O 2025 está a piques de chegar ao seu fin e con el, desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, recapitulamos os avances que tiveron lugar en materia de igualdade laboral entre xaneiro e decembro.
Doce meses de impulso á igualdade laboral en Galicia
O 2025 foi un ano con especial actividade lexislativa, en materia de axudas públicas e documentos de carácter non normativo en materia de igualdade laboral para a comunidade galega. Destacamos en primeiro lugar unha medida moi celebrada polas entidades comprometidas coa igualdade, a aprobación do Decreto 96/2025, do 6 de outubro, polo que se regula a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade e o Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector recoñecidas coa Certificación Galega de Excelencia en Igualdade. Este distintivo contribuirá de forma significativa á consecución da igualdade laboral entre mulleres e homes no territorio galego, grazas a axudar a visibilizar o traballo das empresas e as entidades do terceiro sector que teñan o seu domicilio social en Galicia ou que conten con axencia, sucursal, delegación, a condición de que, ademais disto, teñan a persoal contratado nela. Estas entidades citadas asumen un compromiso transversal coa igualdade laboral entre mulleres e homes.
Ao longo do ano, as convocatorias de axudas públicas da Xunta de Galicia foron estratéxicas e atenderon de forma transversal ao concepto de igualdade laboral. A continuación recollemos os programas e axudas máis destacadas do goberno autonómico deste 2025:
- A liña de subvencións destinadas á creación e/ou ao funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial.
- O programa de axudas de 2025 para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), para a elaboración e implementación de plans de igualdade, conciliación e certificacións de responsabilidade social empresarial.
- A través do Plan Galicia Emprega 2025, a Xunta reforza o seu compromiso de apoio á contratación de mulleres en sectores masculinizados.
- Promóvese por primeira vez a pioneira convocatoria “Galicia Investiga Igualdade”, unha liña de axuda para proxectos de investigación en etapa predoutoral en materia de xénero.
- A convocatoria unificada para persoas autónomas, cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FSE Galicia 2021-2027, destina 40 millóns de euros, ao apoio directo a persoas autónomas a través dos programas: promoción do emprego autónomo, Bono Nova Oportunidade, Bono Autónomo, Bono Remuda ou o Bono Autónomo Concilia.
- Nova convocatoria do Programa EMEGA de apoio ao emprendemento feminino cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
Desde a Xunta de Galicia tamén se apostaron por medidas innovadoras de carácter non lexislativo que tiveron un impacto positivo relevante no contexto galego. Destacamos a aprobación por parte do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero (“Observatorio LGTBIQ”) do Primeiro Protocolo sanitario de atención primaria das persoas transexuais da Consellería de Sanidade en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción da Igualdade. Entre os avances destacamos a elaboración da pioneira Estratexia Galega de Emprego Feminino en sectores masculinizados, que pronto se levará á Mesa de Diálogo Social para abordar esta folla de ruta con patronal e organizacións sindicais.

Novidades a nivel estatal
A nivel lexislativo, o ano comezou coa publicación da Lei Orgánica 1/2025, do 2 de xaneiro, de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza, que protexe do despedimento ás persoas traballadoras que solicitan permiso para a conciliación familiar, que recuperaba o texto emendado pola Lei Orgánica 2/2024, do 1 de agosto, de representación paritaria e presenza equilibrada de mulleres e homes para eliminar da consideración de despedimentos nulos a aquelas persoas traballadoras que solicitan o permiso de cinco días para o coidado de familiares enfermos, así como de quen solicitou unha modificación da xornada laboral por motivos de conciliación. Así, modifícase parte do articulado do Estatuto dos Traballadores relativo á cualificación dos despedimentos por causas obxectivas e disciplinarias.
Apróbase tamén a Real Decreto-Lei 9/2025, do 29 de xullo, polo que se amplía o permiso de nacemento e coidado, para a ampliación do permiso de nacemento e coidado ata as 19 semanas retribuídas para cada persoa proxenitora, adoptante ou coidadora. Á súa vez, o Ministerio de Igualdade do Goberno de España abriu unha “Consulta pública previa sobre a proposta de Lei pola que se regula o exercicio da profesión de Axente de Igualdade” para recoller as achegas de persoas e organizacións representativas a nivel estatal no proceso de elaboración desta Lei, que parece que será unha realidade en 2026 e que pretende regular a profesión de axente de igualdade, concretar as funcións e competencias a desenvolver por este perfil profesional e definir a formación e/ou as condicións de acceso necesarias.
O Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) publicou o Plan de Acción 2025-2027, no marco da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027, un documento elaborado con axentes e administracións públicas, que xera amplo consenso e que sitúa como un dos 6 obxectivos clave, a perspectiva de xénero na seguridade e na saúde no traballo.

Un ano de igualdade laboral coa mirada posta na planificación estratéxica para o próximos cinco anos
Situámonos actualmente nun punto de inflexión, con tan só 5 anos para alcanzar as medidas da Axenda 2030 do Desenvolvemento Sostible. Este plan de acción concentra 17 obxectivos e un total de 169 metas que atenden ao ámbito económico, social e ambiental para responder a retos globais. Neste caso, consideramos de forma específica as metas do ODS 5. Igualdade de xénero e o ODS 8. Traballo decente e crecemento económico, para trazar as estratexias que nos achegan a cumprir os propósitos deste plan e á consecución dunha igualdade laboral real. Ademais, este 2025 tamén se conmemoran os 30 anos da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing acordada en 1995 por 189 países. Por iso, a nivel internacional xeráronse diferentes estudos, investigacións e encontros, achegando datos e información estratéxica para acelerar os avances en materia de igualdade de oportunidades para mulleres e homes a nivel global para 2030.
Desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, urximos a gobernos, administracións, empresas e persoas individuais a implementar a perspectiva de xénero de xeito transversal na súa toma de decisións. Especialmente en materia de contratos a tempo parcial, coidados e conciliación da vida familiar e laboral e profesións STEM ou postos de alta dirección, onde as mulleres continúan estando infrarrepresentadas.