• As instalacións, situadas no peirao do Parrote, abrirán en horario de mañá e tarde entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro e ofrecerán actividades de carácter deportivo, obradoiros de reciclaxe e paseos culturais, entre outras

  • É de balde e está dirixida a rapazas e rapaces de 4 a 16 anos que deberán inscribirse o mesmo día directamente na carpa do Parrote, sen trámites previos

  •  A área de Promoción do Emprego contará en 2023 con 14,6 millóns de euros destinados a impulsar as medidas de conciliación e corresponsabilidade

A Coruña, 20 de decembro de 2022 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe a carpa onde a partires do próximo 22 de decembro quedará instalado o espazo Nadal 2022 Peirao O Parrote que promove este departamento do Goberno autonómico no marco do desenvolvemento en Galicia do Plan Corresponsables e para apoiar a conciliación das familias nestas datas.

Lorenzana puxo en valor o compromiso da Administración autonómica que, con iniciativas como esta, ofrece unha alternativa de apoio ás familias na súa conciliación en datas como estas, moitas veces complicadas, polo parón da actividade escolar. Para cumprir con esta finalidade, a carpa do Parrote abrirá entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro en horario de mañá e tarde (de 10,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 20,00).

A iniciativa, que terá a súa réplica tamén no peirao de Curuxeiras en Ferrol, foi posible grazas á colaboración entre Promoción do Emprego e Igualdade e as autoridades portuarias de ambas as dúas localidades. As dúas actividades contan cun financiamento conxunto superior aos 78.000 euros.

O programa de actividades ofrecerá aos menores participantes (rapazas e rapaces de entre 4 e 16 anos) bautismos de skate, talleres de reciclaxe, paseos culturais e infinidade de propostas a desenvolver baixo a carpa xa instalada no porto.

As actividades terán carácter gratuíto para as familias, que deben inscribir ás nenas e nenos o mesmo día que lles interese de xeito presencial na carpa, tanto en horario de mañá como de tarde, sen trámites previos e ata esgotar aforo.

Lorenzana incidiu en que a conciliación e a corresponsabilidade adquiren día a día unha maior relevancia na sociedade e por iso as empresas están a darlle maior presenza e invisten nestes conceptos para acadar espazos de traballo máis óptimos e persoal máis satisfeito. “As empresas deben continuar nesa sensibilización, na racionalización dos centros, na conciliación dos seus traballadores e traballadoras, como única vía para conseguir ese benestar laboral no que estamos insistindo tanto”, afirmou.

A Xunta seguirá en 2023 apoiando a conciliación e a corresponsabilidade, á que se destinarán, tan só desde a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, 14,6 millóns de euros.

En 2023, tamén, levarase ao Parlamento galego a nova Lei de Igualdade autonómica, que dedicará un capítulo enteiro ao concepto de benestar laboral.

A actividade que comeza o próximo xoves na Coruña e en Ferrol trata diso, de favorecer a conciliación, combinar o xogo coa educación en igualdade e impulsar a corresponsabilidade a través de actividades dinámicas e creativas. No caso da Coruña está prevista unha visita á mostra More than Human, que ofrece a Fundación Abanca para facer unha aproximación ao mundo da intelixencia artificial.

Esta iniciativa implica na súa totalidade a empresas da comarca, xerando durante o seu desenvolvemento ao redor de sesenta empregos. Así, os espazos contarán con monitores titulados e especializados para as distintas actividades ofertadas.

Categorías

Actualidade Conciliación

Novas

Toda a actualidade e información de interese no ámbito da igualdade laboral.
Novidades en materia de igualdade laboral
29 Decembro 2022
Como cada mes, recapitulamos as novidades máis reseñables...
SEGUIR LENDO >
As achegas á igualdade laboral no ano 2022
22 Decembro 2022
O ano 2022 foi un período no que desde a Xunta de Galicia...
SEGUIR LENDO >
A Xunta avoga por unha ciencia en igualdade que cree máis oportunidades e aposte polo talento galego na entrega do premio Wonenburger 2022
20 Decembro 2022
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,...
SEGUIR LENDO >
Lorenzana presenta o espazo de conciliación promovido no porto da Coruña pola Xunta de Galicia para axudar ás familias este Nadal
20 Decembro 2022
As instalacións, situadas no peirao do Parrote, abrirán...
SEGUIR LENDO >

Subscríbete ao noso boletín

E recibe todas as nosas novidades no teu correo electrónico.