A web de igualdade laboral da Xunta de Galicia, impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, comeza o ano cunha publicación centrada en analizar o impacto das políticas de igualdade nas entidades do terceiro sector en Galicia. Para iso, en primeiro lugar, é necesario coñecer unha serie de conceptos clave.
O primeiro deles, a definición de entidade do terceiro sector. A Lei 43/2015, do 9 de outubro, do Terceiro Sector de Acción Social indica que as entidades do terceiro sector son aquelas organizacións de carácter privado, xurdidas da iniciativa cidadá ou social, baixo diferentes modalidades, que responden a criterios de solidariedade e de participación social, con fins de interese xeral e ausencia de ánimo de lucro, que impulsan o recoñecemento e o exercicio dos dereitos civís, así como dos dereitos económicos, sociais ou culturais das persoas e grupos que sofren condicións de vulnerabilidade ou que se atopan en risco de exclusión social.
Así que poden considerarse entidades do terceiro sector as asociacións, as fundacións, así como as federacións ou asociacións que as integren. Tamén son entidades do terceiro sector as coñecidas co nome de ONG (organizacións non gobernamentais), xa que están constituídas como figuras de dereito privado baixo a forma de asociacións ou fundacións, sen ánimo de lucro, de iniciativa social, independentes da administración pública e con fins humanitarios, sociais ou de cooperación ao desenvolvemento.
Ademais, é importante coñecer o significado do impacto das políticas de igualdade. Como se comentou en detalle nesta publicación do noso blog, medir o impacto dunha política significa avaliar os efectos reais que dita política tivo sobre as persoas afectadas ou sobre un proxecto determinado, unha vez que foi implementada. Ademais, tamén se debe determinar que pasou en comparación co que ocorrería se a intervención non se levara a cabo.
No terceiro sector pódese avaliar o impacto do impulso de políticas de igualdade en dúas áreas diferenciadas: a nivel dos proxectos que impulsan e a nivel da propia organización. Esta publicación está centrada no impulso de políticas de igualdade a nivel de proxectos.

Igualdade e proxectos do terceiro sector
As entidades sociais, axente clave para a defensa e promoción dos dereitos e intereses sociais de toda a cidadanía e garante do benestar e a cohesión social, traballan en áreas como:
- Inclusión social e loita contra a pobreza: axudan a colectivos vulnerables, como as persoas con discapacidade ou migrantes. Impulsan programas de acceso ao emprego, formación etc.
- Dereitos humanos e cidadanía: defenden e promoven os dereitos fundamentais das persoas.
- Saúde e atención sociosanitaria: apoian a investigación médica e desenvolven a atención sociosanitaria de persoas maiores, con discapacidade…
- Medio ambiente: traballan na protección e concienciación sobre a sustentabilidade ambiental.
- Educación e cultura: fomentan a educación, a cultura e o desenvolvemento comunitario.
- Cooperación ao desenvolvemento: impulsan proxectos vinculados ás anteriores temáticas en países en vías de desenvolvemento.
Todas elas susceptibles de incorporar a perspectiva de xénero.

Como integrar a perspectiva de xénero nos proxectos do terceiro sector
Os proxectos impulsados por entidades sociais adoitan poder optar a subvencións impulsadas polas diferentes administracións públicas. Se optan a unha axuda impulsada pola Xunta de Galicia, é importante ter en conta que a Lei 7/2023 de Igualdade de Galicia, recolle no seu artigo 85, que as subvencións se configuran tendo en conta o obxectivo de fomentar a igualdade de xénero, ben como obxecto principal das subvencións, ben de forma indirecta, integrando a perspectiva de xénero como obxectivo transversal.
Para que os proxectos impulsados polo Terceiro Sector integren a perspectiva de xénero deben, como mínimo, ter en conta os seguintes requisitos:
- Análise do punto de partida. Avaliar os antecedentes e realizar unha breve diagnose sobre a situación inicial que, posteriormente se reflicte na xustificación do proxecto. Nesta fase débese identificar se a situación e posición de mulleres e de homes presenta desequilibrios ou desigualdades.
- Definición das persoas beneficiarias do proxecto. Identificar as persoas beneficiadas, tanto directa como indirectamente, analizar a súa posible distribución por sexo (entre outras variables) e adaptar as actividades ás súas necesidades.
- Definición dos obxectivos do proxecto. Neles, ademais de cuestións macro (por exemplo, aumento da taxa de emprego entre o colectivo das persoas migrantes) débese reflectir que se pretende cambiar en relación ás desigualdades detectadas entre mulleres e homes e en que medida se poden modificar ou influír sobre elas.
- Contido das actuacións. Á hora de expor as actividades é necesario, ademais dunha completa descrición das mesmas, realizar unha análise sobre como se vai influír sobre a igualdade e, no seu caso, introducir medidas de acción positiva.
- Avaliación do proxecto. Para finalizar, é necesario solicitar datos cuantitativos e cualitativos que reflictan a presenza das mulleres e homes, a súa influencia no desenvolvemento do proxecto, a distribución de acceso dos recursos que pon en marcha e como a formulación da actividade contribúe a modificar estereotipos, roles e valores sociais.
Como consello final, é importante coñecer en detalle as políticas de igualdade que impulsan as diferentes administracións públicas para vincular o proxecto cos plans ou liñas estratéxicas de igualdade que as desenvolven, garantindo desta forma que o valor social se multiplique.
Desde a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, animamos ás entidades sociais a integrar a igualdade nos seus proxectos e a realizar unha avaliación do impacto conseguido, como ferramentas clave para seguir avanzando conxuntamente cara a unha sociedade máis xusta, igualitaria, equitativa e inclusiva.