Micromachismos nas contornas laborais

Os micromachismos son manifestacións cotiás, sutís e invisibles que perpetúan a desigualdade de xénero e que poden manifestarse en todas as contornas da vida das persoas. Son comportamentos, actitudes ou xestos que, aínda que parezan triviais ou inofensivos, reforzan os estereotipos de xénero sobre as mulleres, normalizando as dinámicas de poder nas que os homes teñen vantaxes ou privilexios sobre as mulleres. Os micromachismos danse en todos os sectores da sociedade, tamén na contorna laboral, onde se manifestan en forma de actitudes e comportamentos, moitas veces imperceptibles, que reforzan a desigualdade de xénero e perpetúan a discriminación cara ás mulleres no ámbito profesional. Estes xestos cotiáns, desde comentarios sexistas ata a asignación de tarefas baseadas en estereotipos, van erosionando a confianza e o recoñecemento das mulleres no seu traballo.

 Que é o micromachismo e como identificalo

A desigualdade entre homes e mulleres é unha realidade que está presente en todos os países e contextos sociais e é a forma máis habitual e leve de violencia cara ás mulleres. Amnistía Internacional puxo de manifesto, grazas á ilustración, o iceberg da violencia de xénero, como os micromachismos son a base da violencia exercida contra as mulleres. Pero a diferenza dos actos de desigualdade máis evidentes, como a violencia física ou a discriminación directa, os micromachismos caracterízanse por ser case imperceptibles, xa que están profundamente arraigados na cultura e as normas sociais. Esta forma sutil de sexismo, pasa moitas veces desapercibida tanto para quen os exerce como para quen os recibe, o que supón a base para a súa normalización e dificulta a súa identificación.

Ter un coñecemento claro e detallado sobre os diferentes exemplos de micromachismos resulta ser unha ferramenta valiosa para recoñecer estas actitudes na nosa contorna diaria, xa que moitas veces pasan desapercibidas. Identificalos non só nos permite ser máis conscientes de como operan, senón que tamén nos dá a capacidade de enfrontalos de maneira efectiva, cuestionando estas condutas desiguais e tomando medidas para detelas. Este coñecemento é esencial para contribuír activamente á creación de espazos máis equitativos, respectuosos e inclusivos, tanto no ámbito laboral como na vida cotiá.

Aínda que poidan parecer triviais, os micromachismos teñen consecuencias reais na vida das mulleres. Tenden a xerar unha constante sensación de inferioridade, afectan á súa autoestima e limitan o seu desenvolvemento persoal e profesional. No ámbito laboral poden facer que se sintan desautorizadas ou infravaloradas, e perpetúan unha cultura de desigualdade onde o liderado e o recoñecemento están reservados principalmente para os homes.

Exemplos de micromachismos nas contornas laborais

Algúns micromachismos que se poden dar nos contextos laborais son os seguintes:

  • O termo mansplaining fai referencia a cando un home explica algo a unha muller de maneira condescendiente, presupoñendo que ela non ten o coñecemento necesario, aínda que estea capacitada ou mesmo sexa experta no tema. Isto pode suceder en reunións ou espazos de traballo con interrupcións frecuentes por parte dun home, cando unha muller está a expoñer un tema.
  • Usando os estereotipos de xénero de base, téndense a asignar ás mulleres tarefas administrativas ou de coidado, como tomar actas, preparar o café ou colocar as augas nas reunións, aínda que non sexan parte das súas tarefas laborais.
  • Comentarios superficiais sobre a roupa, a maquillaxe ou a aparencia física das mulleres, en lugar de focalizarse exclusivamente nas competencias profesionais. Ou a realización de comentarios ou bromas sexistas nos espazos de traballo, como poden ser aqueles vinculados á idea errónea de que as mulleres son máis emotivas ou traballan peor baixo presión. Todo iso perpetúa as crenzas discriminatorias.
  • A linguaxe que se emprega pode ser unha fonte inesgotable de desigualdades, por exemplo, cando alguén chama ás mulleres, moza ou nena, ou diminutivos como linda ou cariño. Son formas de infantilización que reducen a autoridade perpetuando o estereotipo da xerarquización masculina. Unha medida para poñer en práctica para evitalo podería ser o uso da linguaxe inclusiva.
  • Atribuír o éxito das mulleres á sorte, a circunstancias externas ou á casualidade, en lugar de recoñecer as súas capacidades, esforzo e os logros alcanzados.
  • Preguntar ás mulleres polos seus plans ao redor da maternidade, mentres que aos homes non se lles expoñen estas cuestións ou asumir que a súa carreira non se verá afectada polo seu rol como pais.
  • Excluír ás mulleres de reunións informais, comidas ou actividades fóra do traballo onde se acaban tomando decisións importantes ou se fortalecen as relacións laborais, baixo o estereotipo de que non encaixan nesas contornas.
  • Nos procesos de promoción, adoita ser difícil que unha muller e un home, nun mesmo contexto laboral, sexan valorados de igual forma. En moitos casos, o potencial da muller é subestimado, esíxeselle cumprir máis requisitos, etc.
  • Dar por feito que o xefe é un home e non unha muller. Esta suposición reflicte un nesgo de xénero que asocia o liderado co masculino.

A loita contra os micromachismos comeza por visibilizalos e entender que, aínda que son sutís, teñen un impacto profundo en perpetuar a desigualdade de xénero, tamén nas contornas laborais. É necesario cuestionar e desafiar estas actitudes, promover a autocrítica, a sensibilización e a educación sobre as desigualdades de xénero. Todos eles son pasos fundamentais para reducir a normalización dos micromachismos nas empresas. Só así se poderá avanzar cara unha sociedade máis xusta e igualitaria.