Novidades en Igualdade Laboral do primeiro trimestre do ano

Terminamos o segundo trimestre de 2026 e con iso, facemos unha recapitulación das novidades máis notables en materia de igualdade laboral no ámbito internacional, europeo, nacional e autonómico dos últimos meses. Unha sección na que se pode atopar información sobre normativa, axudas, estudos e informes, materiais de sensibilización, etc., así como accións impulsadas por distintas entidades e organismos.

Ámbito autonómico

FORMACIÓN

A Xunta impulsa o campus formativo de igualdade laboral cunha nova formación sobre boas prácticas na retención e atracción de talento. Trátase dunha acción que pretende favorecer contornas laborais máis equitativas, inclusivas e competitivas, buscando promover a integración efectiva da perspectiva de xénero nas políticas de xestión do talento das organizacións.

FORMACIÓN

Con motivo da celebración do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, a Xunta celebrou un taller sobre os riscos psicosociais e a súa relación coas accións de conciliación. Durante a xornada, analizouse como se pode mellorar a conciliación da vida privada, familiar e laboral a través da prevención dos riscos psicosociais con perspectiva de xénero.

PREMIOS DE RESPONSABILIDADE SOCIAL EMPRESARIAL DE GALICIA 2026

A Xunta convocou os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que inclúen unha Mención á Conciliación. Esta mención busca distinguir as iniciativas empresariais innovadoras que, de xeito significativo, propicien a conciliación laboral, familiar e privada e a corresponsabilidade, máis aló das obrigacións legais derivadas da normativa vixente. Poden optar aos Premios RSE Galicia 2026 todo tipo de empresas, públicas ou privadas, galegas ou que conten con sede ou con centros de traballo en Galicia. Exclúense as empresas con sancións firmes de carácter grave ou moi grave nos últimos tres anos no ámbito laboral, social ou ambiental.

Ámbito nacional

INFORME SOBRE A FENDA DE XÉNERO NOS CUIDADOS

De acordo co informe Sharing Care: Closing Gender Gaps in Care Survey 2024 do EIGE, a fenda de xénero nos coidados segue a ser unha das principais barreiras para a igualdade real entre mulleres e homes en España. O estudo revela que as mulleres seguen responsabilizándose en maior medida do coidado de fillos e fillas, persoas maiores e familiares dependentes. Esta desproporcionalidade nos coidados impacta de xeito directo na súa traxectoria profesional e benestar, xa que se acollen con maior frecuencia a medidas como a redución de xornada ou excedencias e, en consecuencia, obteñen menor participación en postos de responsabilidade. Os resultados do estudo evidencian que se manteñen os estereotipos de xénero que condicionan a repartición de roles no ámbito doméstico e dos coidados e os avances son insuficientes.

INFORMES SOBRE MULLERES NO ÁMBITO EMPRESARIAL

O informe O rol da muller na empresa española analiza a participación das mulleres nas empresas españolas en postos de liderado e como traballadoras. Os datos constatan que a participación das mulleres en equipos directivos segue sendo limitada, e que esta aumenta nas organizacións cuxa actividade está vinculada a roles tradicionalmente asignados a mulleres como educación, servizos e actividades sanitarias. O informe conclúe que queda aínda moito camiño por percorrer para alcanzar a paridade nos niveis de dirección nas empresas españolas. Pola súa banda, o informe Women in Business 2026, mostra que a taxa española de representación feminina en postos directivos é de 37,3% e mantense por encima dos datos da Unión Europea (34,9%) e da porcentaxe global (32,9%).

SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO

A sentenza 416/2026 ditada pola Sala do Social do Tribunal Supremo determinou que se debe retribuír obrigatoriamente o permiso por forza maior por motivos familiares urxentes de ata catro días anuais, aínda que non estea recolleito de forma expresa no convenio colectivo. O ditame subliña que a medida ten como finalidade principal reforzar a conciliación e avanzar na corresponsabilidade familiar, favorecendo unha repartición máis equilibrada das tarefas de coidados.

Ámbito internacional

ESTUDO

Un estudo da Unión Europea revelou que unha de cada tres mulleres traballadoras dos Estados membros sufriu acoso sexual no seu posto de traballo. Para elaborar este informe, a Axencia dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea (FRA) e o Instituto Europeo para a Igualdade de Xénero (EIGE) entrevistaron a miles de mulleres dos 27 Estados membros. Os resultados evidenciaron que o acoso non é un fenómeno illado, senón que se trata dun elemento estrutural e xeneralizado en diferentes contornas laborais. Ademais, os datos indican que as taxas de acoso sexual entre mulleres novas son significativamente máis altas e que non adoita denunciarse. Para rematar, destácase que os seus efectos son duradeiros na saúde mental, o benestar e a carreira profesional das mulleres, e moitas deciden cambiar de emprego, limitar a súa presenza en determinados espazos ou mesmo abandonar oportunidades laborais.