Cada trimestre recapitulamos as novidades máis reseñables en materia de igualdade laboral a nivel internacional, europeo, nacional e autonómico dos últimos meses. Unha sección na que se pode atopar información sobre normativa, axudas, estudos e informes, materiais de sensibilización etc., así como accións impulsadas por distintas entidades e organismos.
Nivel autonómico
PROGRAMA ‘EMPREGO SEN ETIQUETAS’
A Xunta de Galicia pon en valor o programa autonómico ‘Emprego sen etiquetas’, que incide na necesidade de rachar cos prexuízos de xénero na elección dunha profesión A iniciativa organizada pola Xunta percorre as catro provincias galegas e ten como obxectivo impulsar a presenza feminina en sectores económicos nos que tradicionalmente predominan homes. Ademais, busca concienciar sobre a necesidade de que as mulleres escollan as súas profesións atendendo ás súas capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por estereotipos nin por falsas crenzas que se seguen transmitindo. O Goberno galego busca, así, contribuír á eliminación da fenda salarial e reverter a situación identificando e rompendo con estereotipos sexistas asociados a determinadas profesións masculinizadas.
LINGUAXE INCLUSIVA NO CAMPUS FORMATIVO DA XUNTA
A Xunta promove a linguaxe inclusiva dentro do seu campus formativo a prol da igualdade laboral. O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, presentou a xornada A necesidade da linguaxe inclusiva para axudar a construír unha nova sociedade, no marco do Campus formativo en igualdade laboral impulsado pola Xunta de Galicia, que xa conta con case 6.000 persoas usuarias. A formación, que tamén se levou a cabo de maneira presencial, buscaba concienciar sobre a importancia de utilizar unha linguaxe inclusiva que non discrimine. Deste xeito, ponse o foco na capacidade da lingua para cambiar a sociedade, promovendo a igualdade e o respecto cara todas as persoas, recoñecendo a diversidade, propiciando a inclusión e combatendo a discriminación.
Nivel nacional
MELLORA NOS DATOS DE EMPREGO FEMININO
Os últimos datos de emprego publicados polo Ministerio de Traballo e Economía Social constatan melloras no emprego feminino, cunha diminución de 29.719 mulleres en paro (-1,82%) con respecto ao mes anterior. O número de mulleres paradas sitúase en 1.602.838, o seu nivel máis baixo desde decembro de 2008. Ademais, estes mesmos datos revelan unha cifra récord de mulleres traballando (47,4%). En comparación cos datos do ano anterior, a diminución do paro feminino sitúase en 76.729 mulleres (-4,57%), unha caída interanual maior que a masculina. De acordo cos datos do Instituto Nacional de Estatística con respecto á EPA correspondente ao primeiro trimestre de 2024, a taxa de emprego para as mulleres de 16-64 anos alcanza o 61,7%, 1,4 puntos máis que no mesmo trimestre do ano anterior. Pola súa banda, a taxa de paro sitúase no 13,78%, cifra que supón 1,6 puntos menos que no mesmo trimestre do ano anterior.
Nivel internacional
INFORME EUROSTAT
Nun novo informe referido a 2023, a Oficina Europea de Estatística, Eurostat, analiza os datos relativos á sobrecualificación laboral na Unión Europea e revela que a taxa media de sobrecualificación académica no posto de traballo é do 22%, sendo dous puntos porcentuais máis alta para as mulleres (23%) que para os homes (21%). España encabeza esta listaxe cunha taxa do 36% de sobrecualificación, seguida por Grecia (31%) e Chipre (30%). Eurostat destaca que, en 18 dos 27 países da UE, as mulleres traballadoras experimentan taxas de sobrecualificación máis altas que os homes.
ENCONTRO DOS MINISTROS E MINISTRAS DE IGUALDADE DA UE
Os ministros e ministras de Igualdade da Unión Europea reuníronse en Bruxelas no marco do Consello de Emprego, Política Social, Saúde e Consumidores (EPSCO). Baixo a presidencia belga, adoptáronse unha serie de directivas importantes para o fomento da igualdade de xénero en Europa:
- A directiva sobre violencia contra as mulleres e violencia doméstica, que criminaliza a violencia física, así como a violencia psicolóxica, económica e sexual contra as mulleres en toda a UE, tanto offline como en liña.
- Dúas directivas sobre normas vinculantes para os organismos de igualdade, que teñen como obxectivo garantir unha mellor aplicación e cumprimento das normas antidiscriminatorias da UE fortalecendo os organismos nacionais de igualdade.