Pioneiro curso universitario en Igualdade entre mulleres e homes nas relacións laborais

A Universidade de Vigo en colaboración coa Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia ofrecen unha formación especializada en perspectiva de xénero que proporcione as persoas destinatarias as ferramentas necesarias para poder implantar plans e medidas de igualdade tanto na empresa privada como no ámbito público, así como facer efectivo o dereito á igualdade de trato e á non discriminación entre traballadoras e traballadores en materia retributiva. 

A tenor do vixente marco normativo, en particular, coa aprobación dos RD 901/2020 e 902/2020, de 13 de outubro, a formación para a negociación, avaliación e revisión dos plans de igualdade e a efectividade do principio de igualdade de trato na retribución conforman, na actualidade, unhas materias con unha alta empregabilidade e demanda empresarial. 

Os contidos do curso, estruturados en 7 módulos de carácter teórico e práctico, proporcionan uns coñecementos completos e integrais que permiten coñecer o marco normativo necesario para satisfacer a referida demanda.

Programa

Módulos teóricos:

  1. Introdutorio
  2. Igualdade, emprego e relacións laborais
  3. Plans de igualdade
  4. Igualdade retributiva
  5. Prevención de riscos. Especial referencia ás condutas constitutivas de acoso
  6. Protección social e igualdade
  7. Tutela da igualdade

Módulos prácticos:

– Plans de igualdade

– Igualdade retributiva

Datos básicos

  • Número de prazas: 40
  • Número de créditos: 15 ECTS
  • Calendario: do 19 de xaneiro de 2022 (mércores) ao 3 de xuño de 2022 (venres)
  • Horario: mércores e venres de 16:00 h a 20:00 h.
  • Modalidade de ensino: presencial
  • Lugar: Centro Novas Tecnoloxías, R/ Airas Nunes, s/n (Conxo) – 15781 Santiago de Compostela.
  • Dirección académica: Belén Fernández Docampo, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social. Universidade de Vigo.
  • Coordinación: Rosa M. Rodriguez Martín Retortillo, axudante doutora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social. Universidade de Vigo.
  • Contacto: curso.igualdade@uvigo.gal
  • Colabora: Dirección Xeral de Relacións Laborais, Consellería de Emprego e Igualdade, Xunta de Galicia.

Destinatarios

Persoas que posúan un título universitario de grao ou licenciatura, preferentemente, en Dereito, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Ciencias do Traballo, Ciencias Económicas e Empresariais, Administración e Dirección de Empresas, Economía, Ciencias Políticas, Relacións Laborais ou Graduado Social. O estudantado universitario tamén poderá inscribirse.

Igualmente, poderán acceder ao curso as persoas con responsabilidades en recursos humanos, xefaturas de relacións laborais, asesorías e cadros das organizacións empresariais e sindicais, teñan ou non titulación universitaria, sempre e cando na súa actividade profesional concorra unha especial vinculación coa especialidade do curso.

Taxas

  • Matrícula curso completo (tarifa xeral): 420 Euros
  • Matrícula curso completo (comunidade alumni): 350 Euros
  • Matrícula curso completo (comunidade universitaria ): 300 Euros
  • Matrícula curso completo (persoas desempregadas): 300 Euros

 

Máis información e preinscrición: https://eafp.uvigo.gal/gl/curso/dcfu3082201/

Folleto informativo