• A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Santiago de Compostela na apertura da xornada Novos criterios para a competitividade empresarial: posicionamento e resposta ante as esixencias ASG, no marco da iniciativa Responsabilízate

  • Ata a primavera de 2023 prolongaranse este ciclo de xornadas para promover a implantación de medidas de Responsablidade Social Empresarial (RSE) entre as compañías galegas

  • As firmas que completen todo o programa recibirán o Selo de Empresa Responsabilízate, un recoñecemento autonómico pola seu bo labor

  • Lorenzana destacou que a nova Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia senta as bases do concepto de benestar laboral que aposta pola flexibilización horaria, a conciliación da vida familiar e persoal e o reciclaxe profesional, entre outros

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor o programa autonómico Responsabilízate co que a Xunta busca promover a implantación de medidas de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) entre o tecido produtivo de Galicia para maximizar a competitividade e o benestar das compañías.

No marco desta iniciativa, Lorenzana participou hoxe na apertura da xornada Novos criterios para a competitividade empresarial: posicionamento e resposta ante as esixencias ASG (ambiental, social e goberno corporativo), un ciclo de charlas que se prolongarán ata a primavera de 2023, nas que están a participar as 116 empresas que, ata a data, forman parte de Responsabilízate. Con esta actuación preténdese dar un maior impulso a aquelas empresas que se están iniciando na RSE e, á súa vez, animar ao resto de organizacións a introducir estas boas prácticas.

O prazo para participar en Responsabilízate continúa aberto. Trátase dun programa que cumpre a súa terceira edición cun investimento de preto de 350.000 euros a través do que a Xunta ofrece un plan gratuíto e personalizado ás empresas cun seguimento individualizado. O programa inclúe diferentes fases: unha primeira de diagnose na que se fai unha análise exhaustiva do nivel de RSE que ten a empresa; unha segunda de formación en liña na que se adquire unha visión global da RSE e da súa aplicación en distintos ámbitos de negocio; unha terceira de asesoramento personalizado na que a compañía detecta os retos, riscos e oportunidades en materia de sustentabilidade; e, por último, o programa remata co establecemento dun Plan de acción en RSE, onde se especifican accións concretas adaptadas ao negocio.

As empresas que completen todo o programa recibirán o Selo de Empresa Responsabilízate, un recoñecemento autonómico polo seu bo labor.

En palabras da conselleira, a RSE permite obter “a mellor versión das empresas e avanzar cara a unha Galicia máis social, económica e medioambientalmente responsable e unida”. Tal e como explicou, a implantación dos valores que promove a Responsabilidade Social Empresarial mellora a produtividade e a motivación dos cadros de persoal e a capacitación das traballadoras e traballadores, así como a implantaci´`on de medidas de conciliación garantindo a igualdade laboral. Así mesmo, sinalou que a RSE fomenta comportamentos sustentables e mellora a imaxe e reputación empresarial. “A RSE ten en conta o talento único das persoas traballadoras, priorizando a súa satisfacción e o benestar laboral”, indicou.

Precisamente, Lorenzana destacou a importancia do benestar laboral para a Xunta de Galicia, lembrando que a nova Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, en tramitación na actualidade, introduce e senta as bases do concepto de benestar laboral, ao que se dedica un capítulo enteiro. Resaltou, así mesmo, que o Goberno galego está a elaborar unha nova Estratexia galega de RSE con once obxectivos primordiais que pivota arredor de tres eixos: as empresas, a sociedade de futuro e a Administración pública, impulsando unha xestión responsable, tamén en materia de emprego.

Para rematar, a titular de Promoción do Emprego afirmou que Galicia foi pioneira a nivel nacional en promover a RSE no tecido empresarial, un compromiso que, segundo salientou, continúa co incremento progresivo do investimento que se destina a impulsar a RSE.

Categorías

Actualidade igualdade laboral

Novas

Toda a actualidade e información de interese no ámbito da igualdade laboral.
Últimos días para inscribirse no taller formativo “A Corresponsabilidade: o eixe central da igualdade laboral”
30 Novembro 2022
O vindeiro 7 de decembro remata o prazo de inscrición...
SEGUIR LENDO >
Novidades en materia de igualdade laboral
30 Novembro 2022
Como cada mes, recapitulamos as novidades máis reseñables...
SEGUIR LENDO >
A nova Lei de igualdade situará o benestar laboral como panca para o crecemento económico de Galicia e a mellora das condicións da poboación traballadora
28 Novembro 2022
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha,...
SEGUIR LENDO >
Violencia de xénero no traballo
24 Novembro 2022
A violencia de xénero é o culmen da desigualdade estrutural...
SEGUIR LENDO >

Subscríbete ao noso boletín

E recibe todas as nosas novidades no teu correo electrónico.