Programa educativo en igualdade laboral: Que non te líen, ti elixes

Ante a necesidade de abordar unha educación sen estereotipos de xénero, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, crearon o programa formativo “Que non te líen, ti elixes” para o alumnado de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (ESO) dos centros educativos sostidos con fondos públicos de Galicia. O programa educativo está a realizarse por primeira vez no curso 2023/24, cunha primeira edición realizada no primeiro trimestre e unha segunda edición para o resto do curso educativo.  O obxectivo que se busca é fomentar unha orientación profesional libre de estereotipos de xénero e en relación a unha elección de ciclos formativos con menor presencia de mulleres, especialmente en sectores caracterizados por escasa representatividade feminina, como son os sectores da construción, madeira, TIC, metal e mar.

Baixa representación feminina nos ámbitos laborais

Unha das claves polas que se puxo en marcha o programa educativo “Que non te líen, ti elixes” é para tratar de eliminar a baixa representación feminina nos sectores laborais da construción, a madeira, o TIC, o metal e o mar de Galicia. Todos eles sectores con dificultades para alcanzar a igualdade laboral entre mulleres e homes.

Algúns exemplos deles son os datos do sector da construción e do mar. O Observatorio Industrial da Construción elaborou o informe Mujeres no Sector da Construción 2022 para dar a coñecer as características das mulleres traballadoras no sector. No ano 2022, só o 9,5% das persoas traballadoras no sector da construción eran mulleres, un dato que a pesar de todo, é máis elevado que en anos anteriores. Se nos centramos na Comunidade Autónoma de Galicia e comparamos a proporción de mulleres ocupadas fronte aos homes, temos un 5% de ocupación, cun total de 6.216 mulleres empregadas na construción.

No estudo Seguimento sobre a situación da muller no sector pesqueiro e acuícola da Rede Española de Mujeres no Sector Pesqueiro de maio de 2020 indícase que “A comunidade autónoma con maior número de rexistrados no REM é Galicia con 22.225 persoas (representatividade dun 35,08 % do total rexistrados). Se se ten en conta que esta rexión conta co maior volume de produción pesqueira e acuícola, é de esperar que sexa a comunidade autónoma con maior peso de traballadores rexistrados deste sector, non só de homes senón tamén de mulleres -17.004 homes rexistrados no REM fronte a 5.221 mulleres-. Neste sentido, a porcentaxe máis alta de mulleres rexistradas no REM é en Galicia cun 51,82 % do total de mulleres rexistradas, o que significa que máis da metade das mulleres do sector traballan en Galicia.” Pero este dato é necesario revisalo por áreas de traballo ou colectivos dentro do mar, é dicir, a segregación laboral, xa que, hai unha gran desigualdade en función da área, por exemplo, “as mulleres embarcadas, tanto en augas nacionais como non nacionais, é de só un 1,91 %”.

A formación en igualdade de oportunidades

A formación libre de estereotipos de xénero e en igualdade de oportunidades para mulleres e homes é unha máxima que se recolle na Lei Orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, a LOMLOE. A norma aposta por este enfoque a través da coeducación e impulsa en todas as etapas educativas a igualdade efectiva de mulleres e homes. Ademais, introdúcense cambios substanciais nos cursos de ESO para “fomentar a igualdade efectiva de dereitos e oportunidades de mulleres e homes, analizar e valorar críticamente as desigualdades existentes, así como o recoñecemento e ensino do papel das mulleres na historia e impulsar a igualdade real e a non discriminación por razón de nacemento, sexo, orixe racial ou étnica, discapacidade, idade, enfermidade, relixión ou crenzas, orientación sexual ou identidade de xénero ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.”

Ademais, na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025 recóllese, na liña de impacto 7, como un dos principios a coeducación, é dicir, educar no respecto, a promoción dos dereitos e liberdades fundamentais, tamén en relación á igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e contra a violencia de xénero. O obxectivo 4 desta liña indica “contribuír á desaparición da fenda de xénero no ámbito laboral a través da formación profesional” sendo unha das medidas a difusión de boas prácticas educativas que fomenten a igualdade e reduzan os estereotipos de xénero na formación profesional.

O programa educativo: Que non te líen, ti elixes

Por todo iso, púxose en marcha o programa educativo “Que non te líen, ti elixes” cos obxectivos de:

  • Favorecer a orientación vocacional libre de estereotipos na elección de itinerarios formativos enfocados nos ciclos de formación profesional con menor presencia de mulleres.
  • Estimular o espírito crítico na identificación de estereotipos sexistas asociados a determinadas profesións masculinizadas.
  • Ofrecer respostas baseadas na lóxica e na investigación científica sobre a cuestión de como os estereotipos deciden por nós.
  • Contrastar as condicións laborais derivadas dos diferentes ámbitos e sectores profesionais.
  • Poñer en común datos sobre a representación feminina nos ciclos de FP e profesións masculinizadas.
  • Nomear mulleres referentes de éxito en ámbitos profesionais con reducida presenza feminina.

Os contidos do programa baséanse en charlas e talleres dunha hora de duración para a reflexión e a participación do alumnado, con contidos en soporte dixital e cunha presentación que é de libre acceso. A impartición destes contidos corre a cargo de persoal das asociacións, fundacións e clústers de sectores caracterizados pola escasa representatividade feminina: construción, madeira, TIC, metal e do mar.

Facer unha abordaxe educativa e profesional con perspectiva de xénero é fundamental para romper a fenda de xénero existente en certos sectores aínda moi masculinizados. É por iso, que medidas como o programa educativo “Que non te líen, ti elixes” contribúen a seguir traballando para eliminar os estereotipos de xénero entre o alumnado.