Lorenzana reivindicou a igualdade laboral como eixo das políticas de emprego, ante os alumnos da escola de Relacións Laborais da Coruña

  • A conselleira de Emprego explicou que a nova Lei de Igualdade autonómica recollerá medidas para loitar contra a discriminación múltiple da muller e os teitos de cristal

  • Adiantou que o Galicia contará o curso que vén cun novo Plan autonómico de formación para o emprego baseado na Axenda Galega de Capacidades e o Estudo de Tecnoloxías Emerxentes, que en breve se presentará na Cidade das TiC da Coruña

    A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, referendou hoxe o compromiso da Xunta na suma das políticas de emprego e igualdade como elemento “fundamental” para consolidar un mercado laboral resistente e flexible ante momentos de incerteza. A representante da Xunta impartiu por videoconferencia unha clase a alumnas e alumnos de 4º curso do Grao de Relacións Laborais da Coruña, na que ofreceu unha visión das políticas sociolaborais do Goberno galego para favorecer a igualdade laboral, a formación adaptada ás necesidades do mercado e a empregabilidade de colectivos con maior dificultade de inserción.

    Lorenzana trasladou o esforzo que a Xunta está a realizar para “consolidar como nunca antes os recursos destinados a conseguir que a forza laboral galega estea constituída por todos os seus axentes activos”. Neste camiño, afirmou o compromiso do Goberno galego de traballar na incorporación da muller ao mercado, de mellorar as súas condicións laborais e de promover a independencia económica das vítimas da violencia de xénero.

    “Neste 2022 prestamos máis apoio ca nunca antes á conciliación da vida familiar e laboral”, anunciou a conselleira, quen cifrou en 16 os millóns destinados a compensar a redución de xornada laboral, a facilitar acordos laborais de flexibilidade horaria e o fomento do teletraballo ou os apoios para a conciliación dos autónomos.

    A Xunta está a traballar, por outra banda, na reforma da Lei de Igualdade autonómica coa que se quere visibilizar a discriminación múltiple, ampliar medidas para rachar cos teitos de cristal e mellorar o benestar laboral da muller, adiantou a conselleira.

    Aposta pola teleformación

    Lorenzana destacou, por unha banda, o éxito que desde outubro está a acadar o primeiro espazo de teleformación en igualdade laboral -no que neste 2022 programaranse unha vintena de actividades que chegarán a unhas 5.000 persoas- e, por outra, o do campus de formación para o emprego que está a renovar a oferta formativa para adaptala ás necesidades do mercado.
    Na mesma liña trasladou aos alumnos asistentes que o seu departamento está a elaborar un estudo sobre tecnoloxías emerxentes en sectores estratéxicos da comunidade, que se presentará proximamente na Cidade das TIC na Coruña. Tamén se está a desenvolver a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, que, por medio da colaboración público-privada, contribuirá a definir un marco que estableza as actuais necesidades formativas no mercado laboral de Galicia. “Con esta diagnose adaptaremos para o vindeiro curso académico o Plan autonómico de Formación para o Emprego”, anunciou a conselleira.

    Empregabilidade de colectivos prioritarios

    A Xunta artellou este ano tres plans dotados con apoios específicos para a mellora da cualificación profesional e con incentivos á contratación e ao inicio da actividade por conta propia dirixidos a colectivos con maiores dificultades de acceso ao mercado; como son as mulleres, a mocidade e as persoas con discapacidade ou en exclusión social.

    Tal e como relatou Lorenzana trátase do Plan Emprega Muller, composto por 8 programas e dotado con 34,3 millóns de euros; o Plan Emprega Xuventude, integrado por 5 programas e con 51,8 millóns de euros; e o Emprega Discapacidade e Exclusión Social, composto por 7 programas e cun orzamento de 46 millóns de euros.

    A Consellería de Emprego e Igualdade, especificou Lorenzana, conta para este ano cun orzamento de 380 millóns de euros, o máis elevado da historia para ambas as dúas áreas, grazas ao que tamén se está a traballar no tratamento integral das vítimas e na loita contra a violencia de xénero con programas que fomentan a contratación e a inserción laboral das mulleres vítimas e en colaboración coas universidades galegas e entidades sociais do terceiro sector.