O 11 de marzo rematará o prazo de inscrición do programa Entrena emprego de Lugo para a inserción laboral de mulleres paradas de longa duración

  • A iniciativa, que desenvolve a Fundación Santa María la Real, co apoio da Consellería de Emprego e Igualdade, ten como obxectivo incrementar as oportunidades laborais das mulleres en paro tras dedicarse á maternidade ou ao coidado de familiares

  • Lugo acollerá dous sesións desta iniciativa con 20 prazas cada unha: a primeira desenvolverase de marzo a xuño e a segunda de setembro a decembro

  • Ao longo de tres meses as participantes contarán co apoio e asesoramento de especialistas para mellorar a súa prospección laboral

O prazo para inscribirse no programa Entrena Lugo, dirixido a mellorar as oportunidades laborais das mulleres en paro de longa duración (máis de un ano en situación de desemprego), continúa aberto ata o próximo 11 de marzo. A iniciativa, que desenvolve a Fundación Santa María la Real, co apoio da Consellería de Emprego e Igualdade, e co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social, no seu eixo prioritario 6, é gratuíto e terá lugar na cidade lucense en dúas quendas: de marzo a xuño e de setembro a decembro.
O proxecto iniciará, deste xeito, a súa segunda fase tras unha primeira parte que estivo centrada na investigación social sobre os efectos do desemprego de longa duración nas mulleres que se dedicaron á maternidade ou ao coidado de persoas familiares.
A iniciativa, que se levará a cabo tamén en Canarias, Castela-A Mancha, Madrid, Estremadura e País Vasco, inclúe un total de doce proxectos pilotos, dous en Lugo.
Ao longo dos meses que se realiza o proxecto, as mulleres participantes contarán co acompañamento e asesoramento de especialistas da Fundación Santa María la Real para impulsar un plan integral de busca de emprego no mercado de traballo actual. As alumnas asistirán tres días á semana a reunións presenciais e/ou virtuais, en horario de 9.30 horas a 13.30 horas, nas que desenvolverán actividades de orientación laboral. O obxectivo é reactivar a súa estratexia de busca de emprego, reforzar as súas competencias transversais e habilidades dixitais, mellorar o seu posicionamento e impulsar, deste xeito, a inserción no mercado de traballo.
A primeira quenda, de marzo a xuño, contará con 20 prazas para mulleres de entre 18 e 60 anos. As interesadas poden aínda cursar a súa inscrición a través do formulario habilitado na web https://www.entrenaempleo.org/es/inscribete. Terán prioridade determinados colectivos con necesidades especiais como é o caso das mulleres con familiares ascendentes ao seu cargo e coidado.