidas na Lei de traballo a distancia, e os seus beneficios para as persoas traballadoras e ás empresas. 

 

A Lei do teletraballo

A Lei de traballo a distancia ou a Lei do teletraballo, a recentemente estreada Lei 10/2021, do 9 de xullo, de traballo a distancia, é a normativa que regula a modalidade de traballo en remoto. O obxectivo da devandita lei é “proporcionar unha regulación suficiente, transversal e integrada nunha norma  sustantiva única que de respostas a diversas necesidades, equilibrando o uso destas novas formas de prestación de traballo por conta allea e as vantaxes que supoñen para empresas e persoas traballadoras, dun lado, e un marco de dereitos que satisfagan, entre outros, os principios sobre o seu carácter voluntario e reversible, o principio de igualdade de trato nas condicións profesionais, en especial a retribución incluída a compensación de gastos, a promoción e a formación profesional, o exercicio de dereitos colectivos, os tempos máximos de traballo e os tempos mínimos de descanso, a igualdade de oportunidades no territorio, a distribución flexible do tempo de traballo, así como os aspectos preventivos relacionados basicamente coa fatiga física e mental, o uso de pantallas de visualización de datos e os riscos de illamento.” segundo indica o SEPE

A continuación, debullamos algúns aspectos relevantes da nova lei de teletraballo: 

  • O ámbito de aplicación da lei refírese ao traballo a distancia que se realice, nun período de referencia de tres meses, un mínimo do 30% da xornada (nunha xornada de 40 horas semanais supón un mínimo de 12 horas) ou a porcentaxe proporcional equivalente en función da duración do contrato de traballo. 
  • O teletraballo considérase unha opción voluntaria, por parte da persoa empregadora e da persoa traballadora. Para exercer o teletraballo é necesario asinar un acordo que pode formar parte do contrato inicial ou incorporarse a este con posterioridade.
  • As persoas traballadoras a distancia e as que traballan no espazo de traballo habitual, como a oficina ou sede da entidade, teñen os mesmos dereitos. Habendo unha excepción no caso daquelas que se consideren fundamentais ao traballo presencial, e a empresa debe telas en conta á hora de executar medidas e plans de conciliación e igualdade.
  • No teletraballo seguirase necesitando o rexistro de horas traballadas, o control horario e a fichaxe da persoa traballadora, aínda que a lei establece que a flexibilidade horaria é necesaria e obrigatoria, as empresas poden fixar horarios con tempos de dispoñibilidade.
  • O artigo 18 recolle que “as persoas que traballan a distancia, particularmente en teletraballo, teñen dereito á desconexión dixital fóra do seu horario de traballo” e engade “o deber empresarial de garantir a desconexión conleva unha limitación do uso dos medios tecnolóxicos de comunicación empresarial e de traballo durante os períodos de descanso, así como o respecto á duración máxima da xornada e a calquera límites e precaucións en materia de xornada que dispoñan a normativa legal ou convencional aplicables.”
  • A empresa pode adoptar as medidas de vixilancia e control que considere máis oportunas para verificar que o traballador cumpre as súas obrigacións e deberes laborais, incluíndo medios telemáticos.
  • O desenvolvemento do traballo a distancia deberá ser sufragado ou compensado pola empresa, e non poderá supoñer gastos relacionados para a persoa traballadora en relación aos equipos, ferramentas e medios vinculados ao desenvolvemento da súa actividade laboral.

 

Beneficios de implantar o teletraballo

Os beneficios de implantar medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral como o teletraballo son múltiples e moi variadas, tanto para as persoas traballadoras como para as organizacións. A lei do teletraballo engade que as vantaxes poden ser: 

  • Maior flexibilidade na xestión dos tempos de traballo e os descansos.
  • Maiores posibilidades, nalgúns casos, dunha autoorganización, con consecuencias positivas, para a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
  • Redución de custos nas oficinas e aforro de custos nos desprazamentos. Esta redución vese directamente relacionada coa diminución de emisións de gases de efecto invernadoiro e cunha posible mellora da sustentabilidade das entidades. 
  • Produtividade e racionalización de horarios.
  • Fixación de poboación no territorio, especialmente nas áreas rurais.
  • Compromiso e experiencia da persoa empregada.
  •  Atracción e retención de talento ou redución do absentismo.

 

Ademais destes beneficios poderiamos engadir moitos máis como a mellora da integración para as persoas con diversidade funcional ou outros perfís; acceso a profesionais máis diversos ao non ter a barreira xeográfica; promoción da innovación e o emprendemento… E ti, que beneficios atopas no teletraballo?