Novidades en materia de igualdade laboral

Cada trimestre recapitulamos as novidades máis reseñables en materia de igualdade laboral a nivel internacional, europeo, nacional e autonómico dos últimos meses. Unha sección na que se pode atopar información sobre normativa, axudas, estudos e informes, materiais de sensibilización etc., así como accións impulsadas por distintas entidades e organismos.

Nivel autonómico

AXUDAS

A Xunta de Galicia presentou o Programa de apoio á contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas e para a adaptación de espazos nas empresas. As bases reguladoras da convocatoria do programa recóllense na Orde do 9 de xullo de 2024, cuxo prazo de presentación de solicitudes finaliza o 30 de setembro. O seu obxectivo principal é contribuír a incrementar as baixas taxas de ocupación feminina nos devanditos postos de traballo. Entre as posibles entidades beneficiarias, atópanse as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, que contraten a mulleres en postos masculinizados en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Unha das liñas do programa pretende impulsar a contratación por conta allea de mulleres desempregadas en ocupacións masculinizadas, ou con infrarrepresentación feminina, mediante contratos de duración indefinida realizados entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 20 de outubro de 2024. O importe das axudas oscila entre os 7.500 € e os 15.000 €. As solicitudes deben ser presentadas por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

A Xunta de Galicia convocou as axudas de 2024 para a conciliación da vida familiar e laboral por redución da xornada de traballo, como medida de fomento da conciliación e corresponsabilidade, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027. Estas subvencións teñen como finalidade fomentar a asunción, especialmente por parte dos homes, dos dereitos asociados coa corresponsabilidade e os coidados.

As persoas físicas que, no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024, acredite unha redución de xornada para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de doce anos no caso de que padeza unha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33 %, cos requisitos sinalados na convocatoria (artículo 5), pode ser beneficiaria desta axuda. A contía está determinada pola porcentaxe de redución da xornada laboral e a súa duración, en atención ao número de fillas e fillos a cargo da persoa solicitante, de acordo cos tramos e custos unitarios establecidos.

Nivel nacional

LEI ORGÁNICA 2/2024

Publicouse no BOE a Lei Orgánica 2/2024, do 1 de agosto, de representación paritaria e presenza equilibrada de mulleres e homes, unha norma que supón un avance ao xa regulado na Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, que incorporou o principio de representación equilibrada. O seu obxectivo é ampliar o alcance, garantindo a representación efectiva das mulleres nos ámbitos decisorios da vida política e económica.

Para os efectos desta Lei, enténdese por representación paritaria e presenza equilibrada entre mulleres e homes aquela situación na que as persoas de cada sexo non superen o 60% nin sexan menos do 40% nun ámbito determinado. Esta Lei Orgánica traspón a Directiva (UE) 2022/2381 do Parlamento Europeo e do Consello do 23 de novembro de 2022, relativa a un mellor equilibrio de xénero entre os administradores das sociedades cotizadas e medidas conexas, modificando o RDL 1/2010, do 2 de xullo, da Lei de Sociedades de Capital, para esixir que as sociedades cotizadas aseguren que o consello de administración teña unha composición que garanta a presenza, como mínimo, dun 40% de membros do consello do sexo menos representado. Ademais, establécese un principio de presenza equilibrada nos postos de alta dirección para estas sociedades.

De igual maneira, as entidades de interese público que teñan máis de 250 empregados, un volume de negocios superior a 50 millóns de euros ou activos que superen os 43 millóns deberán asegurar unha composición que respecte o principio de paridade, garantindo que o número de mulleres non sexa inferior ao 40%. Ademais, este principio implementarase no próximos cinco anos na Administración Xeral do Estado e nas entidades do sector público para a selección dos seus órganos superiores e directivos.

Esta nova normativa afecta tamén á Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeneral, a Lei 50/1997, do 27 de novembro, do Goberno, a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público  e a Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre Colexios Profesionais. Así mesmo, esixe contemplar o principio de presenza equilibrada de mulleres e homes na composición dos tribunais, xurados e órganos colexiados constituídos para outorgar premios ou condecoracións da Administración Xeral do Estado ou entidades integrantes do sector público institucional estatal.

Por último, realiza cambios en diversas normativas, como a Lei Orgánica de Liberdade Sindical, a Lei do Estatuto dos Traballadores e a Lei 5/2011 de Economía Social, co obxectivo de asegurar o principio de representación equitativa entre homes e mulleres.

Nivel internacional

NORMA ISO 53800

Publicouse a Norma ISO 53800. Directrices para a promoción e implementación da igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres na súa versión en español. Entre os obxectivos deste novo estándar atópanse a promoción da igualdade de xénero nas organizacións, o empoderamento para fortalecer o papel das mulleres nas organizacións e a contribución aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fomentando o cumprimento do ODS 5.

GLOBAL GENDER GAP REPORT 2024

De acordo co último informe anual Global Gender Gap Report 2024 do Foro Económico Mundial de Davos, o índice global de fenda de xénero dos 146 países incluídos sitúase nun 68.5%, unha décima por baixo do índice do ano anterior. Pola súa banda, España atópase entre os dez primeiros países, alcanzando a súa puntuación máis alta en paridade de xénero cun 79,7%.  En concreto, a fenda reduciuse principalmente nos ámbitos político e educativo. Pero, a pesar de que incrementou a paridade económica, advírtese que a proporción de mulleres na taxa de forza laboral diminuíu significativamente con respecto a 2021 (de 69,2% a 53,2%).

O TRABALLO DECENTE E A ECONOMÍA DO CUIDADO

A Organización Internacional do Traballo presentou o informe O traballo decente e a economía do coidado, que busca resaltar a importancia do traballo decente neste sector para a igualdade de xénero. Analizáronse as condicións laborais do persoal de coidado, así como a relación entre traballo decente e a calidade dos servizos, ademais das normas e políticas internacionais neste ámbito. A distribución do traballo de coidado ten un impacto considerable na igualdade de xénero. En media, as mulleres dedican cada día 4 horas e 25 minutos ao coidado non remunerado, en comparación con 1 hora e 23 minutos que dedican os homes. Esta carga de traballo limita a participación de aproximadamente 606 millóns de mulleres en idade laboral no mercado de traballo, afectando o seu acceso a empregos dignos e actividades que xeran ingresos, sendo as mulleres dous terzos do persoal de coidado. Por tanto, fomentar a economía do coidado é crucial para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente os relacionados coa igualdade de xénero (ODS 5), o traballo decente e crecemento económico (ODS 8) e a redución das desigualdades (ODS 10).