Reunións igualitarias no marco das empresas

No noso país avanzouse moito en materia de igualdade laboral nas empresas en termos de regulación, medición, diagnóstico, execución de plans e revisión de medidas con perspectiva de xénero, entre outros asuntos. Cada vez máis as organizacións e as súas persoas directivas son conscientes da necesidade de incorporar medidas de igualdade entre homes e mulleres, pero habemos de lembrar que a igualdade se constrúe tamén no día a día e entre todas as persoas das empresas. As reunións son eventos corporativos que se dan con moita frecuencia, con persoal interno e/ou con persoal externo (provedores, clientela,  entidades asociadas…), nas que non sempre se ten en conta a perspectiva de xénero. A continuación abordaremos porqué é necesario facer esta abordaxe de xénero e algunhas pautas fundamentais para manter reunións igualitarias.

Datos da presenza feminina nas empresas

Na actualidade as direccións das empresas seguen sendo maioritariamente masculinas, o que dificulta a toma de decisións con perfís femininos. Segundo os datos de xuño de 2022 do estudo do Instituto Europeo para a Igualdade de Xénero (EIGE) sobre as maiores empresas cotizadas da UE, a pesar de que preto do 60 % das novas persoas tituladas universitarias na UE son mulleres, están infrarrepresentadas na toma de decisións no ámbito económico, especialmente nas cúpulas directivas:

  • O 31,5 % das persoas que forman parte dos consellos de administración son mulleres.
  • E só o 8 % dos consellos de administración están presididos por mulleres.

No terreo das pequenas e medianas empresas en España, segundo a agrupación industrial ClosingGap, impulsado pola Fundación CEOE, “as pemes xeraron 11,5 millóns de empregos en 2021, o que equivale ao 70,7% do total do emprego privado da economía española no devandito ano. As mulleres supoñen 4,8 millóns de ocupadas, o 41,5% do total do emprego da peme.” É dicir, máis do 40% das persoas que traballan nas pequenas e medianas empresas de España son mulleres, é por iso, que a súa participación nas reunións é fundamental para recoller a súa visión e enriquecer o debate.

Por que non se convocan ás mulleres ás reunións?

Ademais, abordamos outros motivos polos que non se presta especial atención ás mulleres cando se convocan reunións. Segundo o Kit para a implantación de medidas nº 1 do Instituto das Mulleres para a igualdade de oportunidades, non se adoitan realizar reunións igualitarias porque os homes directivos atópanse máis confortables debatendo en encontros non planificados ou en reunións informais, o que dificulta a conciliación. As reunións informais son unha ferramenta moi útil dentro da organización para desbloquear asuntos de maneira áxil, pero adóitanse levar a cabo en espazos como a pausa do café, no corredor… e estes espazos non sempre están equilibrados en xénero ou son plenamente inclusivos.

Tamén se debe recoñecer que a conciliación da vida persoal, familiar e laboral foi, e segue sendo, terreo feminino segundo os estereotipos e roles de xénero asumidos, polo que, as mulleres dispoñen de menos flexibilidade para modificar o seu horario laboral e encaixar reunións improvisadas. Isto fai que a moitas mulleres lles resulte complicado o seu desenvolvemento profesional, nunha contorna laboral que non promova a conciliación de homes e mulleres por igual e que non ten perspectiva de xénero incorporada. Tamén existe un aínda predominante estilo de liderado masculinizado que espera que as mulleres se adapten aos estilos e actitudes máis tradicionais. Para loitar con estes supostos pódense seguir as seguintes medidas para conseguir reunións igualitarias.

Propostas de medidas para reunións igualitarias

Para conseguir reunións igualitarias o primeiro paso será revisar a convocatoria da reunión e ter en conta os seguintes aspectos:

  • Data e hora da reunión. Deberase convocar con antelación e dentro do horario laboral das persoas que intervirán. Ademais, para conseguir maior eficacia na reunión débese marcar a hora de inicio e de fin.
  • Empregar a linguaxe inclusiva en toda a convocatoria e reunión.
  • Especial atención á lista de participantes e á orde do día, revisando que sexa equilibrada en mulleres e homes, tamén nas exposicións que se farán. Algo común é que, por tradición, se escoitan máis ás voces masculinas que ás femininas.

Ademais de convocar, hai que revisar que todas as persoas participen o día da reunión, especialmente se a representación feminina é menor. E se non acoden, estudar a que se debe e revisar se pode ser un condicionante de xénero.

Durante o transcurso da reunión é primordial facilitar a participación de todas as persoas participantes e contar cunha persoa moderadora que estea formada en perspectiva de xénero. Debemos lembrar que en contornas masculinizados, as mulleres poden ter reticencias a mostrar as súas opinións. Ademais, para tomar a acta pódese propoñer a un home, para romper cos estereotipos de xénero e que esta se revise para que se recollan todas as opinións tratadas, tamén as das mulleres.

É necesario ter en conta tamén se algunhas das persoas que deberían asistir a esta reunión están a teletraballar. Hai que poñer especial coidado en non deixar excluída a ningunha persoa por estar a desenvolver esta modalidade de traballo. E é que na actualidade cada vez hai máis persoas teletraballando. Segundo o  Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade no seu informe Datos de Teletraballo 2022, o 12,6% das mulleres (1.191.000 traballadoras) teletraballan fronte ao 12,5% dos homes (1.371.700 traballadores). A brecha de xénero pechouse e hai que garantir que esta circunstancia non impide a execución de todas as funcións inherentes ao seu traballo.

En definitiva, dado que a fenda de xénero é unha realidade nas empresas esta trasládase ás reunións de equipo ou con outros grupos de interese. É común que as mulleres estean presentes en reunións de asuntos asociados aos estereotipos de xénero, como reunións de vacacións, pero non que estean presentes en reunións estratéxicas. Incorporar a perspectiva de xénero a todos os procesos de traballo, tamén nas reunións e en como as convocamos, é fundamental para construír contornas igualitarias.