Novo campus de formación en liña con cursos con inscrición aberta

Dende a Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia informamos de que vimos de por en marcha un novo campus de formación en liña en materia de igualdade. Esta nova plataforma formativa está dirixida a fomentar, formar e sensibilizar á sociedade na igualdade laboral efectiva entre homes e mulleres a través de accións formativas. As accións formativas que se van realizar na plataforma serán gratuítas e enmarcadas en diferentes ámbitos como son:

  • A conciliación e a corresponsabilidade 
  • O rexistro retributivo
  • O acoso laboral
  • O teletraballo
  •  Moitos outros asuntos relativos á igualdade laboral. 

 

Os cursos formativos abertos 

Na actualidade están abertos á inscrición gratuíta dous cursos formativos en materia de igualdade laboral que terán lugar entre os meses de outubro e novembro. Os cursos ofertados son os seguintes: 

 

1. Curso básico en igualdade laboral. 8 horas de duración.

O obxectivo do curso é facilitar ao tecido empresarial a incorporación da igualdade laboral, acercando os coñecementos necesarios sobre a negociación dos plans de igualdade, diagnose, igualdade retributiva, medidas para fomentar a igualdade laboral e os protocolos para loitar contra o acoso sexual e por razón de sexo.

Enfocado para o persoal laboral de pemes galegas e interlocutores sociais de Galicia.

 

O prazo de inscrición será ata o 13 de outubro.

O prazo de validación da inscrición é do 14 ao 18 de outubro. 

O prazo de execución do curso é dende o 20 de outubro ata o 10 de novembro. 

A ligazón de inscrición é: https://igualdade-laboral.gal/

 

 

2. Curso teórico-práctico sobre a prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo no traballo. 10 horas de duración.

O obxectivo deste curso é profundar en conceptos de acoso sexual e por razón de sexo, facilitando a identificación de conductas que poden ser constitutivas do mesmo. 

Así mesmo, nesta formación trataranse as consecuencias xurídicas do acoso e a súa tipificación no orde penal e administrativo, así como a aplicación de políticas de prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo no traballo, proporcionando ás persoas participantes as ferramentas e modelos para a posta en práctica de ditas políticas e as orientacións prácticas para a investigación de situacións de acoso sexual e por razón de sexo no traballo.

Está orientado para as persoas responsables da implantación do protocolo de prevención e actuación por acoso laboral nas entidades. 

O prazo de inscrición será ata o 13 de outubro.

O prazo de validación da inscrición é do 14 ao 18 de outubro. 

O prazo de execución do curso é dun mes, dende o 20 de outubro ata o 20 de novembro.

A ligazón de inscrición é: https://igualdade-laboral.gal/

 

O novo campus de formación en liña

O novo campus de formación en liña é un espazo virtual de aprendizaxe que favorece os procesos comunicativos e aprendizaxes compartidas, posibilitando unha construción significativa e colaborativa de coñecemento. Tralo rexistro na plataforma, cada usuario ou usuaria poderá cambiar e completar os datos do seu perfil e anotarse nos cursos que teñen a inscrición aberta. 

Para máis información podes acceder ó espazo web https://igualdade-laboral.gal/  a través do cal se che informará das novidades xurídicas, cursos e webinarios que se leven a cabo en materia de igualdade.