Novidades en materia de igualdade laboral

Cada trimestre recapitulamos as novidades máis reseñables en materia de igualdade laboral a nivel internacional, europeo, nacional e autonómico dos últimos meses. Unha sección na que se pode atopar información sobre normativa, axudas, estudos e informes, materiais de sensibilización etc., así como accións impulsadas por distintas entidades e organismos.

Nivel autonómico

AXUDAS

Neste primeiro trimestre do ano, convocáronse as axudas da Xunta de Galicia que buscan impulsar en sindicatos e organizacións empresariais os gabinetes técnicos para promover a igualdade laboral. Estes incentivos contan cun orzamento de 400.000 euros e están destinados a cubrir os gastos de creación e/o funcionamento común destes órganos entre o 1 de novembro de 2023 e o 31 de outubro de 2024. Con esta liña, a Xunta pretende apoiar ás empresas na definición e desenvolvemento dos plans de igualdade e dun traballo de diagnóstico permanente, que inclúe actividades informativas e identificación de boas prácticas. O obxectivo último é establecer a igualdade de xénero como eixo ao redor do cal construír unha contorna de traballo máis xusta e reducir progresivamente a fenda salarial. Para iso, foméntase a presenza de grupos especializados que poderán promover accións directas dentro das entidades para conseguir a igualdade de oportunidades e salarial, sen diferenzas de xénero.

PROGRAMA ‘QUE NON TE LÍEN, TI ELIXES’

A Xunta de Galicia presenta a segunda fase do programa ‘Que non te líen, Ti elixes’ para concienciar sobre a importancia de rexeitar os prexuízos e os estereotipos de xénero á hora de escoller unha profesión. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada das directoras xerais de Relacións Laborais, Elena Mancha, e de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou no acto de presentación da segunda fase do programa ‘Que non te líen, Ti elixes’. Esta iniciativa busca concienciar ás novas xeracións de que as mulleres deben escoller a súa profesión atendendo ás súas capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por prexuízos ou estereotipos de xénero. De acordo coas palabras da conselleira, os sectores teñen todo por gañar se apostan pola igualdade entre mulleres e homes, xa que non só avanzarán cara a unha sociedade máis xusta e equitativa, senón tamén cara a unha sociedade máis rica grazas á contribución de todos e todas ao progreso de Galicia.

XORNADA INTELIXENCIA ARTIFICIAL CON PERSPECTIVA DE XÉNERO

O Campus formativo en igualdade laboral impulsado pola Xunta de Galicia organizou a xornada Intelixencia artificial con perspectiva de xénero. Un desafío no ámbito laboral, que se celebrou na Cidade das TIC da Coruña. Nela, participaron Karina Gibert, catedrática en Intelixencia artificial da Universidade Politécnica de Barcelona e vicepresidenta segunda do Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñería Informática, e Isabel Olmos, maxistrada da Sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Desde as súas respectivas perspectivas, estas expertas, puxeron sobre a mesa os retos da intelixencia artificial con enfoque de xénero e no contexto das relacións laborais.

A xornada foi clausurada pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, quen, na súa intervención, avogou por un uso responsable das novas tecnoloxías que garanta a igualdade. Tamén resaltou o alcance da formación do Campus, que conta con preto de 5.000 persoas usuarias rexistradas para acceder a distintos contidos de maneira totalmente gratuíta.

Nivel nacional

CONCESIÓN DOS DISTINTIVOS ‘IGUALDADE NA EMPRES’ (DIE) DO INSTITUTO DAS MULLERES

O Instituto das Mujeres outorgou a distintivo ‘Igualdade na Empresa’ (DIE) correspondente ao ano 2023. Tras a resolución do procedemento por parte do Ministerio de Igualdade, nesta última convocatoria recoñeceuse a 30 novas empresas e entidades que destacan polas súas políticas de igualdade entre as súas persoas traballadoras. Destas, 18 entran dentro da categoría de grandes empresas, 8 son pemes e 4 pequenas empresas. Nesta convocatoria, foi distinguida unha empresa galega.

Unha vez obtido o DIE, as empresas manterán a súa titularidade durante 5 anos, nos que deberán conservar e acreditar o nivel de excelencia en igualdade, coa posibilidade de solicitar unha prórroga. Ademais, estas organizacións incorpóranse á Rede de empresas con distintivo ‘Igualdade na Empresa’ (Rede DIE), un foro dirixido ao intercambio de experiencias e boas prácticas en materia de igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes no ámbito laboral, así como á súa difusión a toda a sociedade. Coas novas adhesións, esta Rede conta cun total de 171 integrantes.

NOVO INDICADOR DO PARO: AS MULLERES SOPORTAN O 90% DO COSTE SOCIAL DO DESEMPREGO

Unha investigación da Fundación BBVA e o Ivie mostra a importancia de medir, ademais da taxa de desemprego, o impacto en termos de benestar por falta de emprego para comprender e actuar mellor ante a situación de desemprego. Este indicador permite calcular o que denominaron «custo social do desemprego». O estudo mostra, ademais, como as mulleres son quen sofre o maior impacto das consecuencias de non ter traballo. As conclusións sinalan que as mulleres de máis 45 anos, que levan 2 anos en desemprego, con nivel educativo medio-baixo representan o 30% das persoas en paro. Con todo, soportan o 90% do custo social de desemprego.

Nivel internacional

PARTICIPACIÓN FEMININA EN NOVOS TRABALLOS RELACIONADOS COA ECONOMÍA VERDE

O emprego xerado no sector ambiental dentro da Unión Europea creceu un 23% na última década, en comparación co crecemento do 5% na economía en xeral. Con todo os datos de mulleres especialistas en TIC (19 %) e en enxeñería (27%) mostran que, na UE, aínda hai traballo por facer para fomentar a participación feminina no mercado laboral deste sector en auxe. Os datos do Índice de Igualdade de Xénero do EIGE mostran o interese das mulleres en traballar no sector verde. A investigación levada a cabo polo Instituto destaca que haberá ao redor de 29 millóns de empregos en enerxías renovables para 2050. Con todo, a fenda de xénero en salarios e oportunidades segue a ser un desafío. É imprescindible tomar conciencia da necesidade de evitar que persistan modelos de traballo que seguen discriminando ás mulleres no desenvolvemento destes novos campos laborais.