Lorenzana pon en valor o compromiso da Xunta co benestar laboral como impulsor da retención de talento

  • A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade participou hoxe nun coloquio con Cruz Roja organizado pola Asociación para el Progreso y la Dirección (APD)

  • Resaltou a conveniencia de que as empresas avoguen por captar o interese das persoas traballadoras e favorezan o seu desenvolvemento profesional e formación

  • A área de Promoción do Emprego contará en 2023 con 14,6 millóns de euros destinados a impulsar as medidas de conciliación e corresponsabilidade

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2022.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, referendou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia co benestar laboral como elemento que permite “reter talento” e un mellor “desenvolvemento persoal e profesional” de traballadoras e traballadores. Nun coloquio con Cruz Roja organizado pola Asociación para el Progreso y la Dirección (APD), a representante da Xunta incidiu en que as empresas que ofrecen mellores condicións de traballo poderán contar cun capital humano máis valioso e mellorarán a súa motivación.

Tal e como relatou a titular de Promoción do Emprego, a aposta polo benestar laboral e as medidas que favorezan a conciliación e a corresponsabilidade, son fundamentais para evitar a fuga de talento e limitar a mobilidade laboral. A cidadanía, segundo indicou, busca novas oportunidades tanto dentro como fóra de Galicia e as empresas que ofrezan mellores condicións de traballo “captarán o interese e atención da persoa traballadora, tanto para seguir medrando no seu seo como para intentar acceder á mesma”.

“Numerosos estudos sinalan que, entre os criterios máis importantes á hora de elixir unha empresa onde traballar atópanse: uns beneficios atractivos, o desenvolvemento profesional e unha boa formación”, indicou a conselleira. A Xunta avoga pola corresponsabilidade, a conciliación e o benestar laboral que debe atenderse, indicou Lorenzana, desde “a perspectiva de xénero” para evitar as desigualdades e discriminacións que aínda seguen a sufrir as mulleres no eido laboral. “O benestar laboral non é cousa de mulleres, afecta á retención de talento tanto masculino como feminino”, engadiu.

A conselleira apuntou datos que animan a Xunta a seguir a traballar a favor da igualdade laboral como que as mulleres constitúen un potencial empresarial infrautilizado en Europa ao representar menos do 30%. Aportou, ademais, que máis mulleres se atopan en situación de desemprego en Galicia e en España, ou que o 75% das reducións de xornada  e o 90% das peticións de excedencia por coidado de fillas e fillos, asúmenas as traballadoras.

Aposta polo benestar e a igualdade laboral

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinará en 2023 14,6 millóns de euros á conciliación e á corresponsabilidade, co obxectivo de favorecer, entre outras medidas, a flexibilidade horaria e o fomento do teletraballo e de artellar accións que permitan a homes e mulleres exercer a corresponsabilidade e os coidados.

O departamento de Lorenzana consignou nos seus orzamentos para o ano que vén partidas para impulsar os acordos laborais de flexibilidade horaria e fomento do teletraballo nas empresas (1,05 millóns de euros) e para a conciliación das persoas traballadoras autónomas (1 millón de euros); así como para compensar a redución da xornada laboral e fomentar a corresponsabilidade das familias (580.000 euros) e para promover, en colaboración coas entidades locais, accións que favorezan a conciliación da vida laboral e familiar (1,47 millóns de euros).

Esta área investirá ademais en 2023 un total de 2,3 millóns de euros para impulsar a igualdade laboral a través de medidas como os plans de formación nesta materia relacionados co diálogo social e a negociación colectiva, a implantación de plans de igualdade ou o impulso da responsabilidade social empresarial.

A Xunta está a culminar a regulación dunha nova Certificación galega de excelencia en igualdade para empresas, un selo co que se distinguirá ás empresas que destaquen, de forma salientable, por apostar por un entorno laboral igualitario e sustentable.

A comunidade en 2023 tamén avanzará en novidades lexislativas que farán de Galicia un lugar mellor para traballar. Así, levarase ao Parlamento a nova Lei de Igualdade autonómica queintroduce, entre outros aspectos, o concepto de benestar laboral, ao que lle dedicará un capítulo enteiro.

foto xoán crespo